Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Premios da Cultura para xentes de letras e memoria

Todos os premiados, cos representantes políticos, na foto de familia que puxo fin á Festa da Cultura 2021 no Auditorio de Cangas. Santos Álvarez

Con menos xente que de costume polas restriccións obrigadas pola pandemia e Xosé Manuel Pazos na memoria e nas palabras de moitos dos intervintes, o Auditorio de Cangas acolleu onte a Festa da Cultura coa entrega de premios ao propio Pazos, recollido pola viúva, o filólogo Iván Sestay, polo seu traballo de recuperación toponímica, e o grupo Astarot, que leva case catro décadas e traxectoria e aposta pola música e a posta en valor da lingua galega

Desde hai ano e pico todo está mediatizado pola COVID, que obrigou a suspender a Festa da Cultura de Cangas en 2020 e a restrinxir o acceso á que se celebrou onte no Auditorio municipal, con un centenar de asistentes e o actor Mighello Blanco levando a batuta para render homenaxe a Xosé Manuel Pazos, Astarot e Iván Sestay, merecedores do Johan de Cangas ó labor cultural e creación artística e literaria e Ignacio Cerviño á recuperación e promoción do patrimonio. Son premios merecidos para un xurado presidido pola concelleira de Cultura, Aurora Prieto, e integrado por técnicos de varios departamentos municipais e persoas agasalladas en anteriores edicións, que destacaron a calidade e merecementos de todos os nominados e o apoio maioritario que recibiron os tres galardoados. Os de Pazos, como home de cultura, sobre todo de teatro, e como xestor, promotor e impulsor desde os movementos sociais e como político, alcalde nos seis últimos anos; os de Astarot, como grupo musical con 38 anos de traxectoria creativa e aposta crecente polo idioma galego; e os de Iván Sestay, polo intenso e continuado traballo para recuperar a toponimia tradicional por boca de fontes orais en perigo de desaparecer.

Mighello Blanco, danzando ao son da banda de gaitas Tromentelo. | // S.Á.

“De estar Xosé Manuel connosco, recibindo este premio, de seguro que empezaría as súas palabras de agradecemento con calquera broma ou ironía, típicas nel, e que lle virían a conto para iniciar o seu discurso”, proclamou a súa viúva, María José González, ao recibir o galardón. “Estou por afirmar que falaría do importante que é a Cultura e a Lingua como sinais de identidade dos pobos, que se amosaría orgulloso do dinamismo cultural de Cangas, do cal el formou parte como activista, no seu labor de dramaturgo, e como político, nas súas facetas de concelleiro de Cultura e alcalde”, engadiu para complementar un video que se proxectou coa súa traxectoria.

Tamén diría “o satisfeito que estaba de ter sido un titiriteiro, que mencionaría eslogans como Cultura contra a mentira e que, como persoa humilde que era, falaría de que hai en Cangas outras moitas persoas merecedoras deste premio, entre elas amigas e amigos que compartiron, dende a xuventude, inquedanzas e proxectos culturais. Mais a vida non lle permitiu gozar deste momento, que para el tería sido máxico, cheo de felicidade e satisfación”. Rematou a intervención dando as grazas ao xurado e ao “mundo da Cultura” en xeral, “ao que Xosé Manuel estaba tan orgulloso de pertencer e que segue a lembrarse del, contribuíndo a que a súa persoa, ideas, proxectos e exemplo permanezan vivos para sempre entre o pobo de Cangas, o seu lugar no universo”.

“De certo, a vida ía en serio”, avisara antes Aurora Prieto, botando man dun poema de Xela Arias, e tamén lembrou a Pazos como persoa “comprometida coa lingua e a historia deste país, e coa teima de facer de Cangas un lugar sempre mellor”. Foi ela a encargada de entregarlle o premio a Astarot, que a través do guitarrista Carlos Gandón e do vocalista Juan Antepazo agradeceron o premio ao traballo realizado nos 38 anos transcorridos desde a formación do grupo e ás persoas que os apoiaron e fixeron posible, con mención especial a Xosé Manuel Pazos, de quen destacaron a súa aportación á cultura en xeral e á de Cangas en particular. Tamén lembraron que foi el quen puxo a letra ao tema “María Soliña”, tras recibir a letra e a petición. A adaptación foi inmediata e moi exitosa, unha capacidade que “está á altura de moi pouca xente”, abundaron na véspera.

Os membros do grupo Astarot, coa concelleira Aurora Prieto. | // S.Á.

Antes, o filólogo Iván Sestay Martínez recibiu o seu premio –en todos os casos, unha figura que representa o facho de Donón elaborada polo artesán Marcelo Scapinachis– de mans do concelleiro de Urbanismo e Deportes, o socialista Eugenio González. O agasallado lembrou, con seseo e gheada, aos vellos dos que aprendeu boa parte do que sabe sobre toponimia, porque “cada finca, cada camiño, cada pedra do mar ten o seu significado” e é un patrimonio inmaterial que non se debe perder. Merécelle especial mención a súa avoa materna, Otilia, que sendo el un neno xa lle ía relatando os nomes de cada leira con gran precisión, a tamén ao seu pai e á súa nai, que lle axudaron na tarefa da vida.

O acto onte en Beluso. | // S.Á.

Poemas de Xela Arias e música en Beluso

O Concello de Bueu pechou onte os actos das Letras Galegas cun acto na Casa do Pobo de Beluso. Primeiro houbo un recitado de poemas de Xela Arias, a autora recoñecida este ano no 17 de maio, e no que participaron os máis pequenos. E como remate houbo un concerto do grupo Palleta Mollada.

“O lugar de Pazos no universo”

Varios intervintes incidiron no papel do dramaturgo e alcalde a prol da Cultura, a lingua e a dinamización de Cangas por ese camiño

A alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, pechou a representación institucional nos premios entregándollo a María José González, viúva de Pazos, e resaltando o valor e a importancia do idioma galego no día que se celebran as súas letras. Os intervalos entre cada entrega foron amenizados con vídeos sobre os homenaxeados e tamén sobre Xela Arias, á que se lle adican esta ano os actos das Letras Galegas.

Mª José González, viúva de Pazos, na súa intervención. | SANTOS ÁLVAREZ

Tamén pola música da banda de gaitas Tromentelo, de Coiro, que ademais encargouse de pechar o acto coa interpretación do himno galego, con todas as persoas asistentes en pé e os premiados e representantes públicos facendo piña sobre o escenario. Entre elas estaban tamén representantes de todos os grupos políticos da Corporación municipal (ACE, PSOE, PP, BNG e Avante), así como de distintos colectivos sociais e culturais, como membros de Xiria e da organización da Mostra de Teatro.

“De certo, a vida ía en serio”, lembrou Prieto botando man dun poema de Xela Arias

O Concello de Cangas aprobara a principios de abril as bases dos premios Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño, aos que podían presentar candidaturas as asociacións culturais, veciñais, artísticas e sociais do municipio, así como partidos políticos e grupos municipales da Corporación. O prazo rematou o 15 abril e foron un total de 19 as propostas presentadas e motivadas.

Iván Sestay recibiu o premio por mans de Eugenio González. S.Á.

O Premio Xohan de Cangas ó Labor Cultural recoñece a personas, colectivos ou entidades públicas e privadas que se significan polo seu traballo na defensa e promoción da cultura en calquera dos seus eidos. O Xohan de Cangas á Creación Artística/Literaria trata de significar a obra, a plasmación dese traballo, e o Premio Ignacio Cerviño vai dirixido a persoas, colectivos ou entidades que se teñan distinguido por desenvolver iniciativas de investigación, recuperación, posta en valor e promoción do patrimonio histórico, artístico, documental, medioambiental ou arquitectónico.

Moaña lembra a súa "mestra" Xela Arias

O Día das Letras Galegas celebrouse en Moaña cunha morea de actividades de distinto tipo para conmemorar un ano no que esta festividade se adica a Xela Arias, que foi precisamente profesora sustituta de Lingua Castelá no instituto A Paralaia desta vila. Dende o centro quixeron lembrar aquelas semanas publicando nas súas redes sociais a notificiación oficial do seu nomeamento como mestra en Moaña, no ano 2000. Ademais, publicáronse as fotografías de varios poemas da propia Xela Arias que asinou ela mesma na biblioteca do centro.

Notificacón do destino de Xela Arias ao IES A Paralaia no ano 2000.

Este mesmo instituto publicou un libro titulado “No IES A Paralaia temos moito conto”. Trátase dunha edición limitada só para os estudantes que, ao longo de todo o curso, traballaron co equipo de dinamización da lingua galega e participaron nos diferentes concursos. Case 40 alumnos recibiron o seu exemplar de xeito gratuíto, no que se inclúen tanto narracións como poesía e unha peza dramática. A portada foi deseñada pola alumna de 3º de ESO Rocío Pazos Pousada.

O libro con obras dos alumnos da Paralaia.

Onte mesmo o Concello de Moaña publicou nas súas redes sociais os dous vídeos das estudantes gañadoras do concurso de recitado de poemas de Xela Arias. Foron Uxía Sabín Rendo, de 1º de Bacharelato de A Paralaia e Aroa Barreiro Fernández, de 3º de ESO do IES As Barxas.

O pasarrúas de Charaviscas no paseo de Domaio.

Os eventos concluíron a última hora da tarde xa en Domaio, onde as integrantes da Agrupación Folclórica Charaviscas executaron un pasarrúas polo paseo marítimo da parroquia amosando música e danzas tradicionais. Charaviscas recuperou así o espírito festivo deste día ao non poder organizar por segundo ano consecutivo, debido á pandemia, o seu tradicional festival das letras.

Compartir el artículo

stats