Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Premios María Casares distinguen á Mostra de Cangas por ser un “enorme referente cultural”

A presentación da Mostra de Teatro deste ano, no Auditorio de Cangas. Gonzalo Núñez

Os Premios María Casares chegan este ano a súa vixésimo quinta edición, un ano especial e no que a organización aproveitará para render homenaxe á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCF). A xunta directiva de la Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciou onte que a mostra canguesa será distinguida co Premio de Honra Marisa Soto, un recoñecemento que quere destacar o “enorme referente cultural” que supón a MITCF e a súa longa traxectoria. A Mostra de Cangas acada este ano a súa edición número 38, que se desenvolverá do 1 ao 10 de xullo.

Os Premios María Casares son a gran festa do teatro galego e a gala de entrega está prevista para o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Desde a organización argumentan que ao longo destas case catro décadas a MITCF e Cangas representan un punto de encontro, “un lugar agarimoso e abeiro e un enorme referente cultural que serviu, serve e servirá para construír un sector que lle debe tanto á Mostra de Cangas”. Desde a AAAG lembran que este é un ano especial debido ao pasamento do alcalde cangués e dramaturgo Xosé Manuel Pazos, que amais foi director da MITCF durante as dez primeiras edicións do certame.

O premio quere recoñecer “o enorme labor que significa desde a súa creación, tanto para a creación de públicos como para fornecer carreiras profesionais”. A Mostra naceu no ano 1984, impulsada pola Asociación Cultural Xiria, que se decantou na súa programación polo humor e polo carácter festivo “que se respira no Entroido de Cangas”. Entre os méritos que se destacan para a concesión do Premio de Honra Marisa Soto está o seu carácter “pioneiro e referencial” ao impulsar as Xornadas Mulleres en Acción e por ser o primeiro festival en España que apostou por aplicar criterios de paridade e igualdade na súa organización e programación.

Ao longo desta dilatada traxectoria polo escenario da MITCF pasaron compañías teatrais galegas, estatais e internacionais e o punto de inflexión tivo lugar en 2002, cando despois de anos de reivindicacións e mobilizacións Cangas por fin estrenou o seu Auditorio Municipal, para o cal agora mesmo hai unha iniciativa para rebautizalo co nome de Xosé Manuel Pazos.

A MITCF acaba de presentar hai uns días a súa programación para 2021. Desde o ano 2014 a dirección artística recae en María Armesto, que tomou o relevo de María Xosé “Che” Mariño, presidenta da Xiria e que dirixiu a Mostra de Cangas durante preto de 20 anos. Unha labor que ao longo da súa historia tamén asumiron en diferentes ocasións Xosé Manuel Pazos, Casilda Alfaro e Antón Lamapereira.

Por outra banda, as entradas para a XXXVIII Mostra de Teatro de Cangas xa están á venda á través da web www.mostrateatrocangas.gal. A organización explica que as localidades que se adquiran pola venda anticipada non inclúen ningunha comisión.

Compartir el artículo

stats