Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

susana seivane nnficha persoal | Gaiteira

“O apelido axudoume, pero tiven que demostrar máis”

A recoñecida gaiteira chega hoxe ao Intercéltico para presentar o seu disco “Dende o meu balcón”, froito do confinamento

A gaiteira Susana Seivane posa con un dos seus instrumentos.

A gaita e a música tradicional son compoñentes inseparables do apelido Seivane. A gaiteira Susana Seivane é unha das figuras máis destacadas da música galega. Empezou a tocar o instrumento con tres anos e en 1999 publicou o seu primeiro disco. O tempo non a parou e continuou evolucionando. Tampouco a detivo o confinamento, berce do seu novo disco “Dende o meu balcón”. Seivane chega hoxe [12.00 horas] ao Intercéltico, cunha traxectoria moi consolidada.

–Non é a súa primeira vez no Intercéltico. Que supón volver a Moaña trala pandemia?

–Estou encantada, sempre é unha alegría vir. É un dos festivais de referencia no noso país, con gran proxección internacional. Volver este ano é un dobre motivo de alegría. É de agradecer que a organización do Intercéltico se atreva para sacar adiante o festival.

–Como foron os seus inicios na música tradicional?

–Empecei a tocar aos tres anos. Tiña moi bo oído musical, algo que me axudou nunha idade tan temperá. As miñas fontes de aprendizaxe foron as tradicionais, sempre me fixei en como tocaban os vellos gaiteiros, co gran referente do meu avó Xosé Manuel Seivane. Nos anos 90, a miña familia e un dos fundadores de Milladoiro, Rodrigo Romaní, foron os que máis me animaron a sacar o meu primeiro disco, a que me atrevera. Dedicarme á música profesionalmente dábame certa vertixe. O meu primeiro empurrón foi o concerto que fixen como artista invitada de Milladoiro, en 1997.Ao ano seguinte, puxémonos a traballar no meu primeiro disco, coa condición de que Rodrigo fora o produtor musical. Tivo moito éxito e viñeron moi pronto as xiras internacionais.

–O confinamento foi produtivo, puidemos vela tocando a diario. Como foi?

–O confinamento foron uns meses duros. Tirouse moito da cultura e da música. Faciamos o aplauso musical ás 8. Recibín moito feedback nas redes sociais, os vídeos viralizábanse e dábanme as grazas xente de todos lados porque lle estábamos facendo o confinamento máis alegre. Eses ánimos foron os que me axudaron a seguir saíndo.

–E culminou coa publicación do seu novo disco “Dende o meu balcón”.

–Pensei que era unha pena que non quedara reflexado en ningún soporte. Foi un repertorio con propostas dos meus seguidores. Coincidía co repertorio que eu quería facer, que era retomar o dos meus inicios. Saíu un disco moi tradicional en instrumentación, algo que sempre tiven en mente. Tiveron que pasar moitos anos e unha pandemia para facelo.

–Atopouse algunha complicación por ser muller no mundo das gaitas?

–Non tiven ningunha. Non me metín en ningún mundo de homes, a gaita tamén era das mulleres aínda que a tocaran menos. Penso que ao principio axudoume pertencer a unha familia con moito nome dentro da cultura. Levar un apelido de tanto peso como Seivane axudoume ao principio, pero despois, en certo modo, tiven que demostrar máis que alguén que se apelidara doutra maneira.

–Como será o concerto deste domingo?

–Temos un espectáculo con moita enerxía e participación do público. É unha viaxe por todos os discos, pero cun son máis contemporáneo e moderno, máis rockeiro. Dentro do concerto faremos un apartado especial para darlle protagonismo a este último disco, polo importante que foi e polo momento no que foi xestado. Espero que a xente se anime, será un concerto moi familiar.

–En que situación se atopa a música galega?

–Na crise do 2008 houbo un gran baixón de oportunidades e axudas. Sempre se recorta moito na cultura. É o traballo de moitísimas familias que, de forma directa ou indirecta, viven da música. Non houbo un baixón de talento. Nos últimos anos, saíron moitos grupos de estilos diferentes. Agora coa pandemia sufrimos moito. Non estamos no noso mellor momento profesional, por todo o que nos tocou vivir. O ano pasado demostramos, con moito esforzo, que a cultura é segura.

Compartir el artículo

stats