Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Daravelo premia a Dasairas polo labor de indagar e divulgar

O colectivo de Darbo tamén entregou o seu “Recoñecemento” de 2020 á Sanidade Pública

Dasairas e Villoch, no centro, acompañados de representantes políticos e de Daravelo. | // G.NÚÑEZ

“A 22ª edición do premio de Agradecemento Daravelo recae no profesor Xerardo Dasairas Valsa, un home que leva preto de medio século vivindo entre nós, participando na vida activamente, dende o seu posto clave de docente, e comprometido coa súa segunda vocación de humanista, historiador, divulgador das cualidades que a nosa terra e o noso país amosan”. É o conxunto de valores que o fan merecedor desa “humilde distinción”, en palabras da presidenta do colectivo veciñal de Darbo, Toñi González Martínez, previas á entrega do pergamiño polo concelleiro Mariano Abalo, que en fixo en sustitución da alcaldesa, Victoria Portas.

Os promotores destacan o traballo de Dasairas como mestre no colexio de San Roque, que “espertou no seu alumnado o interese polos elementos etnográficos, históricos e lingüísticos que fan a nosa contorna singular”, así como a súa disposición a colaborar cos colectivos sociais que llo solicitan. ”Transmite coma ninguén ese amor pola terra na que vive, ese sentir o propio moi dentro, ese sinxelo pero profundo desexo de poñer diante dos nosos ollos o que somos e por que somos así”. Un saber amplo e variado que comparan co dos “sabios do Renacemento ou da Ilustración”, e que espalla e difunde a través de incontables traballos publicados.

Abalo entregou o premio a Xerardo Dasairas en presenza da presidenta de Daravelo.   | // G.Núñez

Abalo entregou o premio a Xerardo Dasairas en presenza da presidenta de Daravelo. | // G.Núñez

O homenaxeado agradeceu a “honra” de tal distinción e o traballo de Daravelo por mantela viva en 22 edicións. Un premio que non considera individual, senón compartido coa familia por respaldalo “nestas teimas miñas” de investigar en buscar nos arquivos, cos amigos e con outras persoas de Cangas, Moaña e Bueu que traballan ou traballaron no mesmo eido, como Rafael Fernández Broullón, Iago Santos Castroviejo ou Antonio Nores, este último xa falecido. Tamén tivo palabras de lembranza para outras persoas "que se foron”, como o actor Sito Parada ou o autor e e exalcalde Xosé Manuel Pazos, e fixo fincapé no respaldo que atopa na edición do FARO do Morrazo para poder divulgar todo ese traballo e, ademais, poder facelo en galego. Un labor que pensa continuar, porque, lembrou, aínda queda moito “por dilucidar”, mesmo en acontecementos luctuosos e épicos como a defensa da vila dfronte á invasión pirata, que se conmemora estes días.

Prieto entregou o pergamiño a Benigno Villoch.  | // G.N.

Prieto entregou o pergamiño a Benigno Villoch. | // G.N.

Previamente, Daravelo entregou o premio da anterior edición, que fora postergado por mor da pandemia da COVID. Foi para a Sanidade Pública, “porque estes tempos que vivimos poñen en evidencia a importancia de dispoñer dun sistema de sanidade realmente universal que garantice o dereito á saúde e o acceso á atención sanitaria para todas as persoas”, xustifican. Un labor que estenden a todas e todos os profesionais que “realizan un traballo cun nivel de profesionalidade, entrega e xenerosidade que nunca esqueceremos”. O encargado de recollelo foi o responsable do centro de saúde, Benigno Villoch. Recibíronos dos concelleiros Mariano Abalo e Aurora Prieto, en presenza de varios galardoados en edicións anteriores. Incidiron na necesidade de seguir promovendo e respaldando os servizos públicos, un compromiso cos intereses públicos e sociais que cobra especial fundamento na sanidade e na cultura.

Compartir el artículo

stats