Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Orixe e significado do topónimo “Moaña”

Monte do Castro, igrexa de San Martiño e a contorna onde se pode situar o topónimo prerromano de Moaña. | // X.C. VILLAVERDE

O Concello moañés organiza este domingo a sexta edición da festa medieval Moaña Antiqua, no núcleo histórico de San Martiño. O investigador da historia local, Manuel Uxío García Barreiro, aproveita este evento para presentar un traballo sobre a posible orixe do topónimo “Moaña”, que ata fai pouco tempo se relacionaba cunha raíz latina. Alude agora á posible explicación prerromana remitíndose a documentos que se emitiron entre o século XIII e o ano 1836 en que naceu o termo municipal de Meira, formado entón por esa parroquia, Domaio, Moaña e Tirán.

Para coñecer o significado do topónimo, Moaña, acudiuse ao Servizo de Normalización Lingüística do concello moañés onde está depositado un documento encabezado do xeito seguinte:

"O topónimo Moaña foi estudado por Iván Sestay como técnico de campo para o Concello de Moaña dentro do Proxecto Toponimia de Galicia da Xunta de Galicia terminado en 2007".

Por tratase dun traballo específico sobre o nome da histórica parroquia, deseguido, móstrase a totalidade do documento:

Significado: o charco, o lameiro, o lamazal.

Forma da que deriva: *MOYÁNIA~

Tradicionalmente, pensouse que viña do latín mola “moa, pedra grande”, a través de *molania. Pero esta reconstrución é incompatíbel coa documentación medieval na que aparecía como Moania.

Pódese integrar Moaña dentro da produtivísima raíz indoeuropea *MOI~ “mancha, sucio”, especializada en significados como o de charca (pois adoitan ser augas sucias por natureza), lamazais, etc. De feito, dun derivado desta raíz *MEI~ (“fluír, vagar, correr”) veñen o nome dos ríos Miño ou Main (Frankfurt).

O topónimo máis emparentado con Moaña é Meaño (no Salnés): só se diferencian en que un é feminino e outro masculino, e na diferente vogal da raíz. Así de *MOI~ temos *MOYANIA~ (raíz en “o”) que deu Moaña, e *MEYANIO~ (raíz en “e”) que deu Meaño.

Outra boa proba para achegar Moaña á devandita raíz é o nome do deus galaico prerromano MOELIO Mordonieco, da mesma raíz pero coa habitual alternancia de terminacións: *MOI- LIO que deu MOELIO E *MOI-ANIA que deu Moaña.

Da mesma raíz que Moaña derivan (á parte dos citados Miño e Main) o río Miñor, Miñanzo, Niñotelo e, no Morrazo, o río da Miñouba (en Domaio).

O significado de Moaña, polo tanto, é unha zona enchoupada con charcos, dun lamazal, dun sitio cheo de lama ou algo parecido.

Co obxecto de estender o contido dunha conferencia que, na data do 16 de novembro de 2018, impartiu no salón de actos da Casa do Concello o especialista da Comisión Onomástica e Toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo; a comezos do ano 2019, previa solicitude do devandito servizo municipal, o filólogo enviou os seguintes datos toponímicos sobre Moaña:

Trátase dun topónimo prerromano. Moralejo Lasso inclúeo nunha serie de tops. prerromanos co sufixo -aña: Bendaña, Besaña, Bragaña, Moaña, Moraña etc.; -año: Araño, Lantaño, Laraño, Meaño, Barraña, Moaña, Moraña TGL, p18.

Quizais teña unha orixe próxima no étimo e no significado á de Moraña, cunha alternancia de líquidas na raíz MOR/MOL-, aplicado a un terreo pedregoso.

En calquera caso, refírense a un topónimo único, ou moi pouco frecuente, acerca do cal cada un dos dous especialistas ofrece versións diferentes, pois Iván Sestay relaciónao con lamazal ou lugar encharcado e Vicente Feijoo, cun posible terreo pedregoso.

Para poder situar o lugar onde xurdiu Moaña na época prerromana, débese acudir a unha escritura de doazón ao Mosteiro de Armenteira, outorgada no ano 1237 e depositada no Archivo Histórico Nacional de Madrid, que a cita no latín orixinario da seguinte maneira:

Ego Fernandus Arie, presbyter Sancti Martini de Moania ... (Eu Fernando Arias, presbítero de San Martiño de Moaña ...).

Do etiam in ecclesia Sancti Martini de Moania ... (Dou tamén na Igrexa de San Martiño de Moaña ...).

O crego, Fernando Arias, nado en Sabaceda, era neto do nobre de Ribadavia, Arias, que mandou facer o templo románico e, como seu irmán Paio exercera de frade en Armenteira, dooulle ao mosteiro propiedades de ambos os dous situadas nos seus arredores.

Cumio dun outarelo pedregoso onde se atopa a igrexa de San Martiño de Moaña. Manuel Uxío García Barreiro*

Cómpre, pois, localizar accidentes topográficos e hidrográficos que, na contorna da Igrexa de San Martiño, poidan relacionarse coa hipótese do filólogo, veciño da parroquia canguesa de Aldán, Iván Sestay; para iso, procedeuse a investigar nas escrituras de terreos, depositadas no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, que tivesen relación coa auga, e obtívose algunhas que mencionan a denominada Canle de Moaña. É posible que o nome dese terreo proceda dunha canalización hidráulica situada no actual lugar de Outeiro da Igrexa, da que aínda se conservan restos; por ela fluía auga, desde monte arriba, que podía chegar ata a muralla norte do monte do Castro; auga que se encharcaba ao ser distribuída a varias leiras dos seus arredores e, desde tempos inmemoriais, desviada a un pequeno estanque situado na horta da reitoral baixo o nome, que aínda se lembra, de Auga do Cura.

Outro regueiro de auga flúe en paralelo ao barranco situado na linde da cara leste do castro, o cal, en determinadas circunstancias, podería enchoupar os terreos da súa beira.

Oco situado no valado de peche da reitoral por onde fluía a “Auga do Cura”.

A poboación galaico – romana que ía baixando do monte do Castro, despois de abandonar a tradición de queimar as súas persoas mortas, iniciaron o costume de enterralas nunha necrópole, como a de San Martiño, cuxa igrexa se atopa no mesmo soar onde, no ano 2006, foi descuberta. Por iso, é posible que o nome de Moaña proceda dunha grande extensión de terreo na que se atopaba o antedito castro rodeado de augas que a miúdo se encharcaban.

Tamén se chega a unha conclusión parella, se se considera que procede dun terreo pedregoso, como supón Vicente Feijoo, pois doutra raíz prerromana, “MOR”, deriva o nome do Morrazo e, probablemente, o de Moaña.

(O autor agradece a inestimable colaboración de Paula Soto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña, e a do catedrático de latín xubilado, o moañés José B. Rguez. Parada).

Manuel Uxío García Barreiro Fdv

*Investigador da historia local e próximo Cronista Oficial da vila.

Compartir el artículo

stats