Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A historia dunha nena invidente vence na segunda edición do Certame de Relato Curto en Igualdade

Fabio Rivas recollendo o premio coa alcaldesa e o xurado. | G.N.

A Lonxa Literaria de Moaña e o Concello entregaron onte o premio do II Certame de Relato Curto en Igualdade ao pontevedrés Fabio Rivas Pardo. Trátase do gañador desta edición co texto “Os gatos pardos”, que será publicado cunha portada ilustrada por Sheela Tato.

O relato gañador está encadrado na posguerra e no marco dunha noite de San Xoán, na que uns mozos fan trasnadas e rouban cancelas aos seus veciños. A protagonista da historia é unha nena invidente, que lle dá unha lección aos outros mozos que non lle deixaban facer falcatruadas con eles. Cumpre así cun dos obxectivos deste certame, que pasa por visibilizar a diversidade e a discapacidade.

Fabio Rivas Pardo explica que “este relato xa estaba na miña cabeza dende facía tempo. Estaba buscando unha escusa para escribilo e cando me enterei deste certame pareceume unha boa ocasión”. Recoñece que non agardaba rematar como gañador do certame.

“Non quería facer o de todo o mundo, e por iso situei o relato no pasado, para amosar que a diversidade sexual e funcional non é unha realidade actual, senón que sempre existiu. Ademais, antes de noite non había iluminación e unha persoa invidente estaba na mesma situación que o resto, por iso o título elixido, porque polas noites todos os gatos son pardos”, apunta.

Este veciño de Pontevedra, que estuda Filoloxía Galega e traballa como libreiro, xa ten experiencia en concursos literarios, pois en maio gañou o premio de relato curto convocado pola Universidade de Vigo. “Foi un ano incrible para min, porque acadei a primeira publicación con ese premio”, conclúe.

O xurado do certame moañés estivo integrado por María Salinas, Santiago Lopo e Soledad Ríos. No acto de entrega do premio actuaron a poeta Yolanda Castaño e o músico Isaac Garabatos, que integran o proxecto poético-musical “Idioma da Tinta”.

Compartir el artículo

stats