Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Volve María Soliña, con Pazos de mentor

O Auditorio acolle, coas entradas esgotadas, unha ópera baseada no texto do exalcalde

Parte dos artífices desta “ópera nun acto” que presentaron onte no consistorio de Cangas. | // G.NÚÑEZ

“Xosé Manuel Pazos viviu rodeado de mulleres de armas tomar. María Soliño foi unha máis, pero que muller...” Aurora Prieto, concelleira de Cultura de Cangas, asumiu a presentación dun evento que lle correspondería ao propio Pazos se o autor e exalcalde tivera “agardado un pouco máis para emprender a súa viaxe cara as nubes do universo invisíbel”, en palabras de José R. Bustamante, autor do libreto. Pazos e María Soliña xa forman parte da memoria colectiva, pero tamén son referentes vivos, “luces que seguen acesas”, como se encargan de resaltar os creadores e promotores da ópera homónima que se representará o sábado e domingo próximos no Auditorio, ás oito da tarde. O éxito de público está asegurado, porque as entradas están esgotadas, mais o acto poderá seguirse en streeming pola canle do Concello de Cangas na plataforma Youtube.

Trátase dunha “ópera folk galega” que fusiona estilos, tradición e modernidade, explica o compositor Nacho Mañá, que debullou a orixe da idea, cando asistiu en 2017 á recreación da “Defensa da vila” co desembarco dos piratas berberiscos e a posterior traxedia de María Soliño no Auditorio –por mor do mal tempo que impediu facelo nas rúas e prazas– e “maxistralmente interpretada por Teatro de Ningures”. Falou as opcións con Pazos e acordaron darlle pulo, a través da ópera, a este referente histórico e cultural de Cangas, que se abre ao mundo a través da internet e, probablemente, con posteriores representacións en centros galegos repartidos por distintos puntos xeográficos.

Da complexidade da obra, dirixida por Sigfrid Monleón, da conta un repertorio con 25 persoas sobre o escenario, coa recoñecida soprano Carmen Durán, viguesa con ampla formación e traxectoria profesional en Italia e Alemaña, no papel de María Soliña, José Bustamante como Pedro Barba, o contratenor Christian Gil-Borrelli como Sabela, Lois Soaxe facendo do Cego e un amplo coro integrado por mulleres do Morrazo. Tamén participan o gaiteiro moañés Anxo Lorenzo e o zanfonista Anxo Pintos, así como a Orquesta Sinfónica Vigo 430, dirixida por Roc Fargas i Castells.

“Facede co meu texto o que queirades; tedes toda a liberdade”, díxolles Pazos cando esta proposta botou a andar. E así se fixo en boa parte, ainda que con aportacións de Sófocles ou Eurípides, engade o autor do libreto, como ingredientes de calquera “gran traxedia grega”, mais esta nace en Cangas coa idea de trascender.

Compartir el artículo

stats