Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O BNG pregunta se o Concello ten concretado coa Xunta ampliar a escola infantil de A Choupana

Din que é unha necesidade xustificada pola demanda de prazas e que eles a reclamaron en 2015 | Piden un recoñecemento aos deportistas olímpicos

Mercedes Giráldez. | // S.Á.

O BNG de Cangas pregunta ao Goberno municipal se “concretou algo” sobre a demanda de ampliación de dúas unidades na escola infantil (EI) de A Choupana, da rede pública A Galiña Azul, e lembra que esa necesidade está “xustificada xa desde finais do 2015”. Desde a formación nacionalista valoran “positivamente” a actuación proxectada nas instalacións da Choupana, promovida polo Concello e financiada pola Xunta a través do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, e mesmo “que se faga en período non lectivo e que por fin se chegara a un acordo para a materialización despois de tantas negociacións que xa arrancaron no anterior mandato”. Aproveitan para reivindicar o seu protagonismo nas obras da EI de O Hío realizadas o ano pasado porque “estaban encauzadas antes de rematar o anterior mandato do que o BNG era parte e levaba a responsabilidade da área o concelleiro Xoán Chillón”.

En relación ao novo investimento anunciado na Choupana, explican desde a formación que encabeza Mercedes Giráldez, “faise a cargo dunha parte dos fondos de aportación anual das arcas municipais ao propio Consorcio de Servizos Sociais, tema que tiña provocado un serio debate por entenderse que deberían ser integramente a cargo do Consorcio”. “Agora polo que se ve quedou resolto cargando sobre os fondos de aportación do Concello, que pagamos todos, pero benvida sexa a actuación necesaria e imprescindible para unha boa calidade do servizo”, abonda.

Con todo, o BNG agarda aínda a prometida ampliación de dúas unidades na escola infantil de A Choupana. “Queremos saber se polo goberno local se concretou algo sobre esta demanda, aprobada varias veces por unanimidade no anterior e actual mandato, e recoñecida a sua xustificacion polo propio xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez desde finais de 2015”, recalcan, e ven necesario actuar e reclamar, “e non só anuncios para dar titulares”. “Pedimos negociar e non ceder sempre a conta da veciñanza canguesa, precisamos compromiso real e efectivo da ampliación necesaria das novas unidades para dar resposta e solución ás listas de agarda e posibilitar así a conciliación familiar”, rematan.

Recoñecemento olímpico

Por outra banda, o BNG solicita ao goberno local que se organice un acto de recoñecemento “da representación canguesa” nos Xogos Olímpicos de Tokio, “como exemplo dos valores que conleva o deporte a todos os niveis: superación, disciplina, hábitos saudables, socialización”. Súmase aos parabéns polos éxitos acadados e pide que se lle dea recibimento institucional que se merecen e que a formación nacionalista xa propuxo, sen éxito, antes de que partiran cara Xapón.

Compartir el artículo

stats