Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Pena Director do FICBueu

“O segredo do FICBueu é o seu arraigo e non querer construilo en pouco tempo”

O director do FICBueu, Manuel Pena. David Hernández

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) acaba de apagar os proxectores da súa decimocuarta edición, a segunda que se celebra en tempos pandémicos. A organización foi capaz de volver a poñer en marcha a maquinaria do certame e a ampliar as actividades con respecto ao ano pasado. O que si parece claro é que a edición de 2021 vai supoñer un punto e aparte. Albíscanse algúns cambios no festival, tal como apunta na súas reflexións o director do FICBueu, Manuel Pena, ao frente do certame desde a súa creación.

–Unha vez rematada a decimocuarta edición e tras dez intensos días, que balance fai deste novo FICBueu?

–Foi unha edición na que volveu a recuperar parte do calor do FICBueu, xa que o incremento do límite de aforo dun 30% a un 55% foi moi salientable e supuxo un reencontro con moitos espectadores e un maior achegamento ao gran ambiente que se xeraba antes da pandemia. O esgotamento de entradas en todas as sesións da Sección Internacional confirma que o público segue apoiando ao festival e está co ganas de ver bo cine en pantalla grande.

–Está claro que aínda non se acadou completamente a normalidade, pero foi unha edición máis ambiciosa e ampla que a de 2020. Confían que en 2022 o FICBueu poda estar de novo a pleno rendemento?

–Iso agardamos. En canto as actividades este ano xa nos achegamos bastante, sendo un salto importante con respecto ao pasado ano. Pero en canto as restricións hixiénico-sanitarias, si que desexamos e agardamos que se vaian reducindo e poidamos recuperar por fin as salas cheas de xente e volver a ver os seus sorrisos.

Un momento da gala de clausura do domingo. FICBueu

–Para entonces será xa a decimoquinta edición, un número “redondo”. Preparan algunha cousa especial para celebralo?

–A vindeira será a edición que vai a marcar unha nova etapa do festival. Logo de catorce anos de evolución, dende a Asociación FICBueu sentimos desde fai meses que con esta decimocuarta edición chagábamos ao fin dun marabilloso e máxico traxecto. Era o momento de facer unha pausa creativa e debuxar cal será o camiño que debe seguir o festival nos vindeiros anos. Sen afastarnos da esencia do certame, que son as curtas e o seu público, buscaremos novos retos que nos sirvan para renovarnos e continuar escribindo a historia do FICBueu.

–Como valora o nivel das curtas exhibidas este ano?

–Moi boa, especialmente tendo en conta que foron filmes de 2020 e 2021. Quere dicir que foron producidos ou rematados durante a pandemia. Neste senso, nin o número de películas recibidas nin a calidade das finalmente exhibidas se veu mermada polas dificultades, feito que nos sorprendeu gratamente e demostra necesidade de creación por parte dos artistas.

–Como director do festival, coincide co criterio dos xurados? As premiadas estaban entre as súas favoritas?

–Non adoito a pensar previamente cal sería o meu palmarés, pero no caso de “Stephanie”, galardoada coa Ánfora de Ouro, seguro que estaría entre as miñas favoritas, xunto con “Huntsville station”, “People in motion”, “Still processing” ou “Every day’s like this”.

Asistentes a unha das sesións do FICBueu.

–Está claro é que o FICBueu, ao igual que antes o SonRías Baixas Bueu, voltan a demostrar que a cultura é segura e non debería cancelarse.

–Desde logo, cousa que quedou xa ben demostrada o pasado ano, na que moitos eventos culturais desenvolvemos dun xeito ou outro a nosa actividade e non se rexistrou ningún problema en canto a seguridade dos espectadores. Quedou patente que o lema de “cultura segura” era totalmente certo. Este ano, coa experiencia adquirida desde a organización e a responsabilidade e uns hábitos xa moi interiorizados por parte do público, todo fluíu de marabilla e de xeito moi orgánico. A xente precisa e ten ganas de cultura, cultura en vivo, polo que grazas a colaboración entre o festival e os espectadores ambas edicións foron un éxito nese senso.

–Catorce edicións do FIC e unha decimoquinta en camiño. Esperaban este éxito cando comezaron co festival?

–Non. Xa o teño comentado en numerosas ocasións, o festival medrou pouco a pouco, establecendo primeiro unhas bases sólidas co público da nosa vila, e a partir de aí foi crecendo ao longo de catorce anos. Tardamos cinco anos en duplicar sesións ou oito en ter actividades paralelas. Ese é un dos secretos do éxito: o apoio e arraigo na comunidade e non querer construír un festival como o actual FICBueu en dous ou tres anos.

As autoridades municipais e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, antes da gala do FICBueu. FICBueu

“Os convidados chegan ao festival con boas referencias por parte doutros cineastas”

–Cre que dalgunha maneira o FICBueu conseguiu converterse nun referente a nivel nacional e internacional?

–É complicado sabelo e máis dicilo, pero que cada ano se inscriban películas de maior calidade ao festival e que o número curtas que fan a súa estrea en España supoño que son boa sinal do que o festival vai facéndose un nome. Tamén o notamos a través dos nosos convidados, que agora xa chegan con referencias por parte doutros cineastas que lles falaron, e ben, do noso festival [risos].

–Queda marxe para seguir crecendo no futuro?

–Sempre hai marxe, pero non considero que o crecemento en si sexa o importante, senón como dicía anteriormente como as edicións van marcando o carácter do festival. Así vaise construíndo e configurando de xeito natural, seguindo as necesidades do propio certame e do público, do contexto de cada edición, da experiencia adquirida ou da necesidade de mudar para seguir avanzando.

Compartir el artículo

stats