Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tribuna Libre

Un canón bélico de pau enferruxado

Na edición en papel do 11 do corrente deste xornal abraia, ata me exixir relectura, constatar como dous grupos políticos municipais antagónicos -ou non- á fin acordan en Pleno compartiren novo interese; en materia insubstancial que me é profundamente adversa: a exhibición, dende sine die e pretendida permanente, na Udra -pola Chan da Gornición ou do Axexante da Boca, supoño- dun canón de aceiro forxado seica dado en chamar de pau, en pésima evocación daqueloutro de carballo activado en lugar, circunstancia e ano tan distantes como alleos á nosa realidade (Cotobade, Guerra da Independencia, 1809). Non o cremos resultado de obnubilación pasaxeira e si despropósito de pleno dereito perpetrado por estrategas. Un dislate incríbel, de darlle mal a un e que oxalá nin pintado.

Po non cumprir con ser réplica nada nos substiúe e nada nos simboliza este tirabolas; tampouco isto acadou na Montaña. Vénnos chimpado. Endexamais debera recibir A Udra elementos deturpadores da súa identidade monumental nin da primixenia comuñón que de sempre nos ofrece; abonda con tanta parede. Arrédense do engano: xa todos sabemos en cal contexto rancio, herdeiro da penuria e do silencio, tivo que soportar ser atalaia armada durante catro décadas. Non proceden desconfiguracións nin retrocesos. Se queren prender fachos resplandecentes por ela adiante axuden a facilitárllelo acceso integral ós discapacitados físicos; a lle catar unha migalla o subsolo do Castro e lle repoñeren a cruz da pirulla, erixida ós afogados no mar; a desmontárllelo Bebedouro de Fonvalo da Regueira nun aceno de salubridade primordial. Que xa por chafalleiros e por íremos á herba para a bicicleta canto fai nos coñecen.

E fagan favor xa que logo: se daquela o seu enxeño foi avante, teñan a ben amendalo un chisquiño: ritualíceno con xeito, anque máis nada fore dándolle traslado pola Vrea da Artillería, itinerario orixinal ex profeso. Fágano se acaso con banda e honores, que por alá embaixo non incomodan. E postos vds. e mais a alfaia na ubicación idónea amáñense sen se dar fregas para as instantáneas; síganse levando ben. Porque no intre quizais se xuntare moita xente naquel torreiro: presuntos ideólogos (A.S.B.E.L), presentadora (M.E.E.F.), C.M.V.M.C., servidores públicos do teor se aínda os houber, outros impelentes e demais curiosos.

Mera absurda moción, para maior espanto aplaudida. Porén no decurso da histórica sesión máis medo mete (impresa mesmo cega) a frívola argumentación esgrimida polo edil polivalente para se excusare da aprobación; aparente declaración de principios, que por se gloriosa deixamos para os anales. E como no medio de tanto rabo adoita aparecer unha cabeza, heme obriga encomiar a intervención do Vicealcalde, álxido de facultades. Abofé: absolutamente incompatíbel co encanto e reminiscencias do enclave asignado, é no extrarradio do museo onde poida lucir tan codiciado trofeo, ou acollido no seu soto; a salvo de sere colmado polo mato e as acacias, quizais antes de mudar o ano.

Mátannos a disgustos! Desputaríanse vds. unha bancada para un atractivo estupefaiate ou pareceríalle isco máis exótico un narcosubmariño? Até onde chegarían vds. con tal de seguir chamando a atención? Cánto mellor non sería que se deixaren de tiros ó airo, de campamentos papaareas e aínda doutras caralladas inimaxinables para con afouteza xerar harmonía restaurando á epígrafe da Cruz de Sanomedio, restituíndo o mogón de término da Tomada de Martínez, ensinando aquel forno romano, honrando a Fonte dos Cabalos (O Castrillón), rehabilitando arquitectura tradicional periférica, devolvéndonos dun raio dunha vez o camiño de Coumiñan etc! E pagaren as súas débedas patrimoniais.

Parécemo que tamén desta volta moito gando e carro frouxo. Agardamos pois a que proposta consentida da maneira teña menos peso e alcance có seu “tutelo de ferro” (dille así o meu netiño).

*Veciño de Beluso

Compartir el artículo

stats