O citado documento de Tructino permite aos historiadores investigar como se foron implantando no territorio as igrexas rurais da Galicia do alto medievo. O arqueólogo da Universidade de Santiago de Compostela, Dr. José Carlos Sánchez Pardo, no artigo Las iglesias rurales y su papel en la articulación territorial de la Galicia medieval (ss. VI-XIII), Mélanges de la casa de Velázqez, 2010, despois de estudar as características máis relevantes da implantación espacial na paisaxe de doce igrexas mencionadas por Tructino, que aínda existen, reformadas ou reconstruídas, no territorio de Nendos (A Coruña), chega a unhas conclusións que nos poden aproximar ás orixes da igrexa de San Martiño.
Non dispoñemos de restos arqueolóxicos que nos poidan confirmar se a probable igrexa rural podería ser da mesma tipoloxía que as do grupo de igrexas que enumera Tructino, pero si atopamos semellanzas na vinculación cunha necrópole e no illamento respecto das zonas habitadas, características que constata Sánchez Pardo. O lugar da implantación no territorio da igrexa de San Martiño pode estar relacionado coa ocupación continuada con enterramentos desde tempos antigos, nun espazo de connotación sagrada, separado dos lugares habitados das aldeas, polo que foi adquirindo un carácter comunitario que permitiu á primeira parroquia erguer nese espazo a súa igrexa.
O termo parroquia fai referencia a unha división administrativa eclesiástica e civil, que é permanente logo de que se consolidan os límites territoriais.
Desde o ano 572 no que aparece a parrochia de Morracio no Parrochiale Sevum, non temos referencias ás igrexas do Morrazo ata a segunda metade do século XII, entre as que atopamos a parroquia de San Martiño de Moaña nun privilexio de doazón de Fernando II dunha herdade de reguengo que tiña en Sabaceda, no ano 1184.
Nun recuncho da portada románica da igrexa de San Martiño, despois dunha ampla inscrición que vai nomeando aos santos da consagración do templo, que están esculpidos debaixo dela, con San Martiño en posición central, podemos ler a curta inscrición ARIAS FECI, que traducimos como EU ARIAS MANDEINA FACER, ignorando ata fai pouco tempo quen fose este persoeiro. A carón da porta meridional, outra inscrición, que traducimos como, ESTA IGREXA FOI FUNDADA NUN DOMINGO DO ANO 1197, conmemora a data da consagración.
O estudio do antedito privilexio, depositado no Arquivo Histórico Nacional, que logramos transcribir e traducir por primeira vez na súa totalidade, e do contexto histórico, levounos a situar a Fernando Arias, un nobre da corte leonesa de Fernando II, no lugar e data da reedificación da igrexa da parroquia mencionada no documento. Trátase dun pergameo moi deteriorado, asinado en Coimbra o 31 de xullo de 1184, que contén un privilexio de doazón de Fernando II dunha herdade de reguengo que tiña en Sabaceda a este nobre, oriúndo de Ribadavia, por un servizo prestado na loita contra os sarracenos en Santarem. Achegamos a tradución dunha parte do parágrafo inicial:
Por isto, eu o rei don Fernando, xunto co meu fillo o rei don Alfonso, mediante unha carta de doazón que ha de de ter validez para sempre, dou e concedo a vós, Fernando Arias … … … … … … … … vilas … ..… … … … … … … no lugar sinalado en Sabaceda, de cincuenta mil… … na parroquia de San … … … no Morrazo … …. … con todos os seus dereitos e pertenzas, con dereito hereditario e acoutamento rexio…
Debemos sinalar que, no encabezamento do documento, unha mancha provocada pola humidade impide transcribir algunhas frases; unha delas, transcendental, que nomeaba a parroquia coa advocación dun santo. Por un documento do ano 1237, depositado no A.H.N., no que o neto de Fernando Arias, chamado tamén Fernando Arias, presbiter Sancti Martini de Moania, manda ao Mosteiro de Armenteira, onde fora freire seu irmán Paio, a parte que lles correspondía da herdanza de avó no casal de Sabaceda, sabemos, pola descrición que fai das propiedades, que a herdade de reguengo chegaba ao Monte do Castro, quedando fóra o ámbito da igrexa; e que a parroquia non podía ser outra que a de San Martiño de Moaña. As palabras que faltan no privilexio teñen que ser: Martini de Moania, que encaixa no espazo baleiro do pergameo.
A constancia notarial do texto do privilexio que sitúa a herdade de reguengo in loco designato de Sauazeda … in parrochia Sancti [Martini de Moania] ad Morracium, permite confirmar que antes do ano 1184 xa existía a parroquia de San Martiño, constituída polos veciños de varias aldeas, que nos documentos citados reciben os nomes de vilas e casais, como o casal de Sabaceda, arredor dunha pequena igrexa rural, asentada no mesmo lugar sagrado no que estaba situada a necrópole. A partir dese ano, o nobre Fernando Arias, de acordo coas familias da freguesía, participou como mecenas na reedificación da igrexa, xa en estilo románico, que estaba na linde da súa nova propiedade. Unha terceira inscrición, tamén a carón da porta meridional, que logramos traducir, deixa constancia desta colaboración cando di: MANDEINA EDIFICAR PARA MIN E PARA TODAS AS FAMILIAS. Esta inscrición da a entender que a construción da igrexa foi unha obra comunitaria polo que se recoñecen tamén os dereitos adquiridos por outras persoas ou familias sobre esta ou sobre a igrexa primitiva.
Con respecto as pegadas que puidesen quedar da igrexa prerrománica, a pía de auga bendicida do século XVI, que se atopa na entrada do templo actual, está apoiada nun capitel de follas de acanto, reutilizado, moi similar a outros catalogados en Galicia e Asturias como prerrománicos.
Logo de contactar co citado arqueólogo, José Carlos Sánchez Pardo, e achegarlle un amplo informe sobre as pescudas que estábamos a realizar, tivo a atención de manifestarnos a súa opinión deste xeito:
Como lle dicía, eu creo que é moi probable, á vista dos datos que vostedes presentan (existencia de sartegos antropomorfos típicos da alta idade media, posible capitel, referencia á igrexa xa en 1184 antes do remate das obras da igrexa románica, etc) que efectivamente existise unha igrexa en Moaña antes da obra románica, polo menos desde os séculos IX-X.
Coñecendo documentalmente que Sabaceda formaba parte dunha parroquia cos seus correspondentes límites territoriais, forzosamente tiña que dispoñer dunha igrexa prerrománica que dito profesor sitúa nos séculos IX – X, Isto supón que a actual parroquia histórica de Moaña ten máis dun milenio de antigüidade.
*Cronista oficial de Moaña e historiador local.