Bernardino Graña regresa aos colexios

A exposición “O home que quixo vivir” inicia un percorrido por institutos de Cangas

Xan Leira, Aurora Prieto e Carlos Camaño, na presentación da mostra no IES Monte Carrasco.   | // G.NÚÑEZ

Xan Leira, Aurora Prieto e Carlos Camaño, na presentación da mostra no IES Monte Carrasco. | // G.NÚÑEZ / G.M.P.

CANGAS

Despois de pasar, nos últimos meses, por Moaña ou Nigrán, a exposición documental “Bernardino Graña. O home que quixo vivir” inicia un percorrido polos institutos Monte Carrasco, María Soliño e Rodeira, en Cangas ,co obxectivo de “achegar á xente nova a vida e a obra” desta figura insigne das nosas letras, en palabras do artífice da mostra, o cineasta Xan Leira, que incide no valor didáctico engadido para o alumnado ao contar con máis de unha ducia de paneis explicativos e varias copias do audiovisual para seren proxectadas nas aulas ou traballar sobre elas. A concelleira de Cultura, Aurora Prieto, celebra a “posta en valor dunha vida e unha obra excepcionais”, e o xefe de estudos do IES Monte Carrasco, Carlos Camaño, agradece esta “ferramenta novedosa, de gran valor pedagóxico” e que se conte cos centros escolares para achegala.

A iniciativa cristalizou dous anos atrás cun documental que se fixo posible coas aportacións da Xunta de Galicia e dos concellos de Cangas, Moaña e Nigrán. Leira fai fincapé na “sensibilidade” do exrexedor Xosé Manuel Pazos para darlle pulo e as aportacións doutros autores, como Héitor Mera, para enriquecer este empeño de “poñer a Bernardino Graña no lugar de apreciación popular que lle corresponde”, achegando á xente a súa obra, que aínda agora segue creando desde unha residencia de Nigrán, donde hai pouco máis de un mes cumpriu 89 anos, en compañía de persoas próximas.

Os 14 paneis percorren desde a infancia do autor, ilustrada con fotografías, ata as primeiras lecturas e a súa etapa como docente, e están enriquecidos con declaracións de distintas personalidades da cultura galega, que lembran a paixón de Bernardino Graña pola literatura e polo mar. Poesía, teatro ou narrativa destacan nunha produción fecunda que se repasa nestes paneis, como tamén no audiovisual. Completado o periplo por Moaña, Nigrán e Cangas, as próximas paradas están previstas no museo etnolóxico de Ribadavia e nos institutos moañeses, como parte dun calendario aínda sen pechar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents