Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un premio “excelente” para o IES Illa de Ons por ser de monte

O alumnado do IES Illa de Ons durante unha das súas saídas ao monte.

O alumnado do IES Illa de Ons durante unha das súas saídas ao monte.

O fin do curso 2020/21 viu cunha moi boa nova para o IES Illa de Ons. A Consellería de Cultura e Educación acaba de premiar o seu proxecto “#SonMonte” coa consideración de excelente, o que suporá, entre outras cousas, unha dotación económica de 2.000 euros. A iniciativa foi desenvolvida polo alumnado de 1º da ESO e baixo a coordinación dos departamentos de Xeografía e Historia, Plástica e Bioloxía e Xeoloxía. Un premio que enche de ilusión, pero desde o centro suliñan que o máis importante foi todo o camiño realizado e a aprendizaxe

O IES Illa de Ons rematou o curso cunha nota de “excelente”. A Consellería de Cultura vén de premiar o seu traballo “#SonMonte” dentro da convocatoria de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística. É un dos cinco galardoados aos que se lle recoñece a consideración de “excelente”, un fermoso proxecto interdisciplinar concebido a partir da valorización do monte como patrimonio natural e cultural.

O traballo foi desenvolvido polos case 40 estudantes do curso de 1º de ESO e polos departamentos de Xeografía e Historia, Bioloxía e Xeoloxía e Educación Plástica Visual e Audiovisual, xunto coa colaboración do Equipo de Normalización Lingüística e da biblioteca.

As actividades planificáronse durante os dous primeiros trimestres do curso e dividíronse en distintos bloques: “#CantaroMonte”, que se baseou na búsqueda e interpretación de cantigas vencelladas ao monte e para o que foi clave a colaboración dos maiores da vila; “#TocaroMonte”, que se centrou na exploración e creación de sons da natureza; “#PensaroMonte”, que botou man de rutinas de pensamento coas que o alumnado creou lemas de concienciación social; “#CoñeceroMonte”, no que se focalizou o traballo na elaboración dun caderno de campo e en diversas charlas científicas; e finalmente “#FotografaroMonte” e “#DebuxaroMonte”, que consistiron nun rexistro visual e a interpretación artística das formas e cores atopadas nos distintos roteiros realizados pola contorna do monte de Bueu.

Un fotograma do video de animación feito polo alumnado.

Con todo o material recollido elaboráronse dúas creacións audiovisuais que se poden ver en Youtube ou a través da web do propio IES Illa de Ons. Unha é “#SonMonte”, no que se trata de reflectir o monte como memoria colectiva e no que queda constancia do traballo de recollida coas fontes orais e a creación de sons da ntaureza. O segundo video é “#SonMonte. E ti que pintas no monte?”, que é un traballo de animación en forma de cadáver exquisito que plasma dunha maneira orixinal o traballo feito polo alumnado nos seus cadernos de campo.

A resolución da Xunta premia como excelentes só cinco traballos –os outros son de Caldas de Reis, Marín, Cambre e Ribeira–, polo que os centros recibirán 2.000 euros e a correspondente certificación polo Primeiro Premio de Innovación Educativa para os docentes. “Foi unha grata sorpresa. Presentamos o proxecto a varias convocatorias, pero sen dúbida a que máis nos apetecía e ilusión facía era esta”, explica a directora do IES Illa de Ons, Anabel Castro.

Desde o centro recoñecen a importancia deste galardón, pero destacan que “do que estamos máis contentos é do resultado e da implicación do alumnado; aínda que non gañásemos estaríamos igual de felices”.

Os rapaces entrevistaron aos maiores da vila para recoller cantigas sobre o monte.

Compartir el artículo

stats