Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A música “xira” por Moaña

Magín Branco nunha escena do videoclip no transporte de ría, cos nenos de “A Panda de Tirán”.

O Concello de Moaña uniu a potente escena musical do municipio coas personaxes infantís de Os Bolechas para fomentar o uso da lingua propia entre os nenos e, á vez, promocionar á vila como destino turístico. Trátase do proxecto “Xirarei cos Bolechas”, que ten o seu xerme na publicación dun libro editado no ano 2018 no que Os Bolechas percorren os principais monumentos de Moaña e coñecen a persoeiros destacados. Agora a aposta é pola música e o audiovisual, e culminará o vindeiro 23 de xuño cun concerto na explanada de Samertolaméu.

“Xirarei cos Bolechas” comeza cun disco en formato dixital con cinco temas, tres dos cales xa se poden escoitar dentro da páxina de Turismo do Concello. Coordinado por María Faltri e Jorge Juncal, os temas infantís graváronse no seu estudo e conseguiron involucrar a Anxo Lorenzo, María Fumaça, Magín Blanco e Wöyza, así como ao grupo de nenos “Panda de Tirán”. Esta última, en compañía dunha banda formada por Max Gómez, Juansy Santomé y Juanma Ons (de Jazz Moaña) interpretou unha versión en soul do mítico tema “Xirarei”, do moañés Xil Ríos, que é a canción que está presente ao longo de todo o libro.

Magín Blanco compuxo a canción “Os Bolechas chegan a Moaña”; María Faltri e Jorge Juncal a canción “Rechouchío” e están pendentes de publicación as pezas de Anxo Lorenzo, titulada “Intercéltico” e de María Fumaça, titulada “As Mariscadoras”.

A segunda pata do proxecto son os videoclips, que xa comezaron a gravarse e que amosarán ao mundo distintos rincóns de Moaña. Todos eles están gravados e producidos polo técnico moañés Andrés Hermelo. Nun dos vídeos Magín Blanco chega á vila en transporte de ría, cos pasaxeiros con caretas dos Bolechas. María Fumaça estivo gravando coas mariscadoras moañesas e Anxo Lorenzo promocionará o Festival Intercéltico entre outros rincóns.

Ademais dos cinco videoclips, publicarase un sexto proxecto audiovisual coa actriz Iria Pinheiro lendo o libro de Os Bolechas como fío conductor que une ás cinco pezas musicais. O concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina, explica que cos vídeos “tratamos de recoller á esencia de Moaña”.

As cancións xa foron distribuídas entre todos os centros educativos da vila “para que os rapaces se animen a cantar en galego e saiban as letras de cara ao concerto”, apunta Santamarina.

Festival

O concerto final previsto para o mércores 23 ás 19.00 horas na explanada do Samertolaméu, na véspera de San Xoán, será un festival presentado pola propia Iria Pinheiro e no que participarán todos os músicos implicados nas cancións, que compartirán escenario en moitas ocasións. Ademais, os artistas participantes porán en escena outros temas propios coñecidos polos nenos galegos como as cancións de Magín Blanco. Pechará o programa infantil Rechouchíos desta primavera.

Compartir el artículo

stats