Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vinte anos de “Maré” na fala do Morrazo

A presentación do libro no Museo Massó en 2005. De esq. a dta.: Xosé Martínez, Ramón Rocamonde, Henrique Harguindey, Salvador Castro, Xosé Manuel González “Oli” e Lucía Durán

O Día das Letras Galegas de 2005 presentouse no Museo Massó o libro “Unha maré de palabras. Contribución ao léxico do Morrazo”. Foi a culminación dunha labor que arrancara hai xustamente vinte anos, en 2001, para recoller frases e modismos propios da comarca do Morrazo. Foi un traballo no que interviñeron Henrique Harguindey Banet, Xosé Manuel González Barreiro “Oli”, Xosé Martínez García, Lucía Durán Paredes, Salvador Castro Otero e o xa finado Ramón Rocamonde Gómez. Xuntos artellaron unha compilación clave para entender a nosa fala.

“Pés de lapou” (2001)

Un día de 2001 o profesor e escritor cangués Xosé Manuel González Barreiro, “Oli”, chamou ao seu amigo e colega Henrique Harguindey para lle contar unha experiencia e facerlle unha pregunta. Mandara un conto a unha editorial e alí empregaba unha expresión que coñecía por tela ouvido sempre : “pés de lapou” é dicir “pés moi grandes”. A editorial corrixíralle a locución por descoñecela, polo que resultaría incomprensible para lectores e lectoras. Harguindey tampouco a coñecía, razón pola que decidiron investigar. Cada un deles tiña o seu listado de palabras e expresións propias do Morrazo, e a idea derivou na convocatoria a todas as persoas interesadas en realizar nunha ampla recollida de expresións vivas e propias da zona que non aparecesen rexistradas nos dicionarios. Así se fixo, e constituíuse unha rede de varias ducias de persoas e un equipo técnico para seleccionar, clasificar, definir e preparar o material para a súa publicación. Unha rede dunhas corenta persoas e un equipo composto por seis profesoras e profesores de centros educativos da comarca de distintos niveis e áreas filolóxicas e con fondo coñecemento da lingua galega. Este equipo estaba formado por Salvador Castro, de Bueu, Lucía Durán,de Moaña, e mais Xosé Manuel González, Henrique Harguindey, Xosé Martínez e Ramón Rocamonde, todos catro de Cangas.

É de salientar que este equipo tivo a sorte de contar coa participación de Bernardino Graña nunha época na que residiu en Cangas. Bernardino, coa súa cálida presenza, constituía todo un símbolo e un precedente pois xa nos anos 1950 aportara ao apéndice do dicionario galego-castelán de Eladio Rodríguez unha voluminosa colleita do galego de Cangas.

A portada do libro “Unha maré de palabras”

Varios anos de traballo plasmáronse na publicación polo Museo Massó de Bueu dun libriño de 90 páxinas que recolle, nunha edición moi coidada e moi ben ilustrada por Marcos Paz, máis de seiscentas palabras, locucións e refráns que nese momento non aparecían documentadas nos dicionarios ou traballos lexicográficos e fraseolóxicos publicados, aínda que puidesen aparecer de xeito illado e esporádico nalgunha publicación en papel ou edición dixital.

O libro foi presentado o Día das Letras Galegas de 2005 no Museo Massó de Bueu e tivo un grande impacto no público e na crítica especializada. O lexicógrafo Manuel Rodríguez Alonso no cartafol de libros de Vieiros comentaba: “A importancia deste libro reside, xa que logo, en recoller o léxico propio dunha bisbarra galega, pero tamén na técnica empregada para peneirar e definir o léxico. [...] É de agradecer a importancia dada á técnica lexicográfica, cousa que non fai a maioría dos dicionarios galegos (agás o da Real Academia Galega, e para iso de xeito incompleto)”. O escritor Luís Rei na revista Ardentía sinalaba: “Aínda que o estado da lexicografía galega é, nesta altura, suficientemente satisfactorio, con numerosos, variados e bos dicionarios, non deixa de causar agradábel sorpresa que de cando en vez xurdan polo país adiante traballos da índole do que nos ocupa, que anchean pola base, isto é, visando a lingua popular, o noso coñecemento do idioma e que contribúen así de maneira eficaz á súa percepción como instrumento de comunicación rico, variado e creativo”. E Xesús Ferro Ruibal nos Cadernos de fraseoloxía galega nº 7 salientaba: “Por moito que un colector repase un territorio procurando léxico ou fraseoloxía, sempre bate con cousas novas, e darei tamén un exemplo. Levamos xa ben anos un veterinario e mais eu recollendo todo canto teña que ver co gando vacún, recadamos unha importante cantidade de material, temos ben representados os concellos do Morrazo e nunca deramos coa locución dar as claridades (‘parir [os animais]’). Velaí o mérito deste e outros libros semellantes”. Dende entón ten sido recomendado por varias institucións académicas como modelo para realizar este tipo de traballos.

“Unha maré de palabras. Contribución ao léxico do Morrazo” recolle palabras e locucións referentes a todos os ámbitos e momentos da vida do Morrazo, aínda que -loxicamente- o volume máis importante é o motivado polo mar e a vida mariñeira, actividade predominante na nosa península dende tempo inmemorial.

Algunhas das palabras e locucións recollidas permanecían unicamente no uso ou na cabeza de falantes de maior idade, outras moi vivas e mesmo usuais chámanlles a atención ás persoas de fóra que veñen vivir ao Morrazo. O que é seguro é que “Unha maré de palabras” contribuíu a espallalas e darlles máis vida.

Naturalmente, todas elas pronúncianse co seseo e a gheada da zona -aínda que poidan aparecer en galego escritas sen ese trazo tan característico que mesmo as fai irrecoñecibles cando as pronunciamos sen el.

Naquela primeira publicación podemos atopar desde termos afectivos como tatán ‘rapaz pequeno’ ou chiño/chiña termo agarimoso para dirixirse ou falar dunha persoa, a caracterizacións positivas ou negativas como pachán ‘persoa tranquila’, boafé ’persoa de pouco carácter’, rañorte ‘ home duro‘, anicagatos ‘persoa de carácter débil’, lombo de poda ‘persoa pouco traballadora’, galiñán ‘home raposeiro’ ou man furada ’persoa excesivamente gastadora’. Entre os nomes de animais sinalamos becho sen cu ou pirilampo ‘vagalume’, cagulo ’tritón’, dilusiña ou denociña ‘donicela’, cuíco’ coello de Indias’ e mais farricoque ‘burro’. Un gábado é un recipente grande, os cotobelos son pastas comestibles con forma de caracol , un calcudo é un golpe dado cos cotenos, unha peluda unha molladura grande e atalicar ‘atar apertando’. Pai, fillo, nai é o nome do xogo tamén coñecido como “tres en raia”.

Entre as locucións podemos sinalar o tombo dun piollo ‘curto espazo de tempo’, facer achas ‘triunfar claramente’, estar ao freu de ‘estar fronte a’. Ou vai ou racha dise cando se leva a cabo unha acción á desesperada , levar zoques é ‘tardar moito un asunto en resolverse’ e collerlle a sovaqueira a alguén ‘collerlle a medida’. E hai tamén frases exclamativas moi características como Ai, hoxe! que expresa a chegada ao punto da exasperación, Ese home!, alerta humorística para saudar un coñecido, ou Vállate quen!, advertencia ameazante. E un refrán como Ceo pedrento, ou chuva ou vento anuncia o que pode traer a meteoroloxía.

O “Southern Cross”, na Borneira, un suceso que deu lugar á expresión de “ter o Cross na cabeza”

As localidades do Morrazo figuran ás veces expresamente: De Barra a Samil todo é area caracteriza algo presentado como moi fácil, Ir cun ganapán coller a lúa ao Facho unha quimera, e traballar para a Torre ou... para Aldán traballar gratis. E a Historia deixa tamén a súa pegada na Fraseoloxía: Ter o Cross na cabeza significa ‘facerse ilusións’ e alude ao naufraxio dun barco a primeiros do século XX do que algunha xente recolleu moitas mercadorías en bo estado.

Como dixemos, o mar e a actividade pesqueira e mariscadora teñen unha presenza fundamental na vida morracense . Desde Coller o barco pola proa ‘chegar xusto no derradeiro minuto’, ser como a carioca, que leva o rabo na boca ‘ser un círculo vicioso’, navegar a leste ‘coñecer ben algo por experiencia’, ir o barco ás pedras ‘ir mal un asunto’ ou ir avante ‘ir ben, progresar’ ás Chalanas ao mar! que se di cando se fan sopas ao comer ou Rubias ao mar vellos a asollar, rubias á terra mariñeiros á merda, refrán que indica bo ou mal tempo segundo a dirección das nubes arreboladas.

Outros lances (2012)

O mesmo sistema de rede colaborativa levou a novas recollidas. O grupo técnico continuou o seu traballo que derivou na publicación dun artigo (“Outros lances nos laños do Morrazo”) publicado no número 14 dos Cadernos de Fraseoloxía Galega en 2012.

Aquí aparecen case un cento de locucións como achicar agua cun tolete ‘realizar un esforzo inútil, pretender un resultado imposible’, darlle a escacha-pexegueiro ‘realizar algo con exceso, estrago e dilapidación’, estar a pa ‘non marchar ben un negocio’, soltarlle o espicho a alguén ’darlle máis liberdade’ ou vender o peixe ‘convencer con propósitos enganosos’. Atópanse fórmulas exclamativas como Vai morrer o demo! que se di cando acontece algo extraordinario ou Canto mantén o pan de millo! que indica incredulidade ante unha esaxeración. E refráns como Neboeiro no monte de Aldán, chuva na man ou Se o Liboreiro ten sombreiro, mete o cu no borralleiro, que indican signos de mal tempo.

Unha posta de sol desde O Facho, coas Cíes. Existe a expresión “ir cun ganapán a coller a lúa ao Facho”.

Unhas liñas máis (2017)

Un novo artigo (“Botando unhas liñas no mar do Morrazo”) nos Cadernos de Fraseoloxía Galega (desta vez no nª 19, en 2017) facíase eco dorido do falecemento dun dos integrantes e importante dinamizador do grupo, Ramón Rocamonde, e da incorporación de Emma Tilves, de Marín.

Alí recollíanse dous centenares de locucións morracenses como arriar o galo ‘verse obrigado a pagar unha débeda’, comer o demo polas pernas ‘comer moitísimo’, facer co peteiro e desfacer coas patas ‘realizar unha boa acción e despois outra que a desloce’, liar o palangre ‘complicar as cousas’, ir polo arco da vella ‘dar rodeos, saírse pola tanxente’, plantar cacholo ‘abandonar unha actividade’, ser unha viña vendimada ‘ser algo moi fácil’, estar collido pola capeleira ‘estar en apuros’, ou estar feito unha palleringa ‘estar moi desamañado’. Entre as fórmulas rutineiras sinalamos Nin tanto ao mar nin tanto á terra para relativizar unha afirmación extremada, Vai fender vimbias! para desfacerse de persoas molestas ou Sai da chalana! para indicarlle a alguén que se vaia. E entre os refráns Onde non hai cabeza todo é rabo para criticar a quen fai as cousas sen pensalas e Aínda que estea na banda do mar, o sapo á sapa vai atopar, para indicar que sempre hai con quen emparellar por ser da mesma condición.

Palabras con memoria (2020)

O léxico recadado nos últimos quince anos foi enviado polo equipo técnico -con constancia dos nomes das persoas que recolleran cada palabra- a un dicionario colaborativo que se leva formando dende hai anos e que figura na páxina web da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) baixo o título de Palabras con memoria. Alí atópase o cento e medio de palabras seleccionadas con acepcións inéditas constatadas no Morrazo.

Entre elas atópanse verbos como cusichar `coser mal, sen xeito e a présa’, paxarolear ‘adular alguén de forma esaxerada’, escaldar ‘mover ou tocar os niños dos paxaros de tal xeito que a paxara rexeite os ovos’, lamprear ‘ensuxar un tecido`, batuallar ‘crear unha situación confusa ou ruidosa’, adxectivos como cachaleiro/a `persoa que con frecuencia rompe pezas de louza’, manteiro ‘frioleiro’, rillado/a ‘persoa avara’ e mais substantivos como gamada ‘bocadela de aire que se aspira dun cigarro’, charruada ‘xornada de labranza’, pinchopau ‘aparato cunha barra sobre apoio central, nos extremos da que se sentan dúas persoas balanceándose’, vergoña ‘acio de uvas sen vendimar’ , courán ‘escaravello da pataca que aínda non ten couraza ’e magúas ‘conxunto de peixe pequeno utilizado para isco’. Hai lugar para a sorpresa coa palabra someniqueiques ‘películas cómicas do cinema mudo’ que podería proceder do inglés so many cakes (“tantas tartas”) pois as antigas curtas do xénero slapstick baseábanse moito no lanzamento de tartas.

Largando máis aparellos (2022?)

O grupo (incrementado agora coa presenza da moañesa Soledad Ríos, licenciada en Filoloxía Galega) está nestes momentos preparando a publicación -previsiblemente para 2022- doutro traballo na Revista Galega de Fraseoloxía, que agora aparece en edición dixital: o seu título provisorio é ”Largando aparellos nos lances do Morrazo”. Son outros dous centos de locucións, fórmulas e refráns

Entre as locucións deste último artigo podemos citar como exemplos a paneche ‘totalmente cargada unha embarcación’, encher ou levantar os testos ‘provocar dor de cabeza’, non ter/dar boa pía ‘non presentar/causar boa impresión’, pasar leste ‘pasar moita penuria’, botar un fío ‘durmir un pouquiño’, andar a lañar pedras ‘facer traballos inútiles e sorprendentes’ , levantar a poubea `verse unha persoa forzada a mudar de lugar tratando de sobrevivir’ ou ir pola gorxa vella ‘tragar algo polo conduto que vai da larinxe aos pulmóns’.

E tamén figuran novas mostras dese particular humor morracense que practica a “antifrase”, é dicir, que emprega unha frase xusto para expresar o contrario do que literalmente significa, como o xa sinalado Ese home! (Hoxe tamén aparece Esa muller!) Que ninguén se ofenda ao entrar nun establecemento público se un coñecido lanza un Coidado coas carteiras! ou Quietas as pistolas! porque en realidade estanlle dando a benvida, non dicindo que chegou unha persoa “de coidado”. Igual que se nos saúdan Hai que ir morrendo estamos ante un irónico saúdo agarimoso que en realidade significa Hai que ir vivindo!

Conclusión

Nas máis de mil dúas centas palabras, locucións, fórmulas e refráns que o grupo seleccionou no Morrazo tras ese traballo colectivo de case dous centenares de persoas, atópanse moitas palabras e locucións que poden servir de alternativa á moita pobreza expresiva e aos castelanismos que se infiltran acotío no noso galego. Porque a misión dos filólogos -dos “amigos das palabras”- en Galicia non é só describir o estado e o funcionamento da lingua senón darlle luz e vida a todo o caudal expresivo que esta conserva.

Entre as palabras e locucións , ademais, apareceron verdadeiras xoias lingüísticas que sería imposible detallar aquí. Limitarémonos o ofrecer só uns exemplos.

Ter estrelas na alma ‘estar alegre’ Velaí unha imaxe de creación anónima digna de poeta recoñecida.

Ser as X (horas) xustas e batidas. Maneira de realzar a exactitude co eco das badaladas.

Que cho reparta o corpo! Desexo que une o bo proveito coa construción harmónica da figura.

Salto de can, pincho de lebre, levantade o vaso e bebede! Brinde de ritmo alegre en catro xestos.

Ser como Tó e Mé ‘Ser inseparables dúas persoas’ Para entender ben a locución e valorar o seu xeito, cómpre saber que Tó! é a voz que se lle di a algúns animais para que estean tranquilos (de Quietóo!) e Mé! o son que emiten as ovellas. To é me son sílabas inseparables que forman o nome e apelido Tomé. Un curioso epigrama de Antonio Benito Fandiño (1779-1834) di así: Glorioso Santo Tomé, / tedes dous nomes nun só: / sodes castrón polo Mé / e sodes can polo Tó.

Tras o artigo que practicamente pon o ramo ao traballo, o equipo estudiará a posibilidade de publicación conxunta de todo o material, para o que está aberto ás institucións ou editoriais que puidesen estar interesadas.

*Salvador Castro, Lucía Durán, Xosé M.González, Henrique Harguindey, Xosé Martínez, Soledad Ríos, Ramón Rocamonde e Emma Tilves

Compartir el artículo

stats