Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gerónimo, home de armas tomar

Caseiro na Granxa do Con, tivo un papel destacado nos anos da Guerra da Independencia no Morrazo

A Granxa do Con (s. XIX). Marquesado de Méndez Núñez. Debuxo de J.Cuevas (La Ilustración Gallega y Asturiana)

A finais do último cuarto do século XVIII o matrimonio de Marín, José Fernández Guerra (administrador de rendas) e Tomasa Anguiano Hernández, mercaron en Moaña a denominada Granxa do Con. Dito sexa de paso, chegaron a ser os bisavós do almirante Casto Méndez Núñez, a quen lle concederon a título nobiliario de marqués despois do falecemento, e que ostentou seu irmán Jenaro a partir de 1872. Dende entón a Granxa do Con pasou a ser marquesado de Méndez Núñez, tamén coñecida como O Real.

Escrito de Severo Fernández Chao e Gerónimo Pereira ao Marqués de la Romana

Para traballar as fincas, terreos e casa da Granxa do Con, Fernández Guerra contratou como caseiro ao labrego da parroquia de San Martiño, Gerónimo Pereira, a quen se intúe que o propietario lle deu toda confianza e autonomía á vista dos acontecementos posteriores, tal como o arresto en 1805, cando Gerónimo foi acusado de ocultar varios delincuentes na Granxa de O Con que, logo de ser cacheada baixo o control dun alguacil da Audiencia de Pontevedra quedou en liberdade por falsa alarma.

Casa-granxa de Paxarín, onde viviu Pedro Rubiños en 1809. | // VILLAVERDE

Estrutura social e política.

Á vista dos documentos consultados cabe pensar que o contexto histórico está encadrado na dicotomía que vivía a convulsiva sociedade de principios do século XIX, e sobre todo dende a chegada do exército francés onde os fidalgos, cregos e militares aproveitaron a conxuntura invasora para perpetuar seus privilexios fronte ao emerxente, ou non tan emerxente, do poder económico dos burgueses, comerciantes, escribáns, licenciados, mordomos ou labregos podentes por exemplo. Dentro desta diferenciación atopamos no primeiro grupo, a Manuel e José Saavedra da Casa do Rosal (Moaña), a Pedro Saavedra párroco de S. Martiño de Moaña, a Pedro Benito Rubiños da casa de Paxarín (Ameixoada) irmán do párroco de Meira Ramón Rubiños, a Juan Antonio Vilela, xuíz da policía e xustiza de Cangas, José Ramón Zabala y Durán, capitán de milicia retirado de Cangas e a Manuel Rodríguez Calderón, sobriño do cura de Coiro, entre outros. Por parte do segundo sector, ademais do labrego Gerónimo Pereira, destacan Francisco Antonio Fernández de Santomé de Piñeiro, Severo Fernández Chao, tamén de Santomé e escribán de Cangas. José Benito Pereira, médico de Moaña e condenado a dous anos de desterro en 1810 por afrancesado e unha das persoas clave da formación liberal do concello de Moaña en 1812 (oficialmente sen recoñecer), ostentando o cargo de secretario baixo a alcaldía de Juan de Curra.

Casa fidalga dos Saavedra no Rosal (Moaña). | // VILLAVERDE

Categorías das vilas

En 1808 as parroquias, vilas e pobos da Xurisdición de Cangas pertencentes á Mitra de Compostela estaban dividas en tres categorías: Vilas que eran Cangas e Darbo. Partido de Arriba formado por Santomé de Piñeiro, Santa María de Campo, Ardán, Cela, Bueu, Ermelo e Beluso. O Partido de Abaixo o constituían Aldán, Hío, Coiro, Tirán, Moaña e Domaio. O couto de Meira estaba baixo a xurisdición do marquesado de Valadares e os de Aldán, Bon e Villar pertencía á Casa de Aldán.

Formación de alarmas e xuntas locais

Coa chegada do exército francés a Galicia (xaneiro 1809), a atendendo ás proclamas das xuntas superiores, pronto se formou en Cangas unha xunta de goberno. Nestas xuntas locais foron elixidos os cargos de caudillos de trozos, fachos da costa, xefes de alarmas, vogais para a xunta de Pontevedra e procuradores xerais. Dentro dos procuradores Gerónimo Pereira foi votado polo Partido de Abaixo e Francisco Antonio Fernández polo Partido de Arriba. Estes cargos foron consolidados polo Marqués de la Romana, en xullo de 1809, cando ocupaba o cardo de Capitán Xeral de Galicia. Ambos procuradores integráronse nas alarmas do Morrazo baixo as ordes do comandante Juan Antonio Gago de Mendoza e participaron durante ese anos nas batallas de liberación de Marín, Campolongo, Pontesampaio e reconquista de Santiago. Tamén consta a participación do escribán Severo Fernández Chao que xunto con Gerónimo Pereira desempeñaron a súa función con valor, acerto e patriotismo cando foron elixidos por votación da Xunta Provincial, segundo o certificou o escribán da vila de Cangas García Guardado.

Pontesampaio. Villaverde

O comandante das forzas do Morrazo, Gago de Mendoza, dende a base do cuartel de Salcedo, cando sitiaban a Pontevedra, ordenou o 4 de marzo de 1809, o establecemento de alarmas, elección de xefes das mesmas e formación de gobernos locais. E nestas eleccións saíron elixidos Severo Fernández e Gerónimo Pereira como xefe e axudante na xurisdición de Cangas e cando o xuíz Froilán Leal e o escribán García Guardado remitiron tales cargos á Xunta Provincial para súa aprobación definitiva, foron recorridos por José Ramón Zabala, capitán de milicia retirado e Manuel Rodríguez Calderón, sobriño do párroco de Coiro, ambos de Cangas e con menos votos. Por tal motivo a alarma quedou en suspenso ata o día 5 de xuño de 1809 cando o decano provincial Manuel Carballo nomeou a Zabala e a Rodríguez vogais da Xunta Provincial. Estes novos vogais escolleron a amigos e familiares como representantes das alarmas. Posiblemente Pedro Benito Rubiños, da casa de Paxarín fora nomeado responsable do Partido de Abaixo. Cabe pensar que foi dun xeito provisional porque, como quedou dito, en xullo figuran como procuradores das alarmas Gerónimo Pereira e Francisco Antonio Fernández.

Detención dos procuradores Gerónimo e Francisco Antonio

O avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia e xuíz de Cangas, José María Sequeiros arrestou aos procuradores Gerónimo Pereira e Francisco Antonio Fernández para remitilos á Real Sala do Crime da Real Audiencia do Reino de Galicia, debido a unha denuncia presentada por Pedro Benito Rubiños en xullo de 1810 que os acusa de conspirar contra súa vida. En vista da denuncia o xuíz Sequeiros, acompañado do escribán García Guardado, interroga a Lorenzo García, Manuel Chapela e Pedro Santomé veciños da freguesía de Moaña. Os dous primeiros presos no cárcere pública de Cangas –non apuntan as causas- e o terceiro residente no barrio de Verducedo. As versións dos acontecementos aportadas polas tres testemuñas son bastantes coincidentes. Primeiramente declararon que en tempos do sitio á praza de Vigo, a mediados de marzo de 1809, a alarma do Partido de Abaixo acaudillada por Pedro Benito Rubiños, formou un cordón de xente armada na rada de Moaña ata Tirán para repeler o intentos de desembarco das tropas francesas.

Os comandantes acampados nas aforas da praza de Vigo, posiblemente entre eles o responsable do Morrazo, Juan Antonio Gago de Mendoza, ao mando de 500 homes, e seu irmán Antonio Benito solicitáronlle a Rubiños que embarcase a xente e acudir á vila de Bouzas para unirse as forzas que sitiaban Vigo. No momento en Rubiños deu a orde de embarcar a seus homes, tan só uns dez ou doce accederon, porque previamente Gerónimo Pereira convocara á xente na casa da granxa de O Con, na que traballaba como criado de labranza e de caseiro. Alí arengou contra Pedro Benito Rubiños acusándoo de traidor e que os ían entregar aos franceses.

Continúan o relato os interrogados, dicindo que mentres Rubiños levaba os poucos reforzos para Bouzas, Gerónimo Pereira propúxolle á xente de que, á volta, o esperaran nun camiño e o matasen; cousa que non foi aceptada polos presentes e estes propuxéronlle que o mellor sería destituílo como xefe. Ao retornar Pedro Benito Rubiños, era agardado na Ribeira do Con, para cesalo e pasarlle o mando a Gerónimo Pereira. Rubiños retirouse a súa casa de Paxarín, en tanto que Gerónimo convidou á xente a viño e caña na casa da Granxa, segundo denunciaron as testemuñas.

Manuel Chapela declara que fora cabo do Trozo de O Con e que recibiu ordes de Gerónimo Pereira para ir buscar con dez homes a Pedro Benito Rubiños e a José Jáuregui para obrigalos a facer gardas na Ribeira de O Con, e si se negaban que lle disparasen a matar. Chapela confesa como secretamente mandou aviso previo, e cando foron a buscalos xa non estaban, entón Gerónimo seica quixo arrestalos.

No testemuño de Lorenzo García engadiu ademais que, unha vez tomado o mando Gerónimo, tamén imputou de traidor a José Saavedra da casa do Rosal, por ter acollido nela a varios traidores. Para demostrar esta falsidade, Benito Saavedra (fillo de José Saavedra) primeiro caudillo da península do Morrazo, tivo que ir persoalmente á casa grande do Rosal para cacheala, sen atopar nada máis que a propia familia. En opinión de Lorenzo García, Gerónimo pretendía desacreditar ao comandante Saavedra e alzarse co seu posto.

Outras declaracións coincidentes das testemuñas Lorenzo García e Manuel Chapela, implican nesta vez ao procurador do Partido de Arriba, Francisco Antonio Fernández e sitúan o acontecemento despois da liberación de Vigo, cando convocaron unha xuntanza en Verducedo con motivo de ir ao priorado de Ermelo ante o pretexto de que acollían traidores, e así quitarlles e queimarlles toda documentación de rendas, foros, décimos, etc. de tal maneira que quedarían libres de pagar eses tributos seculares. Os veciños non apoiaron a proposta e retornaron ás respectivas casas.

Rematado o expediente o día 2 de agosto de 1810, o avogado e xuíz José María Sequeiros o enviou á Sala do Crime da Real Audiencia que non lle deu credibilidade, absolvendo a Gerónimo e a Francisco, os cales foron postos en liberdade e restituídos nos seus cargos.

(Documentos cedidos por Manuel Uxío García Barreiro, recuperados no Arquivo Histórico do Reino de Galicia).

(*) Agrupación Cultural Nós de Moaña

Compartir el artículo

stats