Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana María Germade | Presidenta da Asociación de Veciños de Tirán

“Grazas ao Camiño Real as familias gozan de Tirán”

Ana María Germade, no exterior do centro cultural de Tirán. | G.N.

Ana María Germade (Tirán, 1952) foi elixida en novembro como nova presidenta da Asociación de Veciños de Tirán. Xubilada, encabeza unha directiva que foi moi renovada tras saír elixida a única lista que se presentou, e que xa era a proposta no momento da convocatoria electoral.

–A directiva incorporou a moita xente nova. A que se debe tanta implicación no movemento veciñal en Tirán?

–A xente anímase a colaborar porque a AVV está a funcionar ben. Temos unha programación estable de actividades no centro sociocultural que buscan tanto o benestar físico das veciñas como xerar espazos culturais nos que xuntarnos.

Tamén foi un éxito a aposta e involucración da asociación en proxectos singulares como o Camiño Real ou o parque forestal do Monte dos Remedios. As veciñas e veciños de Tirán síntense moi identificadas coa súa parroquia e o modo de facer dos últimos anos; os proxectos naceron dos propios veciños, e iso claro que anima a unirse a esta boa dinámica, as veciñas ven que é posible ser parte dos cambios.

–Cales son as demandas ou necesidades máis urxentes que ten a parroquia?

–Neste punto aínda non quero pronunciarme, xa que será algo que debateremos e valoraremos nunha reunión coa nova directiva, preparando así tamén a nosa liña de traballo a defender no próximo consello veciñal. Algunhas necesidades moi evidentes son completar o tendido da fibra óptica e a limpeza do Camiño Real.

––Que lle levou a dar un paso á fronte e asumir a presidencia?

–Todo o equipo da anterior directiva valoramos, en grupo, a necesidade de que alguén asumise esta responsabilidade; alguén entre os máis veteranos tiña que dar ese paso e ao final fun eu. Animoume o bo ambiente que se respira no novo equipo, hai un sano equilibrio entre veteranía e novas mans que se unen con enerxía e grande capacidade. Estou moi contenta.

–A mellora da mobilidade foi un sinal de identidade da Asociación de Veciños de Tirán nos últimos años. Como afrontan a vindeira reforma do TCA na estrada xeral? Pensan que a Xunta tivo en conta as aportacións do colectivo?

–Tanto a anterior directiva como esta comparten que un dos temas fundamentais en Tirán é a mellora da seguridade na PO-551. A anterior directiva presentou unha alegación á Xunta defendendo que se lle prestase unha especial atención ás persoas, sobre todo nos cruces e nos pasos peonís. Despois de máis de dous anos agardando, recibimos unha resposta moi pouco clara. En todo ese tempo o Camiño Real xa se materializou e agora esperamos que a obra da Xunta tamén o incorpore.

–Que valoración fan, agora que pasou un tempo, do funcionamento do Camiño Real tras a reforma?

–Estamos moi contentas cos cambios, agora o Camiño é un lugar máis amable. Máis veciñas atópamonos e saúdamonos, tamén xente de Moaña e Cangas o emprega para pasear e os fins de semana hai moitas familias que gozan de Tirán a pé e en bici. En termos xerais é unha obra moi ben valorada. Pero somos conscientes de que quedan cousas por facer. Algunhas desas cousas dependen da acción urbanística do Concello en algún retranqueo e algunha fronte de parcela.

En Tirán xa gañamos unha rúa peonil, pero botamos en falta un maior respecto das normas, xa que non é raro cruzarse con algún incívico a excesiva velocidade; non só coches senón tamén bicicletas e patinetes. Son poucos pero suficientes para que ás veces percibamos que non é de todo seguro sobre todo para os máis novos. O Camiño está moi vivo e de seguro que seguirá evoluíndo e cambiando.

Compartir el artículo

stats