Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna Libre

O Evanxeo non debería ter razón

Desde hai anos, a voz de Míriam Ferradáns resoa por Galicia, froito dos numerosos e variados galardóns que a poeta colleitou desde aquel 3º premio do certame Xuventude Crea acadado no 2012. O Premio Francisco Añón e o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, conquistados con “Deshabitar unha casa” e “Nomes de fume”, foron un aviso a navegantes de que a súa ía ser unha carreira literaria prometedora. “Agosto”, unha creación coa forza da terra e coa delicadeza dun tulipán, supuxo un novo piar na consolidación dun deses nomes claros e identificables con estilo propio, un verso solto de pleno na nosa literatura que, cando menos a min, non pode máis que aledarme.

A palabra é celebración. Ferradáns erixiuse hai poucos días co Premio en categoría sénior dos XXIX Xogos Florais María Pita, un certame que este ano xiraba entorno á memoria de María Barbeito, pedagoga e escritora galega entre outras ocupacións que enchen un currículo extraordinario dunha muller que viviu entre 1880 e 1970. Así, Ferradáns recolle nos seus versos o adiantamento da mestra ao seu tempo(“e viaxa soa e é muller e sábeo/e percorre o mundo e pescuda e trae consigo”), dunha muller que formou parte da Real Academia Galega como correspondente e que “entende canto custa/ un verso en lingua propia”. O papel fortemente innovador da docente homenaxeada –que introduciu os principios educativos de Montessori en Galicia– atopa unha forte presenza no “poemario”. Nel, Ferradáns segue a ampliar unha rede de signos poéticos que xa empregara en creacións anteriores, tal e como son as ervellas e os paus que as guían (figuras aparecidas en “Nomes de fume”). Dese xeito, o seu estilo particular continúa a definirse e a asentarse, cunha mestra que é pau guía duns nenos chícharos embrionarios (“Pau para os chícharos guía distante / non han enredarse en ti/ observación e elegancia”). Nenos que aínda non coñecen o mundo, que teñen en si o saber da vida rural, mais que aínda non desenvolveron o seu enorme potencial (“Abrimos a man. / Un neno a piques de prender”).

A celebración é palabra. Este mércores 7de xullo, a alegría é o sentimento que invade o meu cuarto. Que inunda o aire que merodea, pegándose aos libros, á pel. Míriam Ferradáns acaba de ser proclamada como unha das tres finalistas do XVIII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Fíxoo co artigo “Dalias”, publicado o 10 de novembro de 2020 en Nós Diario. O Evanxeo segundo San Lucas dinos que ninguén é profeta na súa terra. Para selo, débese abandonar o fogar, a casa, a tribo. Porén, Ferradáns é finalista coa terra metida entre as mans, no fondo da boca cada vez que fala e escribe, no corazón (e no cerebro).

A Illa de Ons convértese neste artigo nun lugar-personaxe, nun espazo case animado que moldea e imprime carácter, que lles dá forma ás persoas da Illa. A voz conserva retallos poéticos, alimentando a palabra e afastándose dos artigos puramente xornalísticos aos que, lamentablemente, estamos acostumados. Ferradáns bota áncoras en nós, igual que a Illa está ancorada á terra firme a través duns mortos que xa non poden, desgraciadamente, ser enterrados na súa patria. Dunhas mulleres que parten no barco para levarlles flores aos seus defuntos. De Cesáreo agardando de pé ante o mar. O seu mar. Os filólogos estudamos a literatura. As escritoras –non sempre, grazas a Deus, filólogas– crean a celebración. Os versos que se cravan como frechas. O Evanxeo non debería ter razón.

*Veciño de Bueu e estudante de Filoloxía Galega

Compartir el artículo

stats