Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A ampliación da igrexa do Hío: Esteban Sobreira, mestre de cantería (II)

Casa na aldea de Donón feita por Esteban Sobreira, coa inscripción “Ano de 1782”. | Anxo Coya

O investigador Anxo Coya conclúe con esta segunda achega o seu traballo sobre a ampliación da igrexa do Hío no ano 1788. Nesta ocasión afonda no entorno familiar do mestre canteiro Esteban Sobreira García, que foi o responsable da obra. O autor destaca que se trataba dun veciño respectado na parroquia e que xa no ano 1763 encargárase da ampliación da igrexa de San Martiño de Moaña. Esteban Sobreira, que nos seus últimos anos aparece como “labrador acomodado”, finou co remate do século XVIII, en febreiro de 1799 aos 70 anos de idade.

*No verbo xido: A vuxa arghina e labrante de Riela de Mainas, Marcos Escudero (Ao mestre canteiro e escultor de Mos, Marcos Escudero)

En canto á parte contratada da ampliación en 1788 do templo do Hío, recompilamos datos da vida do mestre canteiro, artífice de varias obras. Son datos atopados en diversos arquivos públicos. Tamén consultamos e nos apoiamos en información publicada polo Doutor en Arqueoloxía e investigador E. Alfonso Fernández Sotelo. Porén decidimos afondar máis sobre a persoa que dirixiu maxistralmente dita obra. Falamos pois de Esteban Sobreira García, natural do Hío e mestre de cantería no s. XVIII.

Foron seus pais Domingo Sobreira, quen aparece no Catastro de Ensenada de 1752 como “texedor”, profesión coñecida como tecelán, e María Josefa Lorenzo García, que así está inscrita na partida de matrimonio aínda que posteriormente Josefa aparecerá co primeiro apelido de “García”.

Celebración do Corpus, en 2019, diante da igrexa de San Andrés do Hío. | // Anxo Coya

Eran veciños do Igrexario, na parroquia de O Hío, en Cangas do Morrazo e vivían no lugar coñecido como O Gheu. Deducímolo despois de atopar unha declaración de Domingo Sobreira que fala da situación da súa vivenda nestes termos: “...La Cassa del que declara que tanvien es terrena de quatro banes de largo, limítase de una parte con cassa de Alverto Carvallo y de otra con cassa de Domingo Gallego- La Cassa de dho Domingo Gallego, y antes fue de Amaro de Menduíña, que es terreña de dos banes de largo, Limítase de una parte con camino que ba a las cassas de arriva y de otra con cassa del que declara.- La cassa de la fábrica de dha fra. (fegresía) terreña de tres Banes de largo que adquirió Dn. Juan de nores Abad que fue della, y dejó a dha fábrica , según limita por una parte con agua del citado lugar del Jeo...” (L. P-0005495 Documentos da Colexiata de Cangas 1742-1746. A.H.D.S.)

Os pais de Esteban casaron na igrexa parroquial do Hío o 1/12/1719. Damos conta dos fillos do matrimonio: Dominga (1720), María Josefa (1723), Isabel(1725), Esteban que está bautizado o 2/05/1728, Francisca Isabel (1731), Sebastiana Catalina (1735), Mateo (1738) e Gabriela (1741), (A. P. do Hío).

Esteban casou no Hío con Josefa Antonia Suárez no Nadal de 1757. A súa muller era filla de don Isidoro Suárez Parcero, que era un fidalgo que chegou a acadar o cargo de xuíz do Coto de Bon e Vilar, e de dona Margarita Ordóñez

decoration

Esteban casou no Hío con Josefa Antonia Suárez o 26/12/1757, filla de don Isidoro Suárez Parcero e de dona Margarita Ordóñez. Seu sogro foi un fidalgo que chegou a acadar o cargo de xuíz do Coto de Bon e Vilar. O matrimonio de Esteban procreou varios fillos, dos que temos coñecemento: Manuela Margarita (1759-?), María Gabriela (1761-1763), Josepha Antonia Margarita (1764-1765), Vicente Antonio Gregorio Joseph (1769-?), María Josepha (1/10/1776-?), Rosa Francisca (1773-?). Súa filla Manuela casou con Antonio Pastoriza en 1777 que foi “depositario” dalgunha confraría desta parroquia do Hío , sendo este natural de santa María de Cela, (A.P. do Hío).

Partida de matrimonio de Esteban Sobreira con Josefa Antonia Suárez. | // Arquivo Parroquial do Hío Anxo coya*

Despois de casado, en 1758 o mestre canteiro adquiriu varios bens en Aldán por compra a dona Bernarda de Aldao, veciña de san Martiño de Salcedo. En eses anos declara posuír no seu patrimonio uns 2.000 ducados de vellón (consulta en liña, www.familysearch.org).

Segundo o interrogatorio do expediente de comprobación de bens, rendas e cargas da freguesía de santo André do Hío realizado o 22/06/1761 no Pazo do Outeiro, casa de morada de don Isidoro Suárez Parcero (sogro de Esteban), podemos observar como se volve a citar a Domingo Sobreira, de profesión tecelán, de estado viúvo e tendo na súa compaña a unha filla, da que puidemos indagar que se trata de Sebastiana, casada cun canteiro chamado Lorenzo de Lemos (A. G. Simancas).

Extracto do Catastro de Ensenada en 1752 da parroquia do Hío. | // FAMILYSEARCH.ORG Anxo coya*

Persoa de confianza entre os veciños

Domingo Sobreira actúa como “mayordomo “ou “fabriquero” dende 1756 ata 1759 nas contas da fábrica da igrexa do Hío. Neste labor sucédeo o seu fillo Esteban, persoa nomeada pola veciñanza para expor, reclamar, tratar ou denunciar problemas parroquiais. Exerce como mordomo uns anos máis tarde de que o fixese seu pai, xusto despois de levar á cabo a ampliación da igrexa parroquial de san Martiño de Moaña en 1763 e faino de xeito consecutivo dende 1764 ata 1773 onde aparece documentado como “maestro de cantería”. Foi esta unha época onde os mordomos das fábricas das igrexas tiveron que dar conta en varias ocasións de cantidades económicas ante a xustiza.

En 1765 faleceu nunha situación económica moi comprometida don Tomás Suárez Parcero, irmán de Isidoro, quen outorgara testamento en 1750 deixando como maior herdeiro a un sobriño seu chamado tamén don Tomás Suárez, presbítero e irmán de dona Josefa Antonia, esposa de Esteban. Este relixioso, cuñado do mestre canteiro, finou na cidade de Roma.

Esteban Sobreira foi nomeado pola veciñanza para expor, reclamar, tratar ou denunciar problemas parroquiais e exerceu como mordomo parroquial, ao igual que o seu pai, xusto despois de levar a cabo a ampliación de San Martiño de Moaña

decoration

As débedas e sufraxios que entón deixa don Tomás Suárez (maior) abranguía gastos e sufraxios do enterro, gastos da xustiza territorial, soldos das criadas deste, xornais de traballar as viñas e outras varias. Ademais sufriu e perdeu un ruidoso preito que durou tres anos con don Ignacio Zabala y Durán, como sucesor deste na capelanía da Capela do Hospital de Cangas. O débito total ascendía aos 27.090 reais con 6 marabedís. Cantidade á que tivo que facer fronte Isidoro Suárez e o propio Esteban, que lle axudou aportando unha cantidade en metálico de 2.000 reais.

Atopamos documentación notarial asinada polos veciños do Hío o 26 de outubro de 1788, onde se lle dá poder a Esteban Sobreira e a Francisco Baqueiro para que tomen cartas no asunto sobre a venta de froitos e viño por parte de Manuel Antonio Graña, veciño de Cangas e arrendador “de los frutos decimales de este Curato Vacante...” porque “pretende venderlos, y especialmte el vino en sitios no acostumbrados, perjudicando al Pueblo en los intereses que le corresponde y acostumbra percivir de las Tavernas foraneas, y lo que es mas resistiendo el pagar los dros. (derechos) de la rigurosa Administraon ...”.

Extracto do expediente de comprobación de bens da contribución da parroquia do Hío, ano 1761. | // PORTAL DE ARCHIVOS ESPAÑOLES (PARES)

Sobre este asunto e coa finalidade de evitar máis gastos e costas, o 4 de xaneiro de 1789 e ante o notario José Benito Bermúdez de Castro, chégase a un acordo entre Manuel Graña e Francisco Baqueiro polo que Graña acepta pagar 400 reais polo viño que se venda na taberna de Vilariño e 327 reais á veciñanza do Hío polos gastos formalizados polo preito (consulta en liña, www.familysearch.org).

En 1791, xa nos últimos anos da súa vida, Esteban Sobreira aparecerá como un “labrador acomodado” e nomeado como “depositario” en vez de mordomo

decoration

Por se fose pouco, en febreiro de 1790, Esteban faise cargo dos sufraxios polo pasamento de don Antonio Jacinto Vilela, persoa emparentada na herdanza dos bens vinculares do Casal do Outeiro. E faino ante petición notarial da esposa e da filla do finado Vilela, dona Rosa María Martínez de Ceballos e dona Antonia Vilela.

En 1791, xa na súa decadencia, Esteban aparecerá como un “labrador acomodado” e nomeado como “depositario” en vez de mordomo. Este cargo exerceuno posteriormente o seu xenro Antonio Pastoriza que o fará de xeito consecutivo dende 1803 ata 1811.Esteban Sobreira finou á idade de 70 anos, pois a súa partida de defunción data do 28 de febreiro de 1799 (A.P. do Hío).

Obras documentadas de Esteban Sobreira

Naquela época acostumábase a exercer unha profesión a unha idade temperá. Isto fainos pensar que Esteban comezou de moi rapaz no gremio da cantería. Polo tanto chegamos á conclusión de que debeu traballar durante varios anos da súa xuventude en distintas obras espalladas pola xeografía do noso país. Sabemos por outro documento que traballou en Portugal, mais descoñecemos a existencia de obras da súa intelixencia nese país.

Do seu testamento lemos: “...quando hemos contrahído nuestro dho (dicho) Matrimonio tenía yo el dho Estevan Sobreira partida considerable de dinero gañado por mi oficio de Maestro de Cantería y otras agencias e industrias que tube en estos parajes , y en Reynos de afuera de que entregué parte antes de celebrarlo a Dn Ysidoro Suárez mi suegro para sus urgencias.....” Sacamos en conclusión desta información que xa antes de casado exercía como mestre de cantería e que os problemas económicos xordían na morada do seu sogro.

Está rigorosamente documentado que participou na ampliación da igrexa de San Martiño de Moaña e en obras na de Santa María de Darbo

decoration

Está documentado rigorosamente polo historiador moañés Manuel Uxío García Barreiro que Esteban Sobreira aos 35 anos formaliza o contrato da ampliación da igrexa parroquial de san Martiño de Moaña o 24/02/1763 ante o notario Ignacio de Porto Mariño. En 1771 fixo varias obras na igrexa de santa María de Darbo xunto con outro canteiro coñecido como Novas (Historia de Cangas, páxina 613, Carlos Vázquez Marinelli, José Moreira, Manuel Rodal).

Esteban Sobreira tamén se encargou da ampliación da igrexa de San Martiño de Moaña.

No Hío, ademais da ampliación do templo do Hío en 1788 (véxase: Anxo Coya, “Ampliación da igrexa parroquial do Hío,FdV, Edic. Morrazo 16/01/2020”), ten outras obras que debullamos de distintos protocolos notarias.

A el débese á ampliación da que foi súa casa de morada unha vez casado, é dicir, ao Casal do Outeiro, situado no mesmo Igrexario, que lle custaría arredor de 3.000 reais. A eira deste pazo tamén foi feita e custeada por Esteban. En canto á construción do hórreo, tamén da súa man, valeu cen ducados e unha ampliación posterior deste, 400 reais.

Entrambos cónxuxes afirman no testamento: /...hemos comprado el terreno y Casa donde rehedificamos y tenemos la que se halla al frente del Portal que es de la de nuestra morada: en esta hemos hecho el Orrio; la Solaina que se halla a la parte del Norte con sus quartos; otra a la del Naciente: construímos de enlosado a Cimentis la Aira, y ensanchamos una parte considerable de esta con sus Cubiertos para fuera de lo que estaba antes circundado.../. Tamén aseguran ter construído na Granxa do Casal na parroquia de santa María de Darbo: /...los dos Portales , y la Cerca con otros reparos utiles para la defensa de sus Casas y hazienda.../.

Cítase na información notarial recollida que tamén son posuidores dunha extensión considerable de viña e casa con lagar no Río de Donón. O texto di: /...la viña grande que posehemos llamada de el río de Donon con todo quanto en si comprehende con la Casa y Lagar, sus serventías, y mas que les sea anexo .../(consulta en liña, www.familysearch.org). Polo epígrafe que se atopa no cumio dunha casa a pardiñeiro en Donón, no que se le “ANO DE 1782”, deducimos que esta casa era da súa propiedade e foi construída polo mestre canteiro para elaborar o viño en Donón, aldea con tradición viñateira secular. Testemuñas orais afirman que esta casa pertenceu á familia dos “Coya”.

De ser así debeu acontecer xa no s.XIX.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats