Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ser da terra

Resulta moi visual pero sorprende o contraste que se xera

Ás veces parece, e máis na nosa sociedade actual, que o ser humano só pode pasar polo mundo deixando trala súa existencia unha pegada de terra arrasada. Que non é posible vivir sen aumentar o balance de contaminación da natureza. Porén, hai casos asombrosos en que un conxunto de persoas, ou mesmo unha soa, deciden desenvolver accións que deixan tras de si un rastro de vida e que cambian consciencias.

Semente: O home que plantaba árbores, da compañía Eme2, é unha montaxe baseada no libro de Jean Giono, adaptada e dirixida por José Carlos Garcia, director artístico da Companhia do Chapitô, e cunha única intérprete en escena, Mercedes Castro. Ela vai desenvolvendo a narración para presentarnos a asombrosa historia de Elzéard Bouffier, ese pastor que consegue reforestar unha zona árida e despoboada de Francia plantando el só milleiros de carballos, e ela mesma desdóbrase para, mediante o recurso do simulacro, facer aparecer diferentes personaxes, acontecementos e imaxes, a partir de elementos e recursos sinxelos pero moi efectivos. Como nos di a actriz, a peza é un convite a usar a imaxinación.

Os tempos e ton son repousados e o xeito en que está narrada a historia, salvo o emprego dalgúns recursos xestuais e humorísticos para romper a tensión, non se adapta especialmente ao público infantil. O espazo escénico ten unha abordaxe conceptual, a xeito de instalación. Resulta moi visual pero sorprende o contraste que se xera entre el e o que evoca a narración.

A principal sensación que transmite o espazo escénico é frialdade: as luces, pola súa tipoloxía e disposición e pola cor azulada de moitas delas; as luvas de goma verde sobre os soportes metálicos, simbolizando as árbores; a propia acción de cortar o metal... Isto bate coa imaxe da terra árida á que se alude ao comezo da narración e do bosque cheo de vida e “un lugar onde apetece vivir” do final.

Semente: O home que plantaba árbores é unha proposta que abre unha reflexión necesaria sobre a nosa relación coa natureza. Aínda que Elzéard Bouffier foi un personaxe ficticio, encarna uns valores que fan pensar arredor de como os actos dunha única persoa poden supoñer non só un aumento da consciencia global senón tamén un gran cambio material no mundo, porque, como di o pastor, a terra non é nosa; nós somos da terra. E para que o público puidese comezar a poñer o seu propio gran de area, a compañía regalou a cada persoa asistente un sobre cunha semente de piñeiro.

Compartir el artículo

stats