Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

De escribáns e notarios en Cangas (II)

O autor céntrase na figura de Carlos del Valle-Inclán Peña, que ocupou a praza de notario entre 1915 a 1930 e foi presidente da Sociedade “El Porvenir del Morrazo”

Catalina Peña e Carlos Valle-Inclán en Vigo.

Catalina Peña e Carlos Valle-Inclán en Vigo. / Arquivo do autor

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xerardo Dasairas

Xa vimos como o escribán Jerónimo Núñez chegou a ser no seu oficio, o máis notorio dos escribáns de Cangas por dar fe, a través do seu relatorio, da invasión turca en 1617. Xa no século XX, chamaríanos a atención, ainda que por motivos diferentes, a figura de Carlos del Valle Peña, notario de Cangas entre 1916 e 1930 e irmán do coñecido literato Ramón del Valle-Inclán que trunfaba en Madrid nestas datas.

Carlos del Valle-Inclán.

Carlos del Valle-Inclán Peña. / Arquivo do autor

De non ser por esta razón, este notario que ainda asinaba como Carlos Valle Peña, pasaría tan discretamente, e así foi no tempo que exerceu en Cangas, como os seus antecesores neste cargo. As relacións de Carlos Valle co seu irmán, a pesar da distancia a Madrid ou precisamente por iso, sempre foron cordiais ainda que a vida de Ramón, casado cunha actriz, era un pouco descontrolada. Cando o escritor decidiu engadir Inclán ao seu apelido e comezou a ser coñecido, o notario Carlos faría o mesmo pois a parte de recuperar a antiga alcurnia familiar, luciría un apelido de prestixio nas letras. Tanto Ramón como Carlos, que rematara o Bacharelato en 1883, foron estudar Dereito a Santiago pero durante tres anos preferirían a vida literaria e bohemia da cidade antes que a dedicación ao estudo que só e de vagar, remataría o segundo dos irmáns en 1892. En 1886, xa retornado Carlos a Vilanova con 21 anos, vai traballar de escribinte no Concello sen titulación superior e dous anos despois semella querer emular ao seu irmán empezando a colaborar no xornal “El País Gallego” tras do que estaba Alfredo Brañas e outros representantes do Rexionalismo.

Esquerda, revista “Cafe con gotas” (Santiago 1888).  Arriba,  membrete e carimbo da notaría Valle-Inclán Cangas.  | // ARQUIVO DO AUTOR/ FUNDACIÓN VALLE-INCLÁN

Revista “Cafe con gotas” (Santiago 1888). | // ARQUIVO DO AUTOR / Xerardo Dasairas

Nestes anos trasladaríase a Pontevedra e presentaríase a un certame literario, comporía con Moisés González Besada o libreto da zarzuela “Milord” con música de Fernández Tafall, colaboraría na revista santiaguesa “Café con gotas” e en varios xornais (El Ciclón, Revista Popular, Gaceta de Galicia...), gañando un apartado do certame das festas pontevedresas da Peregrina de 1892 co traballo “Colección de escenas gallegas” que darían pé á publicación posterior dun libro no ano 1894, ainda que parece que antes tamén anunciara a saída doutro titulado “Bolios” que descoñecemos. Esta actividade literaria de Carlos Valle-Inclán chamaría anos máis tarde a atención do xornalista de Bueu Johan Carballeira que nun seu artigo apuntaba con retranca: “este de Villanueva, hermano de don Ramón, poeta. Como se ve toda la familia de los Valle-Inclán nació para hacer caligrafía”.

Arriba, libro con escolma de artigos. Á dereita, Catalina Peña e Carlos Valle-Inclán en Vigo.   | // ARQUIVO DO AUTOR

Marqués de Aranda. / Arquivo do autor

Nesta estadía en Pontevedra, Carlos exercería diversas ocupacións como profesor no Instituto, ou oficinista na Xunta do Censo e na Deputación, grazas á sua relación cos Besada, Muruais, Ulloa... e tamén se trataba co coñecido boticario Perfecto Feijoo a quen lle transmitiría o seu “pésame” pola morte do loro Ravachol. Despois deste periplo laboral e xa ben relacionado na capital, decidiría finalmente abrir un bufete de avogado na rua Real onde exerceu ata 1896 en que gañaría por oposición a praza de notario en Sahagún (León). Non eran fáciles estas oposicións a notarías pois nestas datas e incluso en anos posteriores ata o franquismo, era necesario ir solapado por unha boa “recomendación” e Carlos Valle, neste sentido, iría ben arroupado pola sua relación con Eduardo Vincenti, Gamallo, Elduayen, Aguirre de Tejada... Mais, por unhas comunicacións, epistolar e telegráfica, semella que o seus “padriños” foron ao final o senador vitalicio Jacobo Ozores y Mosquera, marqués de Aranda e señor de Rubiáns con pazo en Vilagarcía e casa en Pontevedra que influiu no Ministro de Gracia y Justicia, así como o gran cacique, deputado cuneiro e político galego da época, o ponteareán Gabino Bugallal Araújo quen lle comunica: Está Vd. nombrado notario Sahagún. Sea enhorabuena.

De escribáns e notarios en Cangas (II)

Membrete e carimbo da notaría Valle-Inclán Cangas. / Fundación Valle-Inclán

Despois de exercer en Sahagún, ocuparía praza de notario en Vigo e Caldas de Reis ata que nomeado a comezo de maio de 1916, vén ocupar a vacante de Cangas, localidade na que exercería ata abril de 1930 en que se trasladaría a Valladolid. Un dos feitos máis destacables na vida social do notario Carlos Valle Inclán en Cangas foi o seu nomeamento como presidente da sociedade “El Porvenir del Morrazo” a mediados de marzo de 1920. No ámbito familiar e particular destacaría o casamento en Darbo da sua sobriña, filla do Valle Inclán escritor e o falecemento en febreiro de 1921 da sua primeira muller, Luisa Bermúdez de Castro y Vilardebó de apelidos entroncados co pazo de Vista Alegre en Aldán e a cidade de Pontevedra. Neste sentido, hai que dicir que Carlos mantería a sua condición de viúvo poucos meses pois logo anunciaría a sua relación con Catalina Peña Artime que era sobriña sua e bastante máis nova que el. Isto e a intención de casar provocarían a oposición de familiares e achegados pero as intencións dos noivos sobreporíanse a estas eivas e despois de obter a dispensa eclesiástica pola proximidade parental, acabaría casando de novo en Vilagarcía a finais de novembro de 1922 con 57 anos. Uns meses antes desta data, o 18 de xullo, o notario Carlos del Valle (sic) asinaría unha escritura importante na historia de Cangas como foi a compra dos 360 m² de terreo na Viña do Boi a Bernarda Graña Rodríguez e Leopoldo Montes para a edificación da Casa do Pobo polos sindicatos.

De escribáns e notarios en Cangas (II)

Gabino Bugallal. / Arquivo do autor

Ainda que moi escasos, a través dos datos e informacións, a veces paradoxales, podemos enxergar un certo perfil do notario en cuestión que desde agora, como dixemos e pola fama do seu irmán, vai prescindir do apelido Del Valle para usar o de Valle-Inclán. Asemade, o seu talante semella ser o dun home de ideoloxía moi conservadora e católica tradicional (dise que ligado tamén á masonería pontevedresa) que o vai levar en Cangas a relacionarse cos representantes da Unión Monárquica Nacional (UMN) que durante a ditadura de Primo de Rivera pasarían a integrar o partido único da Unión Patriótica (UP) que se reunía no Casino cangués.

De escribáns e notarios en Cangas (II)

libro con escolma de artigos. / Arquivo do autor

Cando se conforma en Cangas no 1924 a forza paramilitar do Somatén, Carlos Valle-Inclán é nomeado cabo (xefe) do mesmo, cargo que ao pouco tería que deixar por incompatibilidade coa sua condición de notario. Outro acontecemento que nos achega á sua ideoloxía foi o accidente de automóbil que sufriu perto de Vilanova de Arousa cando facía unha viaxe na que pararía en Cambados para se despedir do seu irmán Ramón María del Valle Inclán a piques de se marchar definitivamente para Madrid. O accidente a penas tivo consecuencias para os tres ocupantes do vehículo que nesta aciaga ocasión, eran dous coñecidos veciños de Cangas e membros da U. P., o conserveiro Pedro Mario Montemerlo e José Rodríguez Rivera (a) Lafuerza, administrador de Correos e agora cabo do Somatén en sustitución do notario. Outro feito de relevancia durante a sua estadía canguesa foi a organización do casoiro e voda da sua sobriña (filla maior de Ramón) en Darbo con Gerónimo Toledano, director do Instituto de Secundaria ubicado nestas datas na Escola de Artes e Oficios de Vigo. En abril de 1930, cando cumpría os 65 anos, Carlos Valle-Inclán e a sua muller abandonarían Cangas sendo sustituido na praza notarial por José Pascual García Moliner. O seu seguinte destino sería unha notaría de Valladolid que rexentaría ata 1932, ano no que se xubila, disfrutando escasamente desta situación, pois falecería o 12 de marzo de 1933.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents