Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sesenta anos da consagración do novo templo do Carme (I)

O 21 de setembro cúmprense seis décadas da igrexa da Praia que deixou a histórica parroquia de San Martiño co 30% da poboación

Bendición da igrexa do Carme. | // ARQUIVO DO AUTOR

En 1877 aparece, pola primeira vez no censo, un novo barrio de Moaña co nome de “Playa”, situado na ribeira do mar das antigas aldeas de Quintela, Xeira e Miranda; nese ano, unicamente o pequeno lugar de A Martinga, pertencente a Quintela, dispuña dun escaso núcleo de poboación cun pequeno peirao, documentado como Puerto de la Martinga. En cambio, as poucas vivendas existentes na Xeira e Miranda, estaban afastadas da ría, posiblemente por medo ás invasións marítimas.En 1941 o crego, D. Donato Bernárdez, de Coiro, foi nomeado coadxutor do vello párroco de Moaña, D. Enrique Rubido de la Gándara; nada máis apousentarse no cargo, tratou de que se fixeran realidade os desexos dos fregueses da banda do mar e dos lugares limítrofes.

No crecemento acelerado do novo barrio, e do líndante da Seara, influíu esencialmente á legalización da pesca de baixura a través de traiñeiras que, a comezos do século XX, chegaron aos pobos costeiros da Ría de Vigo, procedentes de Asturias e Cantabria. Como o desenvolvemento da ribeira do mar era constante e, parte da maioritaria poboación campesiña e gandeira moañesa ía transformándose en mariñeira, xurdiu a necesidade de erguer unha nova igrexa que substituíse ás capelas dos pazos do Real e do Rosal que, provisoriamente, axudaban á parroquial de San Martiño na atención aos fregueses que se ían asentando no recentemente nomeado barrio da Praia e nos achegados. A implantación dun cristianismo moi tradicional imposto, a partir do ano 1939, polos vencedores da Guerra Civil Española, axudou a fomentar o interese pola súa construción.

Curas de Moaña e nenos do catecismo en 1942. | // ARQUIVO DO AUTOR

En 1941 o crego, D. Donato Bernárdez, membro dunha familia labrega de Coiro, foi nomeado coadxutor do vello párroco de Moaña, D. Enrique Rubido de la Gándara; nada máis apousentarse no cargo, D. Donato tratou de que se fixeran realidade os desexos dos fregueses da banda do mar e dos lugares limítrofes.

Consagración do altar do novo templo. | // ARQUIVO DO AUTOR

Diante de tal situación, o daquela patrón maior do Pósito de Pescadores, Xosé Costa Alonso, na data do 22 de xullo de 1942, publicou un artigo no xornal Faro de Vigo, segundo el mesmo relata nas súas memorias, sobre a comenencia de dispoñer doutro templo asentado na zona mariñeira de Moaña.

O artigo tivo un excelente efecto e del sinálase, deseguido, dous anacos dun dos seus parágrafos máis representativo:

Mas como “no solo de pan vive el hombre”, no basta la prosperidad material para la felicidad de un pueblo. Y Moaña, que en el orden material ha progresado tanto – aunque actualmente esté sufriendo una aguda crisis – debe procurar también a todo trance su progreso espiritual…

… levantando al lado de sus modernas y hermosas casas un Templo digno de tal pueblo que debe ser el mejor edificio de todos …

Efectivamente, a crise vivida neses anos de posguerra, deu lugar a que unha meirande parte dos moañeses o pasara moi mal; non obstante, o lembrado, Costa Alonso, home de fortes conviccións relixiosas e de vida moi austera, aproveitou a boa acollida do artigo para pedir subvencións ás autoridades franquistas da época, obtendo unha primeira de 200.000 pesetas a finais de 1946. Con eses cartos, no verán do ano 1947, despois de mercar o soar e ter aprobado o proxecto para construír unha igrexa, grande e custosa, deu comezo a súa edificación no lugar de A Seara.

Na data do 2 de xuño de 1950, tivo lugar o pasamento do vello párroco, D. Enrique, á idade de 88 anos e, de seguido, os daquela Sres. do Rosal exerceron, pola derradeira vez, os dereitos de presentación de abades, obtidos polo pazo a mediados do século XVII, despois da morte no desterro da canguesa María Soliño, que os tivo con anterioridade.

Tomando en consideración tales dereitos históricos, o arcebispado compostelán elixiu ao antedito coadxutor como novo cura propio da parroquia de San Martiño, abríndolle o camiño para pilotar as obras de construción do novo templo.

Vicario Marcelino Sánchez Somoza

Segundo describe quen fose vicario parroquial, D. Marcelino Sánchez Somoza, sobre as axudas esenciais recibidas para mercar o soar e construíla, o Estado contribuíu, a través de varias subvencións, cun total de 1.726.540,54 pesetas; a Diocese de Santiago, con 118.000 ptas.; na parroquia recolléronse, 421.631 e, recibíronse donativos anónimos por valor de 321.270 ptas. Suman, pois, as achegas, un total de 2.587.441,54 pesetas.

Chama a atención a gran cantidade de cartos que aportou o estado confesional español; a meirande parte deles nunha época de moitas necesidades económicas e, o escasísimo diñeiro entregado pola diocese compostelán.

Co templo cuberto, aínda sen rematar, na data do 21 de setembro do ano 1961, cando se están a cumprir 60 anos da efeméride, o cardeal – arcebispo de Santiago, Quiroga Palacios, procedeu a bendicilo e a consagrar o seu altar; a partir dese día, quedou aberto ao culto en calidade de, “Axuda da parroquia de San Martiño”, dando lugar a que se deixasen de utilizar as devanditas capelas.

(*) Investigador da historia de Moaña

Compartir el artículo

stats