Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pazos, Astarot e Iván Sestay, premios Xohán de Cangas e Ignacio Cerviño na Festa da Cultura

Xosé Manuel Pazos, botando unha ollada ao FARO nunha visita a Lubián, en Zamora, en 2020. | // G.M.P.

Xosé Manuel Pazos Varela, Astarot e Iván Sestay Martínez son os galardoados cos premios Xohan de Cangas o labor cultural e á creación artística e literaria, e Ignacio Cerviño á recuperación e promoción do patrimonio, que se entregan esta tarde (20.00 horas) na Festa da Cultura que acolle o Auditorio, coincidindo co Día das Letras Galegas. O nome do exalcalde, autor teatral e dinamizador cultural, entre outras moitas ocupacións e méritos que xustifican este recoñecemento, repetirase na celebración, mesmo na música dos membros do veterano grupo musical Astarot, con case catro décadas de traxectoria nas que adaptou ducias de textos de grandes literatos galegos e para o que escribiu e adaptou “coma un traxe” a letra da canción “María Soliña”. O recoñecemento a Iván Sestay é pola recuperación de milleiros de topónimos tradicionais que se terían esquecido e perdido co pasamento das persoas que aínda os coñecían. No acto proxectaranse vídeos arredor dos protagonistas e do seu traballo, e manteranse as medidas de prevención obrigadas pola pandemia de COVID-19.

As razóns que levaron a Pazos a ser merecedor do premio Xohan de Cangas ó Labor Cultural son múltiples, como destaca a súa viúva, María José González. Sempre implicado no movemento teatral galego, foi pioneiro para o seu florecemento na propia vila, donde comezou como actor e autor en Matamoura ou Múa, a nivel afeccionado, e con Ningures, xa no eido profesional. Ten publicados ou estreados máis dunha ducia de textos da súa autoría e de preto de medio centenar de traducións e adaptacións para distintos grupos. Participou na creación e promoción da Mostra de Teatro de Cangas, que dirixiu en dez edicións, impulsou Teatragal, encontros teatrais en Galicia e Norte de Portugal, traballou con Ningures, Teatro do Atlántico ou o Centro Dramático Galego, foi membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro e participou activamente no movemento reivindicativo a prol do Auditorio cangués.

Entre os premios acadados polo seu traballo neste eido destacan o Xiria ao labor teatral; Max, compartido, ao mellor autor teatral galego e María Casares, que acadou despois de varias nominacións. Tamén foi finalista, con Henrique Harguindey, do Premio Nacional de Traducción por “Exercicios de estilo”. Asimesmo, destacou na introdución do teatro como recurso pedagóxico desde os seus inicios como mestre en Lubián, na montaña sanabresa, e logo nos colexios de Monte Carrasco e San Roque-Darbo, a partires da década de 1980.

Non menos relevante foi o seu traballo político a prol da cultura e a educación, primeiro como concelleiro desta área en Cangas en dous períodos distintos (1995/97 e 2007/09), como deputado autonómico entre 1997 e 2001 e logo como alcalde, cargo que exerceu en dous mandatos consecutivos (entre 2015 a 2019 e desde 2019 a xaneiro deste ano 2021, cando faleceu despois dunha longa enfermidade e sen desatender as súas obrigas institucionais ata o último día, como destacan persoas que o propuxeron para o premio Xohan de Cangas ó Labor Cultural, que se entrega hoxe no Auditorio.

Tamén está estreitamente vencellada a Xosé Manuel Pazos a figura de María Soliña, dise que por ter nacido nunha casa labrega de Coiro relacionada coa Inquisición. Ten escrito a letra dese tema de Astarot, o guión da Defensa da Vila e posterior traxedia de María Soliño, promovido a instalación dunha escultura que a lembra no Parque da Palma e apoiado a película “María Solinha”, dirixida por Ignacio Vilar, e a ópera homónima estreada hai uns días no Auditorio de Cangas.

O grupo cangués Astarot, nunha recente fotografía promocional Nova Imaxe

Catro décadas de música e aposta decidida polo galego

Aínda non era maior de idade Carlos Gandón cando, en 1983, puxo a andar o grupo Astarot con outros catro rapaces con gañas de facer música rock e levala polos garitos do Morrazo. Preto de catro décadas despois, xa na lista de cincuentóns para vacinarse contra a COVID, o xurado dos premios Xohan de Cangas recoñece esa longa traxectoria artística e tamén o uso do galego con creacións propias ou adaptacións de grandes figuras da nosa literatura, como Rosalía de Castro, Castelao ou Celso Emilio Ferreiro... Mesmo preparan un novo disco, o noveno da súa carreira, con 14 temas en galego e que incluirá poemas de Xela Arias (“falamos antigas linguas...”), á que se lle rende homenaxe neste Día das Letras Galegas, e tamén do universal Federico García Lorca na nosa lingua. Astarot comezou cantando exclusivamente en castelán e foi no terceiro disco cando incluiu dous temas en galego. Desde aquela, foi intercalando os dous idiomas, pero cada vez con más presenza e defensa do idioma propio, como desvelaba o sexto, titulado “O sentir dunha terra”. “Temos unha sorte inmensa coa nosa literatura, que hai que poñer en valor”, apunta Carlos Gandón, que anuncia que o grupo ten tanto futuro como pasado se a saúde e a ilusión nos os abandonan, que non lle faltan ganas de crear e compoñer, de seguir tocando, que aínda “ten corda para rato”. Para a festa desta noite, Astarot vén de gravar un vídeo no que repasa parte do traballo realizado na súa longa traxectoria e do que queda por diante. Tamén unha mensaxe de agradecemento polo apoio da xente neste percorrido. “Especialmente a unha persoa que tanto ten aportado á cultura en Cangas desde todos os eidos” e coa que teñen traballado e recibido colaboración desinteresada para poñerlle letra á súa música: “Xosé Manuel Pazos”.

Iván Sestay Martínez, premio Ignacio Cerviño á recuperación/promoción do Patrimonio FdV

Recoñecemento á investigación sobre toponimia

Media vida leva Iván Sestay falando con mariñeiros, pastores, canteiros ou labregos na procura de topónimos, un patrimonio inmaterial que se vai perdendo coa memoria das xeracións que morren sen deixar testemuño oral ou escrito. Desde o Val do Fragoso, donde comezou a escudriñar hay preto de dúas décadas, ata hoxe, que prepara “o meu gran soño”, un amplo libro sobre a toponimia de Cangas, o municipio máis rico de Galicia neste eido, con arredor de 9.000 nomes de lugares, Sestay desenvolve un traballo minucioso que está a recoller froitos e recoñecementos sociais, como o desta noite co premio Xohan de Cangas á recuperación e promoción do patrimonio.

Compartir el artículo

stats