Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mostra de Teatro de Cangas
Vanesa Sotelo Dramaturga e actriz

“Síntome orgullosa de poder compartir o meu traballo aquí”

A dramaturga e actriz canguesa Vanesa Sotelo. | // GONZALO NÚÑEZ.

Ninguén é profeta na súa terra é un dito que non funciona con Vanesa Sotelo. A dramaturga e actriz canguesa chega esta noite[22.30 horas] ao escenario do Auditorio para desmentilo. Alí terá lugar a estrea a nivel nacional de “Espécies Lázaro”, unha obra que ela mesma creou e dirixiu da man da compañía portuguesa Art d’imagem.

–Sendo natural de Cangas, que sensación ten ao estrear “Espécies Lázaro” a nivel nacional na súa vila natal?

–É moi gratificante, sempre é un orgullo e unha honra estar na Mostra. Síntome arroupada e acompañada polo sitio de onde son, polo meu pobo. Sempre tiven o acompañamento da Mostra e agora materializouse coa posibilidade de estrear a obra a nivel estatal, fóra de Portugal, que foi onde se estreou o 15 de xuño. Síntome moi orgullosa de compartir o meu traballo aquí. É unha forma tamén de devolver o coidado, a atención e a inspiración que a comunidade de Cangas me ofreceu desde sempre.

–En que ideas se inspirou para a creación da obra?

–Hai diferentes planos que conviven nesta obra. Por unha banda está a idea da historia e por outro lado a da ecoloxía. Despois tamén tratei de mirar para os recursos naturais e o patrimonio do territorio que afecta á obra que é Galicia. Tamén está a cuestión da convivencia lingüística, da fusión de culturas a través da lusofonía, da lingua galega e da portuguesa.

–Precisamente, a obra reflexiona sobre a ruptura de fronteiras a través das raíces galegas e portuguesas. Como foi o proceso de fusión bilingüe?

–Foi moi enriquecedor porque é a primeira vez que recibo un convite dunha compañía como Teatro Art d’imagem para levar a escena un texto orixinal e propio. Déronme a oportunidade de escribir con total liberdade seguindo as miñas obsesións, a miña poética, co enfoque que eu quixera desenvolver. Escribín en galego sabendo que estaba escribindo para un actor galego, un caboverdiano e outro portugués. Nese momento xa vin o condicionante de que a lingua na que se ían desenvolver os intérpretes tiña que corresponderse coa dos personaxes de dous séculos distintos xa que a obra vai a cabalo entre o século XVI e o século XXI.

–A función leva a escena unha metáfora do illamento. Como séra a experiencia do público despois de vivir en primeira persoa unha pandemia?

–Pode haber algunha vibración da etapa de confinamento que tivemos. O texto foi escrito e desenvolto durante o primeiro estado de alarma. A situación da pandemia propiciou situar esta historia en dous barcos. Máis alá do illamento, podemos ver como hai máis elementos que nos atraen e aproximan do que nos separan. A peza fala de como nunha situación extrema hai fricción pero ao final tamén hai aproximación, entendemento, solidariedade e necesidade de entender a outras persoas. Gustaríame poder conseguir que aumentara a curiosidade por todo o contexto que nos rodea e por todo o patrimonio natural que temos ao noso arredor.

–O espectáculo defínese como unha comedia áspera. Que significa para vostede o humor?

–Tomei este traballo como un desafío porque normalmente traballo con propostas fragmentarias e de carácter asociativo. Neste caso quería contar unha historia dunha forma máis ou menos clara. Sempre tendo a un compoñente máis serio e tráxico polo que tiven que enfrontarme ao humor como vía de escape.

–Converteuse nunha dramaturga cunha gran taxectoria. Como foi o camiño no mundo do teatro?

–É un medio sen grandes apoios. Sempre digo que tiven que facer moitas cousas. Beneficioume o feito de traballar en diferentes liñas e explorar distintas facetas, tanto como dramaturga, como intérprete ou como directora teatral. Despois está o feito de ter un amor inmenso polo que fago e que xa non podo deixar de facer. O traballo e a constancia son o que me permiten resistir.

Compartir el artículo

stats