Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A nova singradura do “Eliseo” no mar de Moaña

O galeón "Elíseo", onte en Moaña, antes de zarpar con representantes do Concello de Moaña. Gonzalo Núñez

Tras dous anos en rehabilitación fóra de Moaña, o galeón “Eliseo” voltou onte á localidade para a súa presentación oficial, da man da Asociación Cultural Sueste. O “Eliseo”, que se botou ao mar por primeira vez en 1908 baixo o nome de “Pepita”, foi adquirido por Sueste en 2005. O galeón das rías, un dos máis antigos de España, estivo dous anos inactivo para someterse a reparacións que supuxeron cambios na cuberta e a instalación dun novo motor.

A obra foi financiada entre os cerca de 35 socios que compoñen Sueste e unha subvención da Deputación de Pontevedra. Este longo traxecto tivo o seu colofón na gala de onte. O seu presidente, Pablo Martínez, séntese satisfeito de que a embarcación puidera presentarse tras un longo proceso de reparación que durou case dous anos.

Ao acto, celebrado no peirao de Mosqueira, acudiron os socios de Sueste, xunto a diferentes membros do goberno local moañés. Tamén participou María Ortega, deputada provincial delegada de Patrimonio, e un representante da Federación Culturmar. Todos eles fixeron unhas breves intervencións, que precederon a saída do “Eliseo” á enseada de Moaña. Ao final do evento estaba previsto realizar unha pequena comida, seguindo en todo momento as medidas sanitarias correspondentes.

O galeón navegando onte pola enseada de Moaña. Gonzalo Núñez

Martínez lembrou a importancia que implica a volta deste navío á localidade. “Aínda que o peso do mar diminuí bastante en Moaña, non debemos esquecer que os nosos pais e avós eran mariñeiros. Todo o que hoxe podemos ser é grazas a este tipo de embarcacións”, explica. Desta maneira, Sueste procura que o regreso do “Eliseo” supoña un recoñecemento á tradición marítima e ao traballo e esforzo dos mariñeiros.

Para logralo, a asociación ten previsto comezar a organizar saídas semanais no “Eliseo”. As datas aínda non están confirmadas, mais desde Sueste sinalan que, nun primeiro momento, serán rutas para os socios da entidade. Despois, abrirase a posibilidade de navegar a bordo do galeón ao público xeral, para que todos os moañeses poidan coñecer o pasado mariñeiro. “Queremos que perviva, que se poida navegar nel e non sexa un museo estático”, explica a asociación.

Estas saídas ao mar tamén axudarán á conservación do navío, moi importante para evitar futuras reparacións. “Os barcos de madeira requiren un mantemento intenso, necesitan moita atención. É primordial saír a navegar para evitar problemas no motor e na madeira”, explica o presidente da asociación. Ademais, para o coidado da madeira terán que baldear a superficie con auga salgada, especialmente no verán.

O barco estivo dous anos en obras de reparación. Gonzalo Núñez

Encontro de Embarcacións

Coa presentación de onte, a Asociación Sueste cumpre o desexado obxectivo de que o “Eliseo” estea presente no vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que a localidade acollerá, por primeira vez, do 5 ao 8 de agosto. “Era impensable que o ‘Eliseo’ non estivera listo, tiñamos que contar con el nesta edición”, sinala Pablo Martínez, presidente de Sueste. Para poder logralo, admite que tiveron que acelerar algunhas das reparacións, evitando retrasar a presentación de onte. A volta do “Eliseo” ao mar de Moaña será un dos grandes atractivos do Encontro de Embarcacións. Neste evento participarán navíos procedentes de Asturias, Cantabria ou Cataluña. Tamén haberá unha exposición de Xurxo Lobato, animación na rúa e actuacións de ISGA Collective, Xurxo Souto e Guadi Galego.

Compartir el artículo

stats