Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XXIV Festival Internacional de Jazz de Cangas
Xurxo Estévez Contrabaixista

“En Galicia hai músicos de jazz moi bos, pero estamos dispersos”

O contrabaixista Xurxo Estévez, que actúa hoxe no Canjazz | // FDV

O Canjazz continúa a súa aposta polos músicos máis mozos. Un deles é o contrabaixista Xurxo Estévez, procedente de Cotobade e que con tan só 24 anos lidera o segundo concerto desta noite [23.30 horas]. Estará acompañado de referentes como Joan Saldaña co saxo, Wilfried Wilde á guitarra e David Puime na batería.

–Esta será a súa primeira vez no Canjazz, como o afronta?

–É a primeira vez que toco como artista que sae no cartel. Teño moitas ganas porque foi un ano bastante duro para todo o mundo en xeral, e para os músicos en especial. É una iniciativa moi boa que serve para achegarlle á xente esta cultura.

–Cando empezou a tocar?

–Comecei a tocar con quince anos. Tocaba o baixo eléctrico en grupos de punk e rock en Pontevedra. Descubrín o contrabaixo no instituto grazas ao meu profesor de música, que organizaba a banda no recreo. Funme metendo pouco a pouco no mundo ata que marchei ao Musikene, o conservatorio superior do País Vasco, onde completei a miña formación.

–Como será a actuación?

–Imos tocar temas do repertorio tradicional do jazz, pero dándolle un toque actual e moderno. Tamén lle imos dar bastante potencia.

–Como definiría a situación do jazz en Galicia?

–Teño a sensación de que o jazz é unha música das cidades. En Galicia ao final é como se fose unha cidade grande, realmente hai moitos músicos de jazz e algúns moi bos. Ao non haber unha cidade grande na que poidamos estar todos xuntos, está todo moi disperso.

–Na presentación, os organizadores do festival explicaron que é un dos músicos con máis proxección. Como afronta o futuro?

–É moi difícil facer plans de futuro a longo prazo. A medio prazo, o ano que vén marcho a estudar un máster á ESMUC, o conservatorio superior de Barcelona. Quero empaparme para seguir medrando como músico. Sobre se terei proxección, espero que si.

Compartir el artículo

stats