A día de hoxe, este sistema de regado, que pode ser visto como arqueoloxía xurídico consuetudinaria, ainda permanece recollido e validado polo dereito civil de Galicia ao igual que outros comunitarismos que veñen rexindo a vida do campo desde tempo inmemorial. Ainda que Galicia se sitúa nunha zona húmida e contamos con milleiros de fontes, rios e regatos, as leiras e os prados e tamén os muiños precisaban de auga ao chegar a época estival.

Río da Fraga. // ARQUIVO AUTOR Xerardo Dasairas

Paradoxalmente, esta necesidade de auga no periodo estival, obrigaba a facer captacións das mesmas e establecer sistemas de regadío específicos mediante a sua contención e acumulación, que logo se repartía polas diferentes parcelas cultivadas da parroquia. Este sistema de regadío foi xeralmente coñecido desde tempos antigos como regas, ainda que noutras partes tamén se denominan birtas, levadas ou madoiras como o nome da fonte da miña aldea, adoptando distintos sistemas de distribución escasamente complexos como as caldeiras, regos e decurres. As dificultades das regas estaban máis no seu desenvolvemento como sistema comunal, onde as sinxelas estruturas de captación e represado da auga servían a moitos veciños, o que implicaba unha certa complexidade organizativa, baseada no dereito consuetudinario, é dicir, aquel que procede do uso e costume antigos, insertos no dereito civil galego.

Nalgures, para o cambio de turmo usábase a buguina. // ARQUIVO DO AUTOR Xerardo Dasairas

En Aldán, no que eran as terras do conde, ainda se conservan restos do que foi un espectacular sistema de rego, quizáis único en Galicia, no que a auga captada dunha mina se transportaba por un acueduto elevado ata as terras altas desde onde se distribuían logo as regas. Máis complexo que este, beneficiado por un único particular, era o uso comunitario das augas para a rega que ainda podemos constatar en Darbo coa existencia dunha represa no lugar de Riás e noutros ríos como o das Regadas (logo chamado das Saíñas) cuxo nome tamén nos indica a mesma función de regadío. Sobre este tema existen moitas alusións e referencias pero son escasos os traballos que describan a fondo a organización e os procesos de reparto, podendo citar algúns máis que centenarios dos que nos quedaron referencias antigas como o de Viana do Bolo, as levadas de Arbo ou a Xunta dos Homes Bos de Taboadelo no concello de Ponte Caldelas. Tamén temos referencias do singular sistema de reparto de augas que fan en Felgueiras, perto de Guimarães (Portugal) entre o San Xoan e o 15 de agosto dividindo o día enteiro en seis partes: galo (12 da noite), sol-nado, chouzeiro, sesta, tarde e solposto. O curioso é que o fin e o inicio das tandas destas regas faise medindo en pés (establecidos de oito a tres e inversamente pola tarde) a sombra do regante proxectada polo sol e que se considerou de influencia árabe (?).

Val de Coiro na actualidade. // ARQUIVO DO AUTOR Xerardo Dasairas

E na parroquia de Coiro, pola que discorre o Bouzós, o maior río do concello, capaz de mover unha trintena de muiños, tamén existiu ata finais dos anos setenta un sistema antigo de regas, cualificado na documentación como inmemorial e do que ainda quedan referencias en topónimos como o do rio das Presas (ou de Anguieiro), Augalevada (Gholvada) ou Frontal do Lago (presa). O sistema utilizado foi o de presa con levada e a primeira referencia data do ano 1591 ao se dirimir ante o Justicia Mayor do arcebispo unha demanda interposta por Mateo de Mondragón, abade de Coiro, contra Francisco González e outros veciños, porque “teniendo una presa antigua de agua que sacava del río de Casierra... para el servicio del lugar y heredades de dho. su beneficio, que llaman iglesario, y estando en posesión inmemorial, desde hacía cinco meses de noche secreta y escondidamente se fueron a la dha. presa y la deshicieron toda ella procurando sacar el agua della”. Como primeira advertencia, o Xuiz arcebispal ordenoulles aos veciños non perturbar ao demandante, avisándoos de cargos contra eles en caso de reincidencia. O incremento de poboación e de terras de cultivo fixo que se prodigaran encoros cuxas posteriores referencias documentais datan de comezos do século XVIII sendo xa máis abondosos os datos a partir do primeiro terzo do século XIX, ao se constituiren os concellos e provincias, ordenando e aprobando os rateos das augas o gobernador e máis o alcalde que nomeaba un rexidor ou rateador na parroquia. Este, xunto con outros veciños, electos como celadores, procedían á distribución da auga en asembleas de regantes celebradas na Fonte Bieita xunto ao Igrexario. Unha R.O. de 29 de abril de 1860 vaille dar contido legal aos repartos e acordos e incluso procede ao nomeamento dos encargados da distribución da auga que agora se van denominar como Xunta Sindical.

O rateo. // ARQUIVO DO AUTOR Xerardo Dasairas

O dereito ao usufruto das fontes, arredor de vintecinco na parroquia, minas e ríos e por tanto tamén da rega, xa aparece desde antigo como algo inherente á propiedade dos terreos (herdados, partidos, vendidos...) e vai sempre con el en proporción á superficie dos mesmos. Non sabemos desde cando se exerceu este dereito veciñal pois ata o século XIX as veceiras (rateos) do reparto non constan documentalmente, sendo o rexidor e celadores deste servizo, nomeados pola comunidade, os encargados do mesmo e de resolver os moitos acordos e trasacordos que se producían. Sobre estes pleitos no Antigo Réxime non hai documentación pois os veciños, como en todo Galicia, preferían os arranxos verbais entre eles antes de meterse en custosos pleitos que pouco resolvían, pois os tribunais, ao aplicaren a lexislación castelá, vixente en Galicia, eran menos útiles nestes casos que noutros conflitos. Contodo, os desarranxos na convivencia comunitaria por uso do espazo ou de bens como a auga (regos, muiños...), alcanzaban un 12% de media na Audiencia de Galicia mentres que os referentes aos montes e comunais chegaban ao 25,5% pois afectaban a intereses de maior valor de uso. Tamén é de destacar que os maiores picos de reclamaciós e conflictividade veñen coincidir a comezos do século XVII coa introdución do millo e no final do XVIII coa chegada da pataca, ainda que tamén se reproduciron logo coa potenciación e creación das praderías.

Encoro e pedra de peche do buceiro de desaugue | // ARQUIVO DO AUTOR

Os primeiros datos sobre as regas en Coiro veñen enmarcados no estado de depauperación, miseria e ruina que seguiu á ocupación francesa e á conseguinte guerra e descontrol que tamén lle afectaron a este secular sistema comunal de aproveitamento das augas. Nestas datas, as regas deixaron de contar co sistema de reparto establecido, producíndose abusos no seu uso e distribución que derivaban en enfrentamentos veciñais, mentres os grandes terratenentes se beneficiaban.

Antigüidade das regas.

Co novo réxime, Coiro e Tirán van conformar Concello entre 1814 e 1821 polo que sabemos que o sistema de regas, ao menos nestas datas, se practicaba en ambas parroquias e incluso nas veciñas de Moaña e Darbo. Xa que logo e da man dos cregos das duas parroquias daquel Concello, controlado polo señor da Ameixoada, elevaríase unha petición ao Tribunal da Audiencia para que ditase provisión sobre o asunto do reparto e poñer así fin aos abusos e conflitos. Mais, a resolución xudicial ainda había tardar bastantes anos e sería efectiva xa cando a parroquia de Coiro levaba seis anos anexada ao Concello de Cangas, feito tamén fundamental no reparto das augas.

(*) Mestre e historiador de Cangas