Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Moaña ilustra as letras inéditas de Xela Arias

A portada do libro ilustrada por Luz Beloso, proxectada durante o recitado. | GONZALO NÚÑEZ

Moaña foi o Concello máis madrugador á hora de iniciar as actividades co gallo do Día das Letras Galegas, o vindeiro luns 17. Onte presentouse o libro inédito “Non te amola!”, da propia autora homenaxeada este ano, Xela Arias. Está ilustrado por Luz Beloso, profesora de artes do IES María Soliño e docente moi vinculada a Moaña.

O Concello entrega un exemplar á directora do CEIP Reibón. | GONZALO NÚÑEZ

Despois dun recitado de poemas deste libro a cargo de Sé Rial e Anabel Budiño, proxectouse un vídeo sobre a obra e interviu o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. “Nunca pasou que na celebración das Letras Galegas se poida publicar un libro inédito da autora homenaxeada. Si que houbo casos de poemas soltos, pero non un texto desta entidade”. Contou como a familia de Xela Arias se puxo en contacto con el para publicar o libro e lle enviou fotografías da obra folio a folio. “Foi escrito hai 31 anos e por distintas causas nunca saiu á luz”, explicóu. Tivo claro, dende o primeiro momento, “que isto só o podería ilustrar Luz Beloso, que ten un nome moi acaído porque todo o que toca o fai brillar”.

Castro desvelou que “existe un segundo libro inédito de Arias, que nunca se publicou por desexo da autora”.

Xa na segunda edición do libro, a ilustradora Luz Beloso explicou tamén como preparou as imaxes que dende agora estarán sempre vencelladas a este poemario.

Pola mañá os concelleiros de Ensino, Normalización e Cultura entregaron un exemplar do libro a cada uno dos centros escolares de Moaña, para que os estudantes poidan dispoñer del na biblioteca.

A programación moañesa arredor do Día das Letras ten a súa continuidade hoxe, ás 19.30 horas, cun concerto-homenaxe a Xela Arias a cargo do grupo Xardín Desordenado. Está previsto na praza do Concello pero, en caso de choiva, será no centro cultural Daniel Castelao de Quintela.

Mañá e pasado Sé Rial e Anabel Budiño voltarán a achegar á poesía da homenaxeada este ano aos veciños con declamados polas rúas de Moaña.

Alumnos de 5º de Primaria de Domaio, con Manuel Bragado. | G.N.

Domaio

Máis alá do acto institucional, tamén o CEIP Domaio organizou onte o seu acto co gallo do vindeiro Día das Letras Galegas. Interviu no centro o exdirector de Edicións Xerais, Manuel Bragado, quen repasou ante os estudantes a vida e obra de Xela Arias.

Despois os distintos cursos interviron recitando poemas da autora homenaxeada este ano. O evento pechou un exalumno do centro que puxo a música de gaita.

Compartir el artículo

stats