Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lina e Lola seducen a Xabier Díaz

Xabier Díaz rodeado por As Adufeiras de Salitre e polas mozas de Lina e Lola. | // CORTESÍA DE PIXELÍNPHOTO

As mozas de Lina e Lola, o grupo de pandereteiras e cantareiras da Asociación Peis d’Hos veñen de pechar un ano sublime. O colofón foi a súa actuación xunto a Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre no seu tradicional concerto de fin de ano na sala Capitol, en Santiago de Compostela

Entre as tradicións xa asentadas en Galicia no final do ano está o concerto de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre na fantástica sala Capitol, en Santiago de Compostela. O que fora cantante de Berrogüetto celebrou esta pasada fin de semana esa actuación e contou cunhas invitadas moi especiais, chegadas desde a comarca do Morrazo: Mónica, Saínza, Violeta, Claudia, Alba, Melisa, Tania e Paula. Todas elas xuntas son máis coñecidas como Lina e Lola, o grupo de pandereteiras e cantareiras da Asociación Cultural Peis d’Hos.

Un momento da actuación na sala Capitol das mozas de Lina e Lola, da Asociación Peis d’Hos. | // CORTESÍA DE PIXELÍNPHOTO

A súa intervención nun espazo tan emblemático como Capitol foi un verdadeiro éxito. Tanto que non se limitaron a exercer de teloneiras para Xabier Díaz, senón que o artista as convidou ao final da actuación a compartir escenario con el e As Adufeiras de Salitre. Non é pouca cousa!

As mozas, dirixidas pola mestra Nébeda Piñeiro, actuaron en primeiro lugar durante media hora, un tempo no que deron boa conta do seu repertorio e demostraron “elegancia, forza, técnica, empaste e afinación”, tal como destaca o director de Peis D’Hos, Miguel Sotelo. Para este concerto de fin de ano no corazón de Galicia mostraron o seu bo facer e gusto cunha escolma de temas tradicionais das catro provincias galegas.

A actuación de Lina e Lola mereceu o aplauso e os eloxios do numeroso público que acudiu á sala santiaguesa. Entre os que se desfixeron en louvanzas cara as mozas estaba o propio Xabier Díaz, que antes de dar por rematado o seu concerto convidounas a subir de novo ao escenario de Capitol para que cantasen xunto a el e As Adufeiras de Salitre. O cantante e músico incluso bromeou, ao fío do éxito que están obtendo as tres mozas de Tanxugueiras, e sinalou que o festival de Eurovisión 2024 xa podería ir preparándose. Unha chiscadela para preparar un futuro relevo ás Tanxugueiras.

Un momento da actuación de Lina e Lola xunto a Xabier Díaz na sala Capitol, en Santiago. Cortesía de Pixelin Photo

Broche a un gran ano

Desde a Asociación Cultural Peis d’Hos mostran a súa ledicia por este recoñecemento e pola traxectoria de Lina e Lola. “Este concerto en Santiago xunto a Xabier Díaz é un merecido broche de ouro ao gran traballo que veñen desenvolvendo desde hai tempo, pero que en certo modo está sobresaíndo neste último ano”, afirman Miguel Sotelo e Nébeda Piñeiro.

Peis d’Hos está preparando nestes momentos un festival especial no Auditorio de Cangas, que se vai celebrar o vindeiro 7 de xaneiro e que será o colofón á programación navideña do Concello. O obxectivo é festexar o décimo aniversario de Trébede, o grupo oficial da asociación que se adica á recuperación, difusión e promoción do patrimonio cultural galego, en especial todo o referido á música, vestiario e baile tradicional. Nese próximo festival actuarán Lina e Lola, xunto ao resto de compañeiros e compañeiras da Asociación Cultural Peis d’Hos. A maiores estarán tamén os integrantes da primeira xeración de bailadores, bailadoras, pandereteiras e músicos da agrupación. En total subirán enriba do escenario do Auditorio de Cangas máis de 50 persoas para completar o elenco de artistas desta gala especial de aniversario.

As entradas xa están á venda a través da páxina web de ataquilla.com.

Compartir el artículo

stats