Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XXIV Festival Internacional de Jazz de Cangas
Humberto Cao Violinista

“Hai un bo futuro para a música jazz en Galicia e en Cangas”

O violinista Humberto Cao, que hoxe pecha o Canjazz, nunha actuación anterior. | // FDV

A derradeira noite de jazz en Cangas péchase hoxe coa actuación [23.30 horas] do cuarteto que lidera o violinista Humberto Cao. Estará acompañado de Yudit Almeida ao contrabaixo e voz, Nacho Pérez no piano e Ana Sanabria á batería. Xuntos pretenden que o público non esqueza a última xornada do Canjazz.

–É o encargado de pechar o festival. Como será a actuación desta noite?

–Imos tocar un par de temas meus para abrir a última sesión jam. Queremos dar un pouco de alegría ao último día do festival e agardamos que o ambiente estea animado.

–Cando se adentrou no jazz?

–Empecei na música clásica co piano. De pequeno xa escoitaba discos de jazz na casa, pero a miña formación foi clásica porque o meu pai incidía en que tiña que aprender unhas destrezas para adentrarme noutro tipo de música. Fai doce anos, grazas ao Seminario de Jazz de Pontevedra, empecei no jazz.

–É a primeira formación que lidera, como se sente?

–Dá un pouco de vertixe. A filosofía do grupo, ante todo, é pasalo ben. Pretendemos facer música cunha linguaxe de jazz máis ou menos aberta. Queremos facer algo fresco despois destes dous anos de pandemia.

–Que pretende transmitir coa súa música?

–Intentamos que a xente o pase ben. Gústame manter a melodía como elemento principal. Hai veces que no jazz se desdebuxa a mensaxe melódica. Queremos centrarnos na melodía, como se facía nos comezos.

–Como define a situación actual do jazz?

–Hai un auténtico boom do jazz en Galicia. Hai grandes iniciativas como o Canjazz, en pequeno formato, pero traendo primeiras figuras. É algo para admirar, creo que institucionalmente é complicado convencer aos políticos dunha música que nunca estivo de moda. Hai bo futuro para o jazz en Galicia e en Cangas.

–Por que animaría a xente a ir?

–Para pasalo ben e ver o violín. É un instrumento que, aínda que empezou nas primeiras formacións, quedou un pouco fóra do jazz porque non proxecta moito son. Agora parece que é un instrumento exótico. Simplemente por escoitar un violín nun cuarteto de jazz é interesante ir.

Compartir el artículo

stats