Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Documentada a orixe milenaria de San Martiño

Manuel Uxío García e José Rodríguez reafirman no Arquivo Histórico Nacional a existencia da igrexa prerrománica

Anaco do segundo documento citando que en 1184 xa existía a parroquia de San Martiño de Moaña.

Nas datas do 24 e 25 de outubro do 2021, publicouse neste xornal, en dúas achegas, un traballo de investigación conxunto co catedrático de latín xubilado de Moaña, José Bto. Rguez. Parada, baixo o título xenérico de “As orixes da parroquia histórica de Moaña”. As dúas achegas remitíronse ao Dr. en arqueoloxía D. José Carlos Sánchez Pardo, profesor da Universidade de Santiago quen considerou o traballo, moi completo e rigoroso.

Como resumo do publicado, nel constatouse a existencia dun poboado galaico romano no denominado Monte do Castro do Cruceiro, a través dos achados de cerámica castrexa e tégulas (tellas) romanas en 1973; dun muíño de man romano e outra tégula no adro alto da igrexa de San Martiño no 2006; no descubrimento, nese mesmo ano, do recoñecido por Patrimonio como “Necrópole de San Martiño” onde se atoparon sartegos antropomorfos altomedievais e de que aínda existen varios lugares, nas proximidades do templo, con nomes de raizame romana, tales como: Vila, Fondo da Vila, Fonte da Vila, Cima da Vila, Casal, Quintela, Quinteiros, etc. que os ían creando os galaico – romanos que abandonaban os castros.

Tendo en conta que os primitivos galaicos non enterraban aos mortos, chegouse a conclusión de que na devandita necrópole procedíase a sepultar aos defuntos galaico – romanos que vivían neses pequenos núcleos de poboación e noutros que se ían constituínndo para completar as aldeas dunha parroquia cuxa primitiva igrexa foi construída no lugar sagrado en que se converteu a Necrópole de San Martiño; deste xeito naceu a primitiva parroquia de San Martiño de Moaña que, segundo o devandito profesor da universidade compostelán estivo constituída, posiblemente, desde os séculos IX – X.

Copia do privilexio de 1184. AHN Clero; Carp. 1750, nº 14

Inscripcións

Analizáronse tamén as dúas inscricións medievais que aínda se conservan no actual templo románico; a primeira situada no tímpano da súa portada principal e, a segunda, no muro da meridional que, en resumo, sinalan que un tal Arias mandouna facer e foi consagrada en 1197 para el mesmo e para todas as familias (de Moaña).

Faltaba coñecer a historia deste persoeiro e cal foi o motivo polo que mandou construír a igrexa actual que ía a substituír á prerrománica anterior. A resposta atopouse nun privilexio de doazón da “Herdade de Sabaceda” que, no ano 1184, fai o rei de León e Galicia Fernando II ao nobre da comarca de Ribadavia, Fernando Arias, para agradecerlle a súa axuda na loita contra os mouros.

Tomando en consideración que Arias chegou a Moaña nese mesmo ano para facerse cargo da “Herdade de Sabaceda” e que a igrexa que mandou construír, a medias coas familias da primitiva parroquia de San Martiño, consagrouse en 1197; nese período de 13 anos botouse abaixo unha pequena igrexa parroquial prerrománica e construíuse a románica actual.

O devandito privilexio foi transcrito e traducido do latín ao galego polo catedrático do noso equipo investigador, quen, destacou o seguinte parágrafo que non puido traducir na súa totalidade, debido ao mal estado do manuscrito orixinal:

Por isto, eu o rei don Fernando, xunto co meu fillo o rei don Alfonso, mediante unha carta de doazón que ha de ter validez para sempre, dou e concedo a vós, Fernando Arias … … … … … … … … vilas … ..… … … … … … … no lugar sinalado en Sabaceda, de cincuenta mil… … na parroquia de San … … … no Morrazo … …. … con todos os seus dereitos e pertenzas, con dereito hereditario e acoutamento rexio.

Documento denominado verso

A pesares de dita falla, chegouse a conclusión de que a parroquia sinalada non pode ser outra que a de San Martiño de Moaña.

Non obstante, como dito catedrático de latín, comparte a súa residencia entre Madrid e Moaña, achegouse ao Archivo Histórico Nacional para ver si era posible analizar o documento a través de raios infravermellos ou buscar algún outro no que aparecese escrita a verba “Moania” en latín ou “Moaña” en galego e castelán.

Nun primeiro lugar, conseguiu que unha funcionaria especializada, puidese completar a frase: Sancti Martini (San Martiño) pero non foi posible ler, de Moania (de Moaña), que debía estar a continuación, por estar totalmente borrado no pergameo. Entón, dedicouse a buscar calquera outro documento que dese fe da súa existencia nese ano ou nos anteriores, atopando un segundo, denominado verso, onde aparece escrito, que o devandito privilexio asinouse na Era de 1222 (ano 1184) e trata dunha doazón a Fernando Arias en San Martiño de Moaña; tal e como se pode comprobar nunha copia facilitada, cuxa foto se achega.

Como resumo nesta colaboración constatar que este novo documento reforza as orixes milenarias da “Parroquia Histórica de Moaña” que, segundo o Catastro do “Marqués de la Ensenada” do ano 1752, estaba constituída por 28 aldeas, distribuídas en pleno século XX entre os actuais 17 lugares ou barrios.

(*) José B. Rodríguez é catedrático de Latín

Manuel Uxío García é Cronista Oficial de Moaña

Compartir el artículo

stats