Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Torre de Meira segundo o preito Tabera-Fonseca

O investigador Xosé Carlos Villaverde fai referencia ó arbitraxe entre ambos arcebispos polos danos polas revoltas irmandiñas

Castelo de Pedro Madruga en Soutomaior. Foto Villa

No ano 1507, Alonso III de Fonseca e Ulloa accede ao cargo de arcebispo de Compostela por certos amaños de seu pai Alonso II que tamén fora arcebispo de Santiago. Por entón os clérigos podía casar e ter descendencia ata concilio de Trento (1569) onde autorizábanlle o matrimonio pero mantendo o voto de castidade, emulando ó pai putativo san Xosé católico.

Alonso III de Fonseca foi destinado en 1523 á sé de Toledo como primado de España en tanto que Juan Pardo de Tabera ocuparía súa praza en Santiago. Pardo de Tabera ostentaría esa cargo entre 1524 e 1534 para despois acadar o arcebispado de Toledo, en medio sería nomeado cardeal (1531). En decembro de 1525, Tabera preséntalle a Alonso III unha reclamación polo danos sufridos nas fortalezas e castelos da Mitra Compostelán, polas revoltas irmandiñas e as guerras nobiliarias acontecidas no século anterior, sobre todo a partir do ano 1467, na que o pai Alonso II ostentaba, ademais do arcebispado, o título de Patriarca de Alexandría. O montante desa reclamación alcanzaba os dez millóns de marabedís, importe que Alonso III de Fonseca refutou por argumentar de que chegara a reparar gran parte dos inmobles, deixándoos mellor do que estaban. En consecuencia desenvolveuse unha arbitraxe, nomeando, ambos arcebispos, a varios representantes para obter información de testemuñas que viviron tales acontecementos.

Restos da Torre de Meira en 1986. | // FOTO VILLA

Santa Irmandade

A revolta de 1431 considerada como a primeira Guerra Irmandiña, foi en consecuencia dunha situación insostible que afectou directamente aos extractos baixos da sociedade medieval, ben polo incrementos das loitas entre a clase fidalga, ben polos abusos de poder, ben polas epidemias e pestes (1466) ou ben polas malas colleitas. En xaneiro de 1467, a situación apenas cambiou e organízase a Santa Irmandade Xeral do Reino de Galicia, encabezando a revolta o alcalde Álvaro Alonso Jacob que asume as finalidades aprobadas polos delegados en Fuensalida (Toledo) co visto e prace do rei Enrique IV, quen enviou a Galicia representantes para organizar unha forza militar cara a combater á nobreza laica e clerical, tendo coma obxectivo o derrubo das fortalezas, castelos e casas dos nobres que acolleran a malfeitores que se dedicasen ao roubo, asaltos nos camiños, secuestrar e pedir rescates ou forzar ás mulleres. Álvaro Alonso Jacob, home moi potentado, era contable das rendas de alcabalas (tributos, impostos), décimos e alfolíes (almacéns de graos e sal) da vila de Baiona, que lle rendían uns douscentos mil marabedís.

No que concerne á zona da nosa provincia, o mesmo preito Tabera-Fonseca aporta o testemuño de Bartolemé de Sigüeiro, rexedor de Pontevedra (en 1526), comerciante de profesión, respondendo ao interrogatorio por parte de Alonso III, lembraba que cando era mozo viu chegar á capital da provincia un alguacil portando unha vara do rei Enrique IV para pregoar o derrocamento das fortalezas da nobreza galega. Sigüeiro puntualizou que antes da chegada do alguacil, as cuadrillas xa estaban formadas con seus respectivos alcaldes e deputado; en tanto que outra testemuña, Alfonso Fruitoso, notario de Pontevedra, dixo que as xentes se levantaron despois da chegada dos emisarios do rei, con varas de xustiza e que era alcalde de Pontevedra e comarca Lope Pérez Mariño de Valadares, secundado por Alfonso Mouriño, Gómez Barbeiro, Juan Rodríguez, Pancho, Alfonso de Camba e Pedro García de Cangas, entre outros.

Pedro García de profesión mariñeiro non só participou en representación do Morrazo na constitución da irmandade pontevedresa, senón que estivo acompañado polos irmáns Vasco e Rui López, tamén de Cangas.

Torre de Doncos (As Nogais-Lugo) Algo semellante ao que sería a Torre de Meira.

Torre de Doncos (As Nogais-Lugo) Algo semellante ao que sería a Torre de Meira. Juan Manuel Domínguez (G. Enciclopedia G.)

O Couto de Meira

Segundo Vasco de Aponte (1470-1535) o couto e casa de Meira, era unha das máis antigas do Reino de Galicia, a lo menos dende o s. XII cando lle foi outorgado a Constanza de Meira e a seu home Varela polo rei de León, Estremadura, Galicia e Asturias Fernando II. No convulso s. XV o matrimonio de Teresa de Meira con Gonzalo de Valladares legaron a seu fillo Gregorio o couto de Meira.

O couto de Valadares pertenceu a Pedro Fernández de Castro, señor de Lemos, Monforte e Sarria, mordomo maior do rei Alfonso XI de Castela, adiantado maior de Andalucía, Galicia e Murcia, pertegueiro maior (ministro secular da catedral) de Santiago e comendador da catedral de Lugo, que en febreiro de 1341 doou ao arcebispo de Santiago Martín Fernández de Gres os coutos de Valadares e Teis en terra de Fragoso a cambio de ser soterrado nunha capela fundada por el mesmo, detrás do coro da catedral. Entre os Valladares e a Mitra de Compostela dominaron varios séculos case toda parte sur da península do Morrazo.

A torre, seu derrocamento

Segundo a memoria das prospeccións arqueolóxicas de 1976, por membros do Instituto Padre Sarmiento de Estudo Galego, constataron que no recinto da torre contaba cunha especie de patio de armas protexida por unha muralla no que se aprecia restos de cortes para animais, supostamente cabalos, e estruturas para albergar persoas e armamento. A torre foi construída sobre un pequeno outeiro de apenas 96 m2 de forma rectangular de perpiaños ben traballados de 5,90 m. por 5,70 m. de lonxitudes exteriores e de 3,60 por 3,40 m. de lonxitude interior. A escavación actual confirma estes datos.

As referencias extraídas do preito Tabera-Fonseca dicía que o couto de Meira, xunto co de Valadares (Vigo) e Saxamonde (Redondela) pertencían a Gregorio de Valladares, residente na vila de Vigo e o preito tampouco aporta referencia algunha sobre a súa antigüidade. Antes da segunda guerra Irmandiña (1467-1469), Vasco Rodríguez, labrego de Saxamonde (Redondela) viuna levantada con dúas cercas que os irmandiños derrocaron de todo e tamén derrubaron a torre ata metade.

Guerras nobiliarias

Antes do segundo levantamento irmandiño, contan varias testemuñas do preito que había boas relacións entre o Patriarca Alonso II de Fonseca e Pedro Álvarez de Soutamaior, tamén coñecido por Pedro “Madruga” ou conde de Camiña (título outorgado polo rei portugués Afonso en 1475) incluso esas harmonías eran compartidas con outros señoríos coma os Montenegro, Valladares e Moscoso, entre eles compartían axudas e servizos. O preito reflicte varios exemplos desa concordia, entre eles a dada polo labrego de Coiro, Juan de Boubeta cando comentaban que se defendían por intereses comúns tales como a axuda de Pedro Álvarez ao arcebispo de Compostela para recuperar e outras vilas en poder dos irmandiños, pero cando estes foron derrotados viñeron as inimizades entre eles, porque Pedro Álvarez reclamáralle ao Patriarca 50.000 marabedís do xuros (intereses) da vila de Pontevedra, por herdanza de seu irmán Álvaro e que o arcebispo non consentiu pagalo, iniciándose enfrontamentos continuos entre ambos. A inimizade estendeuse a todo vasalaxe repercutindo directamente a Gregorio de Valladares que Alonso II de Fonseca nomeouno alcalde para defender o castelo do Penço de Vigo ante os ataques de Pedro “Madruga”, segundo o testemuño de Vasco Rodríguez.

Nese contexto de loitas, vai acontecer a guerra de Sucesión en Castela (1475-1479) ao falecer o rei Enrique IV de ampla repercusión en Galicia porque Pedro Álvarez de Soutomaior e o rei de Portugal Afonso V apoiaron a filla de Enrique IV, Juana “La Beltraneja”, en tanto que Alonso II de Fonseca, Gregorio de Valladares e Tristán de Montenegro, rexedor de Pontevedra, fan causa coa irmán do rei Enrique, Isabel que casara en segredo con Fernando II de Aragón. A vitoria de Isabel I de Castela supuxo para Pedro “Madruga” a consolidación da súa decadencia, a pesares do intento de Pedro “Madruga” de reconciliarse coa raíña.

O derrubo total

l

Segundo o cronista de Vigo, José María Álavez Blázquez (1915-1985), sobre o ano 1476, Pedro Álvarez, para vingarse da morte dun vasalo apreciado, arrasou as casas e fortalezas de Aldán, Maldonado, Romai, Meira, Barragán, Valladares, Oia, Cadaval, Troncoso, Tomiño, Lira e Parada e asediar a vila de Vigo. En canto ao couto de Meira, enviou a seu meiriño Juan Fernández de Aldao para acabar de derrubar totalmente a torre que os irmandiños deixaran pola metade. Un par de anos despois, o Conde de Camiña, que fora preso polo conde de Benavente. Cando retorna a Galicia recupera os seus dominios que lle arrebatara o Patriarca Fonseca II. Posiblemente fora nese tempo cando Gregorio de Valladares, dono do couto de Meira, estivera a cargo da defensa de Vigo, encomendado polo arcebispo de Santiago. Segundo José de Santiago y Gómez na súa Historia de Vigo y su Comarca (1896), Gregorio de Valladares foi sorprendido polas forzas de Pedro Álvarez, na casa forte de Castrelos e foi ferido de mortaldade por unha frecha de bésta. Non obstante, Álvarez Blázquez seguindo ao cronista de Carlos I (1499-1558) Florián Ocampo, escribiu que Gregorio de Valladares fora morto e decapitado polos homes de Pedro “Madruga” nunha batalla campal acontecida nos areiros de Coia.

A vitoria da raíña Isabel I de Castela, beneficiou á Mitra Compostelán e a supremacía dos monarcas impuxeron a Fernando Acuña, en 1480, na Xustiza Maior e como Gobernador de Galicia con sede en Compostela. A constitución desta institución permitiu a García Sarmiento “El Beltranejo” ou “O Roxo”, xenro de Gregorio de Valladares, presentar denuncia contra o meiriño de Pedro “Madruga”, Juan Fernández de Aldao e contra Duarte Fernández de Cangas e clérigo criado da casa de Soutomaior por derrocamento total da torre de Meira.

A testemuña do preito, Esteban Rodríguez de Cangas, declarou que os danos do derribo da torre de Meira, foron estimados en setecentos mil marabedís, pero a sentencia condenou a Juan Fernández a indemnizalo tan só con dez mil. O propio Esteban Rodríguez foi co seu criado á vila de Tui a buscar a citada cantidade que entregou persoalmente a Juan Fernández e este fixo entrega dos cartos a García Sarmiento que asinou un recibín segundo verificou dita testemuña.

Nuño Álvarez de Aldao, afirmou en 1527, que a reclamación dos danos tiveron continuidade sobre os herdeiros de Juan Fernández chamados, Pedro Losada Collazo e Esteban Rodríguez, veciños da vila de Cangas. Descoñécese a sentencia e si houbo ou non máis demandas.

(*) Agrupación Cultural Nós (Moaña)

Compartir el artículo

stats