Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cine galego, protagonista en Cangas

De esq. á dta.: o presidente do Cineclub Cangas, Xosé Manuel González; a concelleira de Cultura, Aurora Prieto; e o director do Auditorio, Juan José Estévez. Gonzalo Núñez

O Cineclube Cangas acaba de presentar a programación da Semana do Cine da vila, que a través do programa “Cinemas ocultos” este ano vaise centrar na produción audiovisual galega e contará coa presenza dalgúns dos autores e protagonistas das obras seleccionadas.

O domingo rematou o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu), pero a programación cinematográfica na comarca do Morrazo non se detén. Este venres arranca a XVI Semana de Cine de Cangas, que a través do programa “Cinemas ocultos” apostará por darlle visibilidade e protagonismo ao sector audiovisual galego. O Cineclub Cangas presentou onte o cartel desta nova edición, na que está previsto proxectar ata quince producións, a montaxe da exposición “Estética do cinema” e a presentación do libro “Al menos no llueve”, da escritora Alba Pino.

As proxeccións serán no Auditorio de Cangas, entre este venres e o sábado 2 de outubro. A apertura da XVI Semana do Cine será co documental “Nación”, o documental de Margarita Ledo que narra a loita obreira e vital das mulleres da fábrica cerámica de Pontesa. Unha cinta que foi premiada no Festival de Cine de Sevilla de 2020 e que foi galardoada nos Premios Mestre Mateo deste ano. A súa directora foi tamén distinguida recentemente en Cangas, onde recibiu o Premio Mulleres en Acción da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCF).

Desde o Cineclube Cangas apuntan que a programación incluirá a proxección doutros documentais, como “Negro Púrpura”, “Donde acaba la memoria”, “A poeta analfabeta” e “A media voz”.

Esta XVI Semana do Cine inclúe dúas películas de ficción, tamén premiadas en distintos certames. Unha é “9 fugas”, dirixida por Fon Cortizo, que recibiu un dos recoñecementos do Festival de Cine de Gijón 2020. A outra é “Arima”, de Jaione Camborda, galardoada no Festival de Cine de Sevilla.

As curtametraxes tamén terán o seu espazo na programación deste ano co pase de catro producións: “Carne”, “Os corpos”, “Dores” e “Homeless home”. Esta última está dirixida por Alberto Vázquez e vén de recibir o premio á mellor curtametraxe galega do FICBueu, clausurado o domingo.

Os máis novos tamén poderá desfrutar da XVI Semana do Cine de Cangas. A organización seleccionou catro películas de animación infantil: “Mr. Link”, “A viaxe de Bu”, “Pipi e o señor sen sono” e “Fritzi-Un conto revolucionario”.

A aposta non é só vertebrar toda a programación ao redor do cine galego, senón que consiste tamén en ofrecer ao público a posibilidade de “dialogar cos profesionais que dirixen ou protagonizan os traballos, que compartirán experiencias cos asistentes para darlle un valor engadido a cada sesión”, suliñan desde o Cineclub Cangas.

Amais haberá dúas actividades paralelas: a mostra da artista Rosa Neutro, baixo o título de “Estética do cinema” e a presentación do libro de Alba Pino “Al menos no llueve”.

Compartir el artículo

stats