Máis de unha ducia de persoas participaron o sábado na andaina en defensa das dunas de Barra organizada polo BNG de Cangas e puideron explorar os seus atractivos medioambientais e paisaxísticos, gozar da natureza e reivindicar o seu coidado e protección. O percorrido contou coa presenza dun especialista nese territorio, que achegou aos participantes a historia, flora e fauna do lugar, así como as peculiaridades das dunas, que constitúen un elemento particular e esencial nesa franxa costeira da parroquia de O Hío e tamén de Cangas e o litoral galego.

A camiñata partiu a primeira hora da mañá da rúa Preguntoiro, en Viñó, e prolongouse varias horas favorecida polo bo tempo e a xornada festiva. A idea no BNG é repetir este tipo de iniciativas para coñecer os valores naturais do municipio.