A 38 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) encherá de teatro a vila ao longo de dez días. Entre o 1 e o 10 de xullo, Cangas será escenario de máis de 20 espectáculos co obxectivo de que veciños e visitantes poidan gozar do mellor teatro cómico feito dentro e fóra de Galicia.

Na Mostra haberá 4 estreas absolutas, tres delas coproducidas pola MITCFC ("Isolada’","Abradacaver’"e "Cantingjo’"), unha estrea en España ("Espécies Lázaro") e 9 estreas en Galicia ("La Xirgu’","Secretos de alcoba’", "La señorita doña Margarita’",‘"El viento es salvaje’", "Al otro lado’", "Comando señoras’", "Ritos de amor y guerra’", ‘"Water falls’"e '"A Contenda do Río Miño"). Entre os espectáculos que se poderán ver en Cangas atópanse dous que recibiron en 2020 Premios Max: "El viento salvaje", Mellor Espectáculo Revelación, e "Al otro lado", Mellor Espectáculo de Rúa.

Esta edición da MITCFC, cuxo cartel é obra do pintor, ilustrador, actor e director teatral Leandro Lamas, comezará o día 1 de xullo coa inauguración dunha exposición documental e unha homenaxe a Xosé Manuel Pazos Varela, alcalde de Cangas finado en xaneiro deste ano. Trinta e oito anos despois de que Pazos, xunto a un pequeno grupo de persoas con xiria, idease e crease esta Mostra, “queremos facer un recoñecemento á súa persoa e ao seu labor, a través dunha sinxela homenaxe composta por unha exposición documental e un acto lúdico no que estarán presentes as artes que tanto amou, teatro, danza, poesía, música... e a súa xente”, explica a organización.

O pregón, que se celebrará o venres 2 de xullo, correrá a cargo do actor Fran Paredes. Nado en Moaña aínda que veciño de Cangas desde hai anos, Paredes traballou en numerosas obras de teatro, así como en cine e televisión, con intervencións nas serie "O Faro’", "Fariña’", "El desorden que dejas’" ou "O sabor das margaridas".

A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral Camilo Franco, en recoñecemento “ao seu importante labor” como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral en xornais e medios de comunicación de Galicia e co que demostrou, ao longo de tantos anos, “un empeño extraordinario por dignificar o teatro galego”.

Mulleres en acción

As Xornadas Mulleres en Acción chegan este ano á súa 21 edición cunha programación que tratará, un ano máis, de potenciar e dar visibilidade ao traballo das mulleres dentro da cultura e, en concreto, das artes escénicos. Os actos inclúen exposicións, obradoiros e charlas-coloquios. Este ano, a organización decidiu outorgarlle o Premio Mulleres en Acción a Margarita Ledo Andión, en recoñecemento ao seu labor como escritora, cineasta, investigadora e docente. A organización da Mostra concédelle esta galardón “por apostar, no ámbito académico, por una educación en comunicación audiovisual con perspectiva de xénero. E, como cineasta, por utilizar o ollo da cámara ao servizo do corpo e da realidade das mulleres”. 

Estrea do Centro Dramático Galego

O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta de Galicia, levará a estrea galega de "A contenda do río Miño" o vindeiro 10 de xullo. A peza, coproducida coa Companhia de Teatro de Braga (Portugal) chegará así a Galicia tras a súa presentación no Festival de Almagro, tal como anunciou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na presentación da Mostra.

A montaxe baséase na obra A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, escrita de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, considerada a primeira peza teatral en lingua galega conservada. A súa posta en escena enmárcase na conmemoración do seu 350º aniversario, así como na designación de Braga como Capital Cultural do Eixo Atlántico. Terá a súa estrea absoluta o 2 de xullo no prestixioso Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.

 Ademais de colaborar na MITCFC coa incorporación desta estrea ao seu programa, a Xunta apoia tamén a organización do V Torneo de Dramaturxia Galega e o desenvolvemento de diferentes accións formativas no marco deste encontro, un dos de máis longa traxectoria do panorama teatral galego e que vén contando co financiamento da Xunta de Galicia para a súa celebración.  

 Encontro pioneiro e comprometido

Na súa intervención, Jacobo Sutil reinvindicou o papel pioneiro da Mostra de Cangas e lembrou que esta foi unha das primeiras grandes citas culturais do país en apostar por recuperar o encontro co público na súa anterior edición, en xullo de 2020. “É por isto polo que non imos parar de recoñecer a valía de xestión, a capacidade de adaptación das nosas industrias culturais e o compromiso dos nosos profesionais coa tarefa común de difundir a nosa cultura. Tamén do noso público, que tanto nos está a animar e a estimular coa súa presenza”, engadiu.

  Referíndose á actual edición da MITCFC, o director da Agadic destacou que serán máis de 20 espectáculos os que estarán en Cangas este ano, “onde temos que dirixir as miradas todos cantos gustamos do mellor teatro feito dentro e fóra de Galicia, entendido este como unha manifestación artística que cumpre unha función social insubstituíble, ao tempo que nos ha permitir o desfrute e a interacción física que tanto botamos de menos estes meses”.