Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As mulleres galegas no universo dos videoxogos

A sala Pioneiras, que se pode visitar na exposición virtual do Museo do Videoxogo. | // MUVI.

O Museo do Videoxogo, situado no número 10 da rúa Andalucía de Cangas, é o único espazo destas características en Galicia e probablemente en España. O seu crecemento continúa e durante outubro ten previsto abrir durante un día á semana de maneira gratuíta, grazas á colaboración do Concello. Ata o momento, a apertura do museo realizábase en datas concretas, para visitas de grupos.

Mentres, o Muvi ofrece contido para visitantes virtuais, cunha nova exposición que quere poñer en primeiro plano o papel das mulleres nos videoxogos, un ámbito no que seguen a estar en segundo plano. 

O Museo do Videoxogo de Galicia (Muvi), con sede en Cangas, inaugura hoxe ás 12.00 horas a exposición virtual “Mulleres detrás dos videoxogos”. Esta mostra continúa a liña do derradeiro ano e ponse en marcha no marco das III Xornadas das Mulleres detrás dos Videoxogos, organizadas pola Universidade da Coruña. Como novidade, a exposición desta edición inclúe sete novos perfís de mulleres galegas e españolas, mentres que o ano pasado só se centraba en figuras internacionais. Todo isto baixo unha óptica nova, que se centra en proxectos actuais e non só en feitos históricos.

A exposición persegue poñer en valor o papel das mulleres dentro da industria dos videoxogos, un mundo no que os homes continúan a ser os protagonistas. “Hai unha eiva estrutural e un descoñecemento que temos que suplir”, explica Jacobo Martínez, un dos fundadores do Muvi. Para continuar este camiño, a exposición do ano pasado foi revisada e agora amplía as súas referencias con sete novos perfís, con presenza galega e distribuídos en once salas.

Os visitantes virtuais poderán adentrarse en espazos como “Talentos autóctonos”, onde coñecerán as traxectorias de Sara Álvarez Cubelos, Tatiana Delgado ou Mirella Díez, que forman parte dunha nova xeración de creadoras. “Queremos centrarnos no presente, en mulleres en activo e que traballan en proxectos importantes”, resalta Martínez.

Luz Castro, unha das mulleres que forma parte da exposición. | // MUVI.

Na sala “Presente e futuro” agóchase unha das grandes referentes do videoxogo galego, Luz Castro, que participou na creación de serious games. Comparte espazo coa madrileña Liliana Laporte, que desde o 2005 ocupa postos directivos na industria. Este é outro dos grandes obxectivos da exposición. “Amosamos mulleres non só técnicas, senón tamén líderes no sector empresarial”, apuntan desde o Muvi.

A renovación afecta tamén ao lado máis internacional da exhibición. Haberá algunhas caras novas, como Jade Raymond, unha das mulleres máis coñecidas no estranxeiro, tras dar forma a videoxogos tan populares como Assasin’s Creed.

Libro que acompaña a mostra, sobre o perfil de Carol Shaw. Muvi.

Os organizadores sinalan que este tipo de eventos virtuais están en pleno proceso de expansión. Así o o constatou a exposición do ano pasado que acadou, de maneira orgánica, preto de 700 usuarios únicos rexistrados. “Agora pretendemos aumentar esa proxección, xa que a estamos potenciando para que chegue a máis xente”, argumenta Martínez. Precisamente, a información sobre as mulleres estará tanto en castelán como en galego, tralas demandas que recibiron os creadores na anterior ocasión.

“Mulleres detrás dos videoxogos” pode consultarse de maneira virtual en 360º na páxina web do museo (muvi.gal). A visita permite contemplar as instalacións do propio Muvi, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres analizadas na mostra. Os panoramas interactivos tamén dispoñen de son. Aínda que as Xornadas da UDC rematan o vindeiro 20 de outubro, os responsables do Muvi de Cangas prevén que a exposición estea dispoñible durante un ano, como xa ocorreu coa anterior.

Compartir el artículo

stats