O XXIV Premio de Poesía Johan Carballeira non ten un gañador, senón dous. Por vez primeira o xurado premia unha obra colectiva e asinada por dous poetas: Xandra Táboas Martínez e Adrián Mosquera Pazos. O poemario titúlase “Dou aulas de ioga por videoconferencia” e o tribunal salientou no seu fallo a aposta por una poesía experimental e a súa clave irónica.

 

O xurado reuniuse esta tarde no Concello de Bueu e estaba integrado polo crítico e profesor Ramón Nicolás; a integrante do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo Antía Monteagudo; e pola poeta Elvira Ribeiro. A hora de xustificar a súa decisión os integrantes do tribunal suliñan que o poemario “Dou aulas de ioga por videoconferencia” supón unha proposta poética que “explora o noso tempo desde unha perspectiva situada na liña da poesía experimental” e destacan a presenza de “elementos iconoclastas, en clave irónica”, que serven para construír un “diálogo fresco e diferente”.

 

O Premio Johan Carballeira está dotado con 1.500 euros e inclúe a publicación do poemario a cargo de Edicións Xerais. Previamente xa se reunira o xurado do premio de xornalismo, que galardonou a Marta Veiga pola súa reportaxe "Cantigas para despois dunha pandemia".