Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Celso Parada, "sempre en escena"

Xosé Carlos Villaverde, onte, co libro sobre a a traxectoria do grande actor moañés. / G.N.

“A pelexa de Celso Parada para acadar a dignidade e profesionalización do teatro galego foi esencial e o seu falecemento en 2019 amosou a necesidade de facerlle unha grande homenaxe”. Así se expresa Xosé Carlos Villaverde, da Agrupación Cultural Nós, á que pertenceu o propio actor. Villaverde é o autor principal do libro “Celso Parada. Sempre en escena”, que percorre a traxectoria vital e artística dunha das caras más recoñecidas do teatro, a televisión e o cinema galegos.

Páxina do libro cunha escena de “O Lazariño” (1998).

O libro será presentado este sábado no centro cultural Daniel Castelao de Quintela ás 12.00 horas, nun día adicado a Parada –Sito para os seus amigos– co gallo do trixésimo aniversario da posta en escena da obra “Misterio Cómico”. A xornada incluirá o nomeamento dese espazo como “Sala Celso Parada”, a proposta de Nós. “Foi nesa sala onde estreou “Misterio Cómico”, obra da que fixo máis de 300 representacións. Ademais, ensaiou alí moitísimo e ten un vencello simbólico con ese espazo”, apunta o autor do libro.

Sito e os seus compañeiros de reparto en “A Vía Láctea” no 1993.

O Concello permitirá descargar dende as súas redes sociais este documento que conta cunha impresionante escolma fotográfica da traxectoria de Parada, lembrando o seu papel na recuperación do Entroido moañés ou a creación do grupo de teatro Ateneo de Moaña, antes de que en 1998 puxese en marcha a compañía Teatro do Morcego, nome inspirado nunha obra que Daniel Castelao viu durante unha viaxe a París.

A vida de Parada estivo moi vencellada á figura do grande intelectual galeguista, pois entre o Ateneo e Teatro do Morcego, fixo catro montaxes de “Os vellos non deben namorarse”. Ademais, a súa sala se ubicará no Centro Cultural Daniel Castelao, de ahí que Villaverde optase polo título “Sempre en escena” para este libro, facendo un paralelismo con “Sempre en Galiza”.

A obra da Agrupación Cultural Nós é unha guía detallada de Celso Parada, ata o punto de contar con cadros de todas as obras de Teatro do Morcego que inclúen a todo o personal que traballou en cada montaxe. Tamén se lembran todas as participacións de Sito en producións audiovisuais e os textos e fotografías lembran montaxes tan importantes como “O Lazariño de Tormes”,Morte accidental dun anarquista” ou a súa última obra con Teatro do Morcego, “House desaforado”, estreada no 2017.

A obra conclúe cun álbum de fotografías históricas procedentes dos arquivos de Nós, da compañía de Parada ou de GF-Studio. Ademais, repasa a meirande parte dos carteis e programas das obras que fixeron de Sito a grande referencia do teatro galego.

Compartir el artículo

stats