Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A memoria da música represaliada

Xurxo Souto participa hoxe en Cangas nun obradoiro especial

O gaiteiro de Ordes Manuel del Río (sentado) e ao lado, con pandeireta, a súa muller. |

“Somos un pobo de artistas e moitos deles sufriron a represión franquista e a dobre condea do esquecemento. Hai que rachar dunha vez tanto silencio”. Quen así se expresa é o escritor e músico Xurxo Souto, que hoxe estará en Cangas para tomar parte no obradoiro de música represaliada que forma parte das actividades pola memoria histórica deste ano 2021. O acto será a partir das 19.30 horas no salón de plenos do Concello de Cangas, coa colaboración da institución municipal, a Deputación e a Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto.

O nome da asociación canguesa fai referencia á data do asasinato dos coñecidos como “Mártires de Anguieiro”. E un deles era músico, como explica Souto. “Trátase da figura de José Nores, músico da banda e asasinado ese 28 de agosto de 1936”, lembra.

Xurxo Souto explica que a intención deste obradoiro é recuperar a memoria e dignidade de músicos como José Nores, dos que desgrazadamente hai moitos casos por Galicia. “Está o gaiteiro Manuel del Río Mandayo, de Ordes, tamén asasinado. A súa muller, que tocaba a pandeireta, ficou viúva e con catro fillos”, engade a modo de exemplo.

Esta iniciativa servirá dalgún modo para erguer o pano do esquecemento e para mostrar que a represión no eido musical estaba moito máis presente do que se podía pensar. Xurxo Souto suliña o caso de Pucho Boedo e Prudencio Romo, dous dos integrantes dos famosos Los Tamara. “O pai de Boedo era sindicalista da CNT e foi asasinado en 1936. E o pai de Romo era garda de asalto da República, polo que estivo en prisión no Castelo de San Antón da Coruña, que daquela era cárcere militar”, explica Xurxo Souto. O grupo non podía falar destes asuntos nas súas cancións, mais deixaron algunha que outra pegada, como “O vello e o sapo”.

O escritor e músico afirma que a represión foi “especialmente virulenta no mundo da música”, silenciando o “esplendor creativo” que había antes da Guerra Civil. “Hai que lembrar que en 1929 xa se estreará en Vigo a gran ópera galega, “O Mariscal”, composta por Eduardo Rodríguez Losada, con libreto de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte”, destaca Xurxo Souto.

O artista defende que iniciativas como a desta tarde en Cangas son moi necesarias. “Coñecer o pasado é o único camiño para entender o presente e construír un futuro mellor”, conclúe.

Compartir el artículo

stats