Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A forza telúrica do levante

Representación de "El viento es salvaje" no Auditorio de Cangas. ProLight Foto Estudio

Un vendaval pasou pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para removelo todo. A compañía Las niñas de Cádiz arrasou coa súa peza El viento es salvaje, unha proposta con acento propio que aborda a traxedia de tinturas clásicas a través dun humor potente, nunha traxicomedia en verso en que se mestura o culto co popular.

O texto, escrito por Ana López Segovia, que tamén dirixe e actúa na peza, é o elemento central que fía a trama arredor desas dúas amigas, Vero e Mariola, tan unidas dende a infancia que se senten irmás, e que, mentres a unha lle sae todo ben, á outra lle sae todo fatal. Porén, o que sostén a montaxe, ademais da propia calidade do texto e da dramaturxia, é o elenco, formado por Alejandra López, Teresa Quintero, Rocío Segovia e a propia Ana López Segovia, que fan un traballo actoral moi potente. Conseguen manter sempre o ritmo, dar as pausas necesarias para que respire o verso, para que flúa a comedia e se vaian creando as tensións que logo resolven no riso, mantendo o público atento e cativado durante toda a función.

Bótase man da figura do coro e do recurso da narración para meternos na historia e ir presentando diferentes escenas, con cambios áxiles de personaxes, e cóase tamén a chirigota nos versos falados e nas cancións que introducen. Destaca, ademais, o emprego que fan do espazo, xa que as actrices sosteñen todo o peso da montaxe; usan moi poucos elementos, cos que elas mesmas van construíndo e logo deconstruíndo a escena.

El viento es salvaje é unha combinación explosiva dos compoñentes da traxedia clásica coa parodia e o humor negro, a esaxeración e os elementos populares. O vento, tal e como avanza o título, que corresponde co da canción homónima en inglés, “Wild is the Wind”, popularizada por Nina Simone e David Bowie, é o catalizador das paixóns e da desgraza; ese levante que o remove todo.

O son do afiador é premonitorio da traxedia que axexa, así como as libélulas que aparecen mortas na azotea e esa sensación de calor e vertixe que senten os personaxes, que crean unha atmosfera con reminiscencias lorquianas, polo simbolismo sensual que evocan. Este espectáculo, que conseguiu o Premio Max 2020 de las Artes Escénicas ao mellor espectáculo revelación, demostrou en Cangas a forza telúrica que pode ter o levante e que teñen tamén Las niñas de Cádiz.

Compartir el artículo

stats