Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A crise enerxética e a "ameaza éolica" centran a Mostra do Posible

Pablo Álvarez, presidente da cooperativa Nosa Enerxía. | // FDV

“Se cambiamos o noso modelo de consumo podemos mudar a sociedade”. Con esta mensaxe preséntase a quinta Mostra do Posible, que se celebra durante esta fin de semana na Alameda Nova de Cangas. Dous días cheos de actividades que pretenden dar a coñecer movementos sociais e alternativas de consumo.

A xornada inaugúrase con dous obradoiros, un sobre enerxía –11.00 horas– e outro sobre reciclado de equipos informáticos –11.30 horas–. A continuación, será a quenda de “Tilintilonia”, unha representación de teatro infantil, que estará seguida música do grupo “A lo cubano” en sesión vermú.

Xa pola tarde, a Mostra ofrece coloquios e encontros sobre diferentes temas. O primeiro será “Tecendo redes” e versará sobre o ecoloxismo, ás 16.00 horas. A enerxía eólica protagonizará o coloquio “Ameaza eólica en Galicia”, ás 18.00 horas. Tamén haberá presentacións de proxectos, como o do libro “Comando Igualdade”, ás 17.00 horas. Xusto despois darase a coñecer a iniciativa “Fiare Banca Ética”.

Para rematar o día, celebrarase o obradoiro “O Círculo da ESS”, ás 19.00 horas. Tras isto, a Capela do Hospital acollerá o encontro “Tameiga, 4 anos de resistencia veciñal” de Ecoloxistas en Acción. Desde a organización sinalan que tamén se celebrará o denominado Mercado Social, que reunirá alternativas de consumo responsable fronte a emerxencia climática e a crise enerxética. Haberá alternativas de diferentes ámbitos, desde o mercado enerxético ata o das finanzas.

O presidente da cooperativa Nosa Enerxía, Pablo Álvarez. Cedida.

"Apoiamos ás renovables, pero se son sostibles"

A preocupación polo modelo enerxético levou a un grupo de socios a formar no 2014 a cooperativa Nosa Enerxía, unha comercializadora de enerxía renovable O seu presidente, Pablo Álvarez, explica o funcionamento da iniciativa. Hoxe ofrecerá un obradoiro [11.00 horas] que servirá de inauguración á Mostra do Posible.

–Como comezou a cooperativa?

–Foi no 2014, fai sete anos. Fundouse motivada pola situación enerxética, a xente estaba preocupada polos prezos e por motivos medioambientais.

–Que beneficios aporta esta alternativa enerxética?

–A cooperativa está integrada por consumidores que traballan sen ánimo de lucro. A perspectiva que temos é que a persoa consumidora é copropietaria da compañía eléctrica comercializadora. A idea é traballar a prol da soberanía enerxética e poder acceder aos bens da cooperativa ao mellor prezo posible.

–A cantos fogares dá servizo actualmente Nosa Enerxía?

–Neste momento temos sobre 1.050 contratos de luz, repartidos entre fogares, industrias e concellos. Na zona de O Morrazo, o Concello de Moaña é socio de Nosa Enerxía e aposta polo consumo renovable. Logo tamén hai usuarios socios en Cangas e Bueu.

–Coa suba do prezo da luz actual, que reflexión fai?

–Hai moitos factores que están prexudicando o recibo da luz. Á cooperativa aféctanos de dous xeitos. Unha persoa socia está afectada pola suba da luz como consumidora, pero se é copropietaria da cooperativa, os vaivéns tamén lle afectan.Coa baixada do IVE da enerxía a un 10%, nós temos que seguir pagándolle ás distribuidoras un 21%. A enerxía renovable é o futuro, canta máis se poida producir, menos dependeremos de fontes como o gas, que está encarecendo a factura. Hai que pensar no modelo enerxético renovable que queremos, está habendo problemas coas eólicas e o seu impacto. Nós apoiamos un modelo enerxético sostible.

–Como será o obradoiro de hoxe?

–Imos analizar o presente e futuro inmediato do cooperativismo enerxético, todo o que coñecíamos da comercialización está desaparecendo. Imos apreciar tamén a importancia das vivendas con instalacións fotovoltaicas.

"Faltaba un libro como este dentro do feminismo"

As autoras de Comando Igualdade, Chis Oliveira (esquerda) e Priscila Retamozo (dereita). Cedida.

Dez anos despois do nacemento de Comando Igualdade, Chis Oliveira e Priscila Retamozo decidiron plasmar a súa experiencia nun libro. Comando Igualdade é unha iniciativa que xurdiu no Instituto Alexandre Bóveda e que ten como obxectivo sensibilizar á mocidade sobre a igualdade e a perspectiva de xénero. As autoras presentan o libro esta tarde [17.00 horas] na Alameda Nova de Cangas.

–Como naceu a idea de plasmar a historia de Comando Igualdade nun libro?

–Comezamos a pensalo no noso décimo aniversario. Pensamos que era importante facer un libro que faltaba. Hai moitos libros de pensamento feminista, pero faltaba un fácil de ler e que recollera os aspectos máis modernos. Escribinno xunto con Priscila, que foi alumna miña e agora coordina comigo o Comando Igualdade. Intentamos facer un libro que teña algo que dicir a toda a xente que está no feminismo dende hai tempo, xa que é un movemento aberto con achegas de última hora.

–Que temáticas aborda?

–Conta a historia do Comando Igualdade, de como impulsar un grupo reivindicativo nun centro educativo e como levalo a outros centros. Queremos brindar o noso esforzo para que alguén o aproveite. Na segunda parte do libro entramos nos temas, explicamos que é o patriarcado, o corpo e autoestima, o amor e o desamor, o consentimentos, a carga mental... Entramos na sexualidade, que aínda non é tan satisfactoria para as mozas como desexariamos. Como novidade, introducimos códigos QR para incluír vídeos e exemplos. Tamén hai un capítulo final con testemuñas que relatan como foi o seu paso polo Comando.

–Que balance fai do seu percorrido na perspectiva de xénero?

–Levo case corenta anos dando clase de ética e impartindo educación afectivo-sexual. Cando empecei era un tema raro, difícil de tratar. Non eran tempos doados, pero a miña sorpresa é que nunca na miña vida profesional tiven un problema coas familias. Sempre recibín moito agradecemento, porque as rapazas e os rapaces chegan a casa e falan disto, naturalizan a charla de educación sexual. Agora moito profesorado tenlle medo as familias, porque están máis apoderadas.

–Está a mocidade máis concienciada?

–Notas que o tema ten luz, o feminismo está en boca e case todo o mundo quere ser feminista. Hai unha diferenza, porque antes tiñas que facer unha formación total. Agora, sobre todo as mulleres, veñen con certa formación ou bastante, porque lles preocupa o tema.

–Como será a presentación de hoxe?

–Estaremos as dúas escritoras. Á xente gústalle moito coñecer as autoras, sobre todo cando mercan un libro tan experimental como este. Somos moi dinámicas, do Comando, e queremos intentar que a xente saque o máximo partido ao libro,xa que ten unha parte final de recursos para consultar.

Compartir el artículo

stats