Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna Libre

Ons: diálogo, participación e transparencia para 2022

Estamos, en PineirÓns, na fase de configurar o Informe que todos os anos enviamos á Consellería de Medio Ambiente e á Dirección do Parque Nacional Illas Atlánticas, sobre as problemáticas atopadas en Ons durante o ano 2021, coas nosas suxestións ao respecto.

Sobre este ano 2021 estamos moi satisfeitos debido ao bo facer de Parques na Illa, o que repercutirá positivamente na nosa exposición en comparación con outros anos.

Coido que esta boa disposición dos responsables do Parque Nacional debería ir paralelo a unha boa relación cos veciños e os seus representantes.

Un primeiro paso xa está dado, coa participación na Mesa por Ons e, despois de moitos anos solicitándoo, se permita que os veciños estean representados no Padroado do Parque –aínda que nós seguimos pensando que ese organismo non sirve para nada e, á experiencia destes 19 anos nos remitimos – o que esperamos que os aunienses teñan voz e voto sobre as súas, case ancestrais, xustas reivindicacións.

En moitos anos, con outras administracións e ata coa propia Consellería actual, os aunienses só tiveron como respostas, actitudes ditatoriais e prohibicións; o diálogo nunca existiu, o que provocou un distanciamento e actuacións que ninguén desexaba.

Houbo moitos momentos bos para comezar unha nova etapa, pero sempre a administración desperdiciounos e recuou, e os conflitos xurdían de novo. Coido que este, no que vemos na administración un bo talante, agás que sexa porque queren conseguir algo sen que xurdan dificultades, é o momento de buscar no diálogo o xeito da actuación administración-veciños para saír adiante polo ben da Illa e da súa Comunidade.

Os veciños teñen que preparar ben as súas reivindicacións e presentalas ben documentadas por escrito e, en reunións posteriores, defendelas diante de quen corresponda e que os resultados desas conversas, tamén queden reflectidas por escrito.

Por parte da administración, a súa resposta non pode ser, como era, o “non” sen tan sequera consultalas, estudalas, buscar alternativas... Hai que examinalas con calma, ver pros e contras, informarse ben... E despois con diálogo, debatelas entre as partes para chegar a puntos de encontro De aí a importancia, de non dar a calada por resposta, senón a participación de veciños e administración no devir da Illa e da súa comunidade veciñal histórica.

Xa por último, seguiremos pedindo transparencia na Consellería de Medio Ambiente, contestando aos escritos que se lle envían, facilitando o diálogo e a participación e, sobre todo, informando a veciños e persoas interesadas, sobre os proxectos, segundo o PRUX, que había e que hai para a Illa anualmente: os que se realizaron e os que non e o seu por que, presuposto por ano utilizado e o que hai programado para o seguinte, axudas que viñeron de Europa, proxectos e investigacións realizados por universidade ou outros investigadores,..., e un longo etc.

Só esperamos que corran novos tempos para a Illa de Ons a partires deste 2022.

*Presidente da Asociación PineirÓns

Compartir el artículo

stats