A ampliación da igrexa do Hío: o crego e o mestre canteiro (I)

Unha vista da igrexa do Hío, co seu recoñecido Cruceiro en primeiro termo. | // Gonzalo Núñez / Anxo Coya*
Anxo Coya*
A Luis Pérez e César Baqueiro, nas raíces do canteiro Sobreira
O contrato da ampliación da igrexa parroquial do Hío asinouse o 28 de xaneiro de 1787, condicionándose no testeiro deste acordo o comezo da súa construción para o 1 de marzo do mesmo ano. Neste contrato como en tantos outros, formalizouse entre dúas partes: a contratante (eclesiástica) e a contratada (mestre de cantería). A primeira está representada polo párroco Joseph Álvarez de Neira, que tomou posesión desta parroquia de san Andrés do Hío no 1764 ata o seu falecemento en 1787, sen chegar a ver a conclusión da obra. Temos constancia de varios irmáns: Caetano, que exercía por aquela data como crego nas parroquias de san Xián de Irixoa e de santa María de Viveiro, diocese de Mondoñedo. Sabemos que testaron xuntamente ante o notario José B. Bermúdez de Castro e fixérono o 15 de febreiro de 1786.

Cartela coa incrición da obra edificada en 1788. | // ANXO COYA / Anxo Coya*
A outra irmá, Josefa, casou con don Joseph Balcarce y Pardo veciño que foi de San Xoán de Torés (As Nogais, Lugo). Somos coñecedores de que Josefa, viúva xa en 1778, convivía na Casa Reitoral do Hío co seu irmán Joséph. Tivo ademais outro irmán chamado Vicente Álvarez de Neira que segundo un protocolo ante o notario Nicolás Antonio Barral datado en 2/09/1776 e facilitado polo investigador José Manuel Bértolo Ballesteros, posuía o seguinte curriculum vitae: “/...Archivero pr S.M. de su rreal Archivo público y Jeneral de este Reino de Galicia Asesor del rreximto de Milicias provinciales de la Ciudad de Betanzos y exdecano del colexio de Abogados de esta rreal audiencia yncorporado en el de los rreales consexos.../” Estes datos lévannos a pensar que procedían de Neira de Xusá, Baralla, Lugo e que descendían dunha liñaxe de importancia.

Data inscrita no interior da bóveda. | // ANXO COYA / Anxo Coya*
O contrato da obra indica que o presuposto da ampliación da igrexa parroquial do Hío ascendía a 15.000 reais e faríase efectivo en tres quendas, repartidas da seguinte maneira: unha primeira de 6.000 reais que o artífice da obra Esteban Sobreira recibiu no intre do contrato ante as testemuñas correspondentes.

Testamento de José e de Caetano Álvarez de Neira. | // FAMILYSEARCH.ORG / Anxo Coya*
Un segundo recibo tamén de 6.000 reais, que se efectuaría na metade da construción. Rematando así cun derradeiro pagamento de 3.000 reais ao finalizar a obra que sería aboado por Josefa Álvarez de Neira, irmá do crego promotor da ampliación. Todo os veciños do Hío que tivesen gando e carros para carrexar a pedra necesaria estaban na obriga de colaborar na mesma. No caso de que houbese veciños que non aportasen gando e carros, a súa obriga consistiría en colaborar nas tarefas de cimentación e outras varias. Todo sempre baixo a supervisión do Arcebispado de Santiago.

Anxo Coya
*Veciño do Hío
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares