Acción Solidaria + Suscripción Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ángel Soliño "Gelucho O Pelán" Escritor e contacontos

“Cangas é un pobo de poetas, no que se aprecia a lectura”

Ángel Soliño, “O Pelán”, co seu primeiro libro "Escolma de soños". | // C.G.

“Son ben coñecidas na comarca as dotes de Gelucho como contacontos, humorista e fabulador”. Esta frase, firmada polo artista Camilo Camaño, define na contraportada do libro a Ángel Soliño Santos, máis coñecido como “Gelucho O Pelán”.O cangués, de 71 anos, dedicou a súa vida ao mar, pero foi quen de combinar o traballo coas súas verdadeiras paixóns: a escritura, o humor e a pintura. Agora, “Gelucho” cumpre o desexo de publicar o seu primeiro libro, “Escolma de soños”. O vindeiro mércores terá lugar a presentación [20.00 horas], no Salón de Plenos do Concello de Cangas.

–Cando comeza o seu interese pola escritura?

–Empeza coa historia da miña vida. Desde rapaz, sempre me gustou tanto escribir como ler. Tamén foi de pequeno cando comecei a debuxar. Todo sen deixar de lado o humor. Dediquei a miña vida a traballar no mar, pero tamén participei en obras benéficas e na televisión, de monologuista e contacontos. A partir da pandemia, animeime a continuar. Teño centos de escritos e a xente comezou a aconsellarme que os publicara.

–Que temáticas trata “Escolma de Soños”?

–Inspireime nas miñas historias. Son poemas inéditos que teñen unha temática moi variada. Tratan cuestións como a vida, a natureza, o paso do tempo, o amor, as guerras e a paz. O mar tamén ten moito protagonismo porque fun mariñeiro. Non me limitei, quería explicar o cotiá e os diferentes estados de ánimo do día a día.

–Por que decidiu, tras tantos anos, recompilar os seus textos nesta primeira obra?

–Moita xente estaba pedindo que publicara os meus poemas. O pintor Camilo Camaño e o escritor Serafín Parcero foron os que máis me animaron a sacar adiante este proxecto. Coñézoos desde sempre e creron en min, dixéronme que publicara algo porque tiña moitas historias escritas. Contei co seu asesoramento para a edición do libro. Tamén me axudou a miña filla Yasmina na tradución, corrixiume un pouco ela e outro pouco Camilo e Serafín. Quería publicar, pero nunca atopaba o momento. Coa chegada da pandemia, ao ter máis tempo, empecei a darlle voltas a idea de sacar o libro. Un ano despois, aquí está.

–Por que animaría a xente a ler “Escolma de Soños”?

–Recomendo este libro á xente porque é moi ameno. Moitos dos poemas están acompañados dunha ilustración, o que facilita a lectura. Cangas é un pobo de poetas, de xente que le e aprecia o bo traballo. Ademais, a temática variada fai que sexa un libro para todos os públicos, calquera pode lelo, incluso os rapaces.

–Que pode adiantar sobre a presentación do libro?

–Na presentación estarei acompañado por Serafín Parcero e Camilo Camaño, intervirán para dedicarme unhas verbas. Tamén haberá un concerto recital a cargo da cantautora Rebeca Carballo, pandereteira e ukelelista. Será tanto ao inicio como ao final do coloquio. Non adianto o que vou dicir, será unha sorpresa, polo que animo á xente a estar presente no acto.

–Onde se poderá adquirir o libro?

–O libro poderá comprarse a partir do día seguinte da presentación, o xoves 29. Estará dispoñible nas librarías da comarca e un día antes na presentación, a un prezo módico. Deste xeito, agardo que teña unha boa acollida por parte dos veciños.

Compartir el artículo

stats