Despois dun obrigado parón por mor da pandemia de COVID, o IES María Soliño, de Cangas, convoca o XXXV Certame de Poesía, que xa é un clásico en Galicia e recibe traballos ata este venres, día 11. O acto de entrega de premios será o luns 21 de xuño.

As bases establecen dúas categorías: A, para alumnado de primeiro e segundo ciclo da ESO; e B, para alumnado de 1º e 2º de bacharelato e ciclos de grao medio. No primeiro caso, concederanse tres premios (de 150, 75 e 50 euros), e dous premios na categoría B (200 euros para o autor/a do traballo gañador e 125 para o segundo). Os poemas deben estar escritos en lingua galega e cada participante presentará un mínimo de tres poemas e máximo de cinco.

Hai que presentar tres copias, mecanografadas, dos traballos a certame e remitiranse ao IES María Soliño (Monte Carrasco nº 14, 36940, Cangas) nun sobre no que constará un seudónimo e a categoría á que pertence. Dentro do sobre introduciranse os poemas e todos os datos persoais e do centro no que cursa estudos. Os poemas gañadores formarán parte dunha publicación a cargo da entidade organizadora.