Hai uns días o profesor, filólogo e escritor bueués Manuel Antón Mosteiro García recibiu unha sorpresiva chamada desde o outro lado do Atlántico. A axencia de publicidade e promoción do xigante do comercio electrónico Amazon, situada en Nova Iorq, púxose en contacto con el para informarlle de que dous dos seus libros estaban entre os dez máis lidos en lingua galega durante o último ano. E se se tomaban os datos de vendas de formato electrónico e de acceso á biblioteca virtual a cousa aínda melloraba máis: un deles, “Tres acordes para unha vella melodía” lideraba a clasificación, e o outro, un conxunto de relatos titulado “Lerias” era o cuarto.

Mosteiro García, que tamén é presidente da Asociación Amigos de Johan Carballeira, destaca que por enriba do orgullo da aceptación das súas historias está outro feito: a constatación de que o galego existe nese enorme mundo virtual e global. “É a demostración de que a nosa lingua existe e que ten potencialidade. Ao principio case non o cría. A axencia de Nova Iorq chamou para intentar darlle promoción e publicidade a eses libros e ofrecer a posibilidade de darlles máis saída a través de distribuidoras americanas e inglesas”, manifesta o autor bueués.
“Tres acordes para unha vella melodía” é unha historia ambientada en Bueu, a onde ten que trasladarse o inspector García para investigar a sospeitosa morte do conselleiro de Industria. Un suceso que parece estar relacionado con outras dúas mortes e con algo acontecido en 1975. “Aparecen lugares reais como a pensión que estaba na actual sede de Abanca, o restaurante Casa Quintela ou o Museo Massó, que é clave na historia”, explica Mosteiro. Pola súa parte, “Lerias” son pequenos relatos co fío común do mundo rural. “Foron libros que ofrecín a editoriais e que pasaron o filtro de calidade. No primeiro caso ao final non puido ser publicada e no dos relatos o problema é que eran demasiado curtos, pero non existía un problema de falta de calidade. Iso é algo moi importante porque cando apostas pola autoedición ti eres o teu propio filtro”, explica. A historia de “Tres acordes...” convertiuse incluso en lectura recomendada nalgúns centros educativos, como o IES Rodeira, e con moi boa aceptación.

A boa acollida e ampla difusión destas historias tamén conleva outra consecuencia positiva. “Ábrense novas portas para outros proxectos e ofrécenche a posibilidade de editar en formato físico, en tapa branda ou tapa dura”, conta. Así que aproveitando esta onda favorable Mosteiro García decidiu darlle saída a un dos seus proxectos máis persoais e ambiciosos: “Os milagres de Santiago”, un volume co que pretende recuperar a tradición da prosa medieval galega e darlle visibilidade. “Está practicamente esquecida, parece que só existen as cantigas”, argumenta o filólogo e escritor bueués. Este volume é unha adaptación da prosa haxiográfica medieval, centrada na exaltación do Apóstolo Santiago e da propia cidade de Compostela á que lle da nome. “É un libro que está públicado en formato electrónico, en tapa branda e tapa dura”, conta.
Os lectores poden adquirir os libros a través da plataforma de Amazon, pero Mosteiro García non quere descoidar o punto de venda físico e tradicional. Ese no que moitos se afecionaron á lectura, que seguen a reclamar e que segue a ser fundamental: as librarías. Neste sentido destaca tamén a súa colaboración coa libraría Miranda de Bueu e o seu responsable, Fernando Miranda. “Hai unha moi boa colaboración, a xente pode mercar alí os exemplares físicos e así tamén se axuda aos libreiros”, suliña.

A repercusión obtida anímalle a seguir escribindo e impulsando novos proxectos, a pesar de que o mundo da autoedición é moito máis complexo. “Ti tes que facer todo, desde a maquetación, corrección ou o deseño visual. No meu caso teño coñecementos de maquetación e son filólogo, polo cal eu podo facer ese traballo”, explica. Para a parte do deseño gráfico conta coa axuda de José Barbadilla, licenciado en Belas Artes e pintor, que se encarga de preparar as portadas despois de compartir ideas co autor. “Ao final conseguimos que teña un acabado máis profesional. É certo que é un proceso máis engorroso, pero tamén resulta máis gratificante a nivel persoal”, conclúe. Sobre todo se ademais se conta co favor dos lectores, que son os que ao final mandan. Agora Mosteiro García anda a traballar no seu seguinte volume, no que recollerá artigos xornalísticos e textos con formato de ensaio.