A pandemia do coranavirus aínda se resiste a abandonarnos e frente a iso volven a xurdir iniciativas como a da Concellería de Cultura de Bueu, que aposta por actividades culturais en “Espazos ConVida”, nunha especie de clara oposición ao COVID. O programa xa se puxo en marcha por primeira vez o verán pasado e retómase de novo a partir de mañá venres, esta vez cunha oferta cultural máis ampla, en máis lugares e con espectáculos para todas as franxas de idade: teatro familiar, cine, teatro para o público adulto e concertos..

O concelleiro de Cultura, Xosé Leal, vén de presentar o programa completo na comisión informativa de Asuntos Xerais celebrada esta semana. “Apostamos por unha programación moi diversa e ampla, que abrangue a todos os públicos e non só ao familiar ou infantil”, explica edil. Ademais destaca a súa perspectiva de xénero, con presencia de artistas masculinos e femininas, e por extender as actividades ao rural do municipio e non limitalas ao casco urbano.

A lista de de actos arranca mañá ás 21.30 horas na Praza Massó co concerto de García MC & Nación Quilombo. A actuación forma parte do que se denomina como “Espazo Musical”, que será todos os venres ata finais de agosto. A este concerto seguiranlle os de A Banda da Loba, na Praza Massó o 9 de xullo; Xoana, en Meiro o 23 de xullo; Mallou no Parque de Ramal dos Galos do 30 de xullo; Os Carunchos, o 6 de agosto en Sanamedio; o dúo acústico Monoulious Dop, o 13 de agosto no Parque Novas de Beluso; Xan Campos Trío, o 20 de agosto na Praza Massó e, por último, Zeltia e Irevire o 27 de agosto en Cela. Todos os concertos están programados para as 20.30 horas.

Os martes será o día para o “Espazo escénico familias”, con espectáculos dirixido ao público infantil e familiar. Este programa ergue o pano o martes 6 de xullo con Inventi Teatro e “A tropa do Doutor Milagre” na Praza Massó. E a continuación virán “Saabor”, o 13 de xullo na Banda do Río; o Mago Teto o 20 de xullo en Meiro; Piscore o 27 de xullo no Parque Ramal dos Galos; Patty Diphusa o 3 de agosto en Sanamedio; Isla Letriska o 10 de agosto no Parque Novas de Beluso; Inventi Teatro regresa o 17 de agosto á Praza Massó con “A gran viaxe” e o peche será o 27 de agosto en Cela con Alba Grande. No caso do teatro familiar, as funcións están previstas para as 21.30 horas.

Unha das actuacións musicais do ano pasado, con The Tetas Van T.G.

Os mércores o protagonismo será a para o cine, con proxeccións variadas e aptas tamén para todos os públicos e gustos. A primeira película en proxectarse será “Uno para todos”, do director David Ilundain. O mércores 14 de xullo na Banda do Río o pase incluirá a “Las niñas”, dirixida por Pilar Palomero e que foi a gran triunfadora na última edición dos Premios Goya (mellor película, mellor dirección novel, mellor guión orixinal e mellor dirección de fotografía). Esta carteleira seguirá o 21 de xullo en Meiro con “Trote”; o 28 de xullo con “Arima” no Parque Ramal dos Galos; o 4 de agosto en Sanamedio con “Guardianes de la Galaxia”; o 11 de agosto no Parque Novas coa “María Solinho” de Ignacio Vilar; o 18 de agosto na Praza Massó con “Mujercitas” e, para rematar, a cinta de súper heroes “Antman”, o 25 de agosto en Torrecino-Cela. As proxeccións do mes de xullo comezarán ás 22.30 horas e as de agosto ás 22.00 horas.

Os “Espazos ConVida” complétanse co denominado “Espazo escénico adultos”, que inaugura a actriz Isabel Risco o xoves 8 de xullo con “Nabiza girl” na Praza Massó. Vai seguir Quico Cadaval na Banda do Río [o único espectáculo que non será un xoves, senón o luns 12 de xullo]; o 22 de xullo estará Avelino González en Meiro; o 29 de xullo “Epístola ás neofalantes” de Aldao Lado, no Parque Ramal dos Galos; Bea Campo o 5 de agosto en Sanamedio; “A louca historia de Galiza” por Fulano, Mengano e Citano, o 12 de agosto no Parque Novas de Beluso; Paula Carballeira na Praza Massó o 19 de agosto; e Celso Sanmartín o 26 de agosto en Torrecino-Cela como peche. Neste caso, as representacións serán ás 21.30 horas.

Desde a Concellería de Cultura suliñan que todos os espectáculos terán en conta os protocolos contra a COVID-19 e requírese inscrición previa a través da web concellodebueu.gal ou ben no mesmo lugar dos eventos.