Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fran Paredes | Actor e pregoeiro de la Mostra

“A risa é a mellor vacina para calquera mal”

Fran Paredes, pregoeiro hoxe da Mostra. | // FDV

A organización da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas elixiu a un actor de recoñecido prestixio pero tamén con pasado no certame como Fran Paredes para dar o pistoletazo de saída a edición de este ano. El será o encargado de ler o pregón dunha Mostra marcada aínda polas limitacións da pandemia, pero sobre todo por ser a primeira tralo falecemento dun dos seus impulsores, Xosé Manuel Pazos.

– ¿Que significa para vostede, que ademais é natural da comarca do Morrazo, ser o encargado de ler o pregón na Mostra de Teatro de Cangas?

– É difícil de explicar… para min ten un significado enorme, pois é a Mostra na que dei o meu primeiro paso como actor profesional, e á que me sinto vencellado en moitos aspectos, sobre todo pola cantidade de compañeiras e compañeiros que forman parte da organización, e ademais coa dimensión que desafortunadamente cobra esta edición en homenaxe á figura de Xosé Manuel… Como actor nacido e criado no Morrazo, e dígoo moi sinceramente, é un dos maiores orgullos ós que puidese aspirar

– Pesa máis a honra de que a organización se fixe en vostede ou a responsabilidade de ser o encargado de erguer o pano nunha mostra como a de Cangas?

– Os dous aspectos pesan por igual. Fai unha ilusión infinita que se lembren dun e que o consideren á altura de dar comezo a un evento desta magnitude, e máis se é na túa comarca…

– Dentro do que poda contar, cal vai ser o fío ou aspectos que aproveitará para poñer en valor ou reivindicar desde o escenario do Auditorio de Cangas?

– Será en esencia un tributo a dúas bandas: por unha banda ó TEATRO, así en maiúsculas, e por outra á xente teatreira, profesionais e público, con especial recordo por suposto para Xosé Manuel. O que podo adiantar é que non será un pregón lido ou “pregoado”, desculpando a redundancia, mais será algo íntimo, algo entre o público asistente e eu… E haberá algunha que outra sorpresiña…

– Cal cre que é a clave para que unha Mostra de Teatro, que naceu literalmente na rúa e que tardou case 20 anos en gozar dun espazo como o actual Auditorio, vaia xa camiño das 40 edicións?

– Coido que son varias claves: un equipo humano e profesional insuperable, cunha entrega, constancia e un afán encomiables, contra vento e marea; unha programación que cada ano se supera, non só cos espectáculos centrais, senón tamén con espazos alternativos, obradoiros, xornadas temáticas… Unha comarca, O Morrazo, que pode ter o orgullo de ser un referente cultural e artístico, tanto profesional como amador, e un público ávido de eventos neses ámbitos

– Vai ser a primeira Mostra de Teatro sen a presenza de Xosé Manuel Pazos. Que cre que significou Pazos para esta Mostra?

– Supoño que significa tanto como o profundo baleiro que deixa no escenario da cultura, da política, da ensinanza… O legado HUMANO que deixa Xosé Manuel é dunha riqueza grandiosa e digna de ser recollida, imitada e tamén continuada

– Debería levar o Auditorio de Cangas o seu nome?

– Persoalmente, a min encantaríame que o levase, por todo o que Xosé Manuel loitou por el e por Cangas, e por todo o que significa para esta vila en todos os aspectos. Ademais, Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos soa moi ben, non?

– A mostra canguesa é de teatro “cómico e festivo”. Nestes momentos de pandemia e incertidume, esa comedia e festa son quizais máis necesarias ca nunca?

– Sen ningunha dúbida, a comedia e a festa, tomadas en serio, sempre son necesarias e esenciais, e a risa a mellor vacina para calquera mal, por moi pandémico que sexa.

Compartir el artículo

stats