Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Mestre Mateo visita Ons

A conselleira posa cun cos dos Premios Mestre Mateo, xunto a Alfonso Zarauza e Paula Cons. | // CMATI

O Parque Nacional Illas Atlánticas atopou no cine outro vehículo para proxectar a súa imaxe cara o exterior e acadar máis visibilidade. “Ons” e “A illa das mentiras” son un bo exemplo e onte, na illa bueuesa, reuníronse nun acto de agradecemento os equipos de ambas cintas e a Consellería de Medio Ambiente

“Ons” e “A illa das mentiras” foron as grandes triunfadoras da recente gala dos Premios Mestre Mateo, a gran cita do cinema galego e na que sumaron un total de catorce galardóns. As dúas producións, amais do seu éxito de crítica e público, teñen outro elemento en común: foron rodadas no Parque Nacional Illas Atlánticas: “A illa das mentiras” en Sálvora e “Ons”... xa o di o seu título! A Consellería de Medio Ambiente quixo agradecer onte aos equipos das dúas películas o seu traballo posto que serviu para “dar a coñecer” a xoia do patrimonio natural galego. Unha verdadeira promoción de película para un lugar de cine.

Un momento da visita de onte á illa de Ons. | // CMATI

O lugar escollido para este acto foi Ons, onde posaron con dúas das icónicas efixies do Mestre Mateo. O autor do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago puido así “visitar” a illa bueuesa oito séculos despois da súa morte. As illas de Ons e Sálvora non son somentes os escenarios naturais destas dúas rodaxes, senón que tamén acabaron convertíndose en “protagonistas” das propias tramas cinematográficas. Iso contribuirá a poñer de novo no mapa internacional ao conxunto do parque nacional e axudar a súa difusión turística.

Xunto a conselleira, Ángeles Vázquez, desprazáronse ata Ons os responsables de ambas películas, Alfonso Zarauza e Paula Cons; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o director do parque nacional, José Antonio Fernández; e xefe territorial de Medio Ambiente, Luis López. “Poder rodar nun paraíso natural como Ons é unha responsabilidade e un privilexio”, contou onte Alfonso Zarauza, que agradeceu a axuda do Parque Nacional, Agadic e, especialmente, dos illáns para poder sacar adiante unha rodaxe “en condicións moi complicadas e en lugares moi delicados para filmar”.

Pola súa banda, Paula Cons manifestaba que a rodaxe dunha película “é algo moi grande, que provoca moitos trastornos, polo que vas algo temerosa a pedir axuda, pero sempre atopamos unha man tendida”.

A comitiva paseando pola zona do Curro, na entrada da illa. CMATI

O éxito destas dúas cintas demostra “a visibilidade de Galicia que se pode conseguir a través do cine”, tal como apuntaba Jacobo Sutil, que espera que este exemplo sirva para que outras partes do territorio galego “sexan o lugar escollido para facer novos proxectos audiovisuais con tanto talento, calidade e recoñecemento da crítica e o sector como estas dúas películas”.

“Ons” foi a gran premiada na recente gala dos Mestre Mateo, con nove distincións, entre as que se incluían a de mellor película e os premios de interpretación para os seus protagonistas. No tocante “A illa das mentiras”, alcanzou cinco galardóns, entre os que estaba o de mellor dirección para Paula Cons.

Ángeles Vázquez conversa con Alfonso Zarauza e Paula Cons. CMATI

A expedición desprazouse onte en barco ata a illa de Ons, aproveitando o inicio da tempada estival e a conselleira aproveitou para facer unha chamada ao coidado e conservación das Illas Atlánticas. “Para poder ter estes recunchos con encanto, estes lugares paradísiacos temos que conservalos e preservalos”, dixo Ángeles Vázquez, que quixo poñer en valor o traballo do director conservador José Antonio Fernández Bouzas e de todos os axentes de Medio Ambiente que traballan no arquipélago ao longo das catro estacións do ano. “Son unha xente marabillosa, realizan unha labor de pedagoxía e instrución e son, en realidade, os mellores coñecedores destas paraxes”.

Uns espazos que grazas a estas dúas películas agora serán coñecidos por moita máis xente no mundo enteiro.

Compartir el artículo

stats