Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Leticia Santos | Alcaldesa de Moaña

“Sentimos que a oposición nos deixou sós nos momentos máis duros da pandemia”

Leticia Santos na recuperada Torre de Meira, co val de Moaña ao fondo. | // GONZALO NÚÑEZ

Este martes, día 15, cúmprense dous anos da constitución das corporacións municipais. Leticia Santos (O Casal, 1985) completará seis anos á fronte da Alcaldía de Moaña en sendos gobernos de coalición entre BNG e PSOE.

–Que diferenzas notou nestes dous anos con respecto aos primeiros do mandato anterior?

–Agora creo que a xente confía máis en nós. Cando chegamos ao goberno eramos un equipo mozo, sen experiencia previa de xestión e había xente que dubidaba de se seríamos quen de sacar o goberno adiante. Amosamos capacidade para resolver os problemas.

–A xestión da pandemia desgastou moito ao goberno municipal?

–Estamos con moita forza. É certo que afectou polo sentido da responsabilidade. Tiñamos medo a enfermar e non poder atender ás nosas obrigas ou a non poder dar resposta ás necesidades sociais. Coido que reaccionamos cun paquete de medidas sociais como nunca se vira en Moaña. Hai que destacar o papel do persoal municipal e, sobre todo, dos voluntarios de Protección Civil. Nos momentos máis duros do confinamento fomos quen de poñer a disposición das familias vales para cuestións básicas como alimentación ou roupa. Puxemos conexións de internet a disposición de familias sen medios e mesmo entregamos algún equipo informático. Os voluntarios colaboraron achegando medicamentos ou compra ás persoas que non podían saír de casa. Tivemos que dar resposta á crise cun plan social moi potente e reprogramando as actividades culturais, no canto de suspendelas, para colaborar coa cultura a tratar de atraer visitantes.

–Cal foi a decisión máis dura que tivo que adoptar á fronte da pandemia?

–Algunas das decisións que foron tomadas directamente polo Concello. Foi duro ter que dicirlle ás persoas xubiladas que non podían ter ximnasia; ás asociacións culturais que os centros tiñan que permanecer pechados; aos nenos que os parques tiñan que estar pechados ata ter cartos para contratar un equipo de desinfección... Considero que no resto puidemos dar resposta satisfactoria e áxil, pero nestes temas tivemos que priorizar a saúde.

–O goberno local é optimista con respecto á evolución da pandemia en Moaña?

–Agora mesmo as cousas están moitísimo máis tranquilas. A vacinación da poboación é a clave para volver a recuperar a normalidade. Penso que así queda claro nos datos de contaxios. A COVID seguirá representando unha ameaza, pero con moitísima menos incidencia cando cheguemos á inmunidade colectiva.

–Coas cousas máis tranquilas a nivel sanitario, cales serán as liñas de traballo do bipartito na segunda parte do mandato?

–Temos definidos, dende o pasado ano, unha serie de proxectos que consideramos estratéxicos para tratar de captar fondos europeos. Nos parece importante seguir apostando por modelos sustentables e iremos lanzando cousas. Un proxecto moi ilusionante é o da escola infantil de Domaio, que sería a segunda do municipio. E o proxecto do centro de saúde, co que estamos traballando man a man xunto coa Consellería de Sanidade. Para nós tamén é moi importante ter canto antes a resposta de Costas sobre a concesión da zona da Seara, tanto das carpinterías de ribeira como da zona pública que nos permita conectar Meira co centro de Cangas dun xeito peonil e ciclable. É o único tramo que nos falta para completar ese grande traxecto.

–Antes de rematar o mandato, os moañeses poderán ser atendidos no novo centro de saúde?

–A parte do Concello, a urbanización dos terreos, vai estar lóxicamente. Quero ser optimista e pensar que sí, pero depende dos meses de execución do proxecto. Non é algo que se poida garantir, pero se non está en servizo sí que vai ter a construcción moi avanzada en dous anos. Sempre defendimos a parcela escollida, porque o centro de saúde estará en pleno centro da vila. Esta dotación é tan necesaria... é o investimento máis importante que se pode facer en Moaña. A sanidade pública en Moaña ten moitísimas carencias. O centro de Sisalde vai resolver carencias de espazos pero necesitamos que dispoña de todos os servizos e persoal necesario.

–O apoio do PSOE á investidura estivo no aire ata última hora no comezo deste mandato. Despois acadáchedes un acordo para repetir coalición de goberno. Que tal está sendo a convivencia co PSOE?

–A verdade é que vai moi ben. Todos os acordos que adoptamos van por consenso, como establecimos no pacto de goberno. Traballamos sempre en conxunto. Somos dúas forzas distintas, pero non por iso temos que ter obxectivos distintos. Levamos demostrado que somos un goberno de unidade. Salvo cuestións puntuais e alleas ao goberno municipal, todas as decisións se adoptan por consenso. Creo que a veciñanza o recoñece así. Recoñecen un goberno unido. Moita xente non sabe que hai un goberno de coalición. Para iso é importante a lealdade de todos os edís e por iso agradezo o liderado do PSOE de Marta Freire e as constantes achegas do edís socialistas.

–Que papel pensa que xogou a oposición durante os momentos máis duros da pandemia?

–O goberno municipal fixo unha piña para sacar todo adiante. Coido que estivemos moi sós. A oposición estivo ausente no peor momento que viviu Moaña en décadas. Cando precisabamos aprobar os orzamentos municipais tivemos que convocar os plenos de xeito telemático, démoslle os medios necesarios e algúns os rexeitaron e non querían participar. Acabamos aprobando os orzamentos, de xeito inicial, en solitario. E eran necesarios porque incluían o plan de rescate ante a crise, un paquete de obras para reactivar a economía e os cartos para actividades turísticas e culturais que reactivasen a vida da vila despois do confinamento. Entendo que a oposición decidiu non participar e despois trataron de dar leccións ao goberno que levaba meses traballando nas medidas e falando con colectivos e asociacións de empresarios. Alégrome que despois de que se levantase o primeiro estado de alarma, voltase a cordura e a oposición voltase a participar na vida municipal. Gustaríanos que nos momentos máis duros houbese unha resposta unánime de toda a corporación. Agora sí é certo que están participando da vida municipal e traballando.

“O compromiso de todos os edís do goberno nestes 6 anos foi brutal”

Ten tomada a decisión de se quere seguir na política local dentro de dous anos?

–Síntome realizada na política local, traballando para os veciños. Co denostada que está ás veces a política, a min hónrame traballar en mellorar a vida das persoas que conviven conmigo. Pero aínda é moi cedo para saber o que vai pasar en dous anos. Pero teño un equipo de xente marabillosa. Todos os edís destes seis anos que pasaron polo goberno local foron o mellor do mellor. Estou inmensamente agradecida a todos eles polo nivel de compromiso brutal, pese a todas as dificultades que pasamos neste tempo.

Acadáchedes xa varios premios en materia medioambiental. Que pasos tedes previstos agora neste eido?

–Xa temos, ou executados ou en proceso de adxudicación, todos os proxectos financiados polo IDAE que permiten sustituir todo o alumeado público municipal por outro de baixo consumo. Para nós o coidado do medio ambiente é estratéxico e transversal á nosa política. Reducir a pegada de carbono é clave e somos o primeiro Concello que conseguiu contratar a electricidade esixindo só fontes sostibles. Temos moi avanzado o plan de compostaxe in situ. Dentro desta política é importante a aposta pola mobilidade urbana sostible, con itinerarios peonís e cliclables como o Camiño Real, que naceu da participación da veciñanza de Tirán. Nesta línea apostamos por proxectos como a conexión da Moaña alta e baixa. Sei que ás veces poden ser proxectos polémicos, pero son necesarios e hai que debatilos, para buscar solucións aos problemas de accesibilidade que existen na nosa vila.

A presidencia da Mancomunidade supón un lastre á hora de adicar tempo ao Concello?

–Non. Entendo que a Mancomunidade é una oportunidade para un traballo conxunto con Cangas e Bueu. Tamén é ilusionante porque xa captamos fondos para potenciar o turismo na comarca ou para a compostaxe.

Compartir el artículo

stats